A política sanitaria, e moi especialmente a xestión do novo hospital de Vigo (e tamén o de Lugo), convertérase nos últimos tempos nunha das principais dores de cabeza de Alberto Núñez Feijoo. A masiva manifestación (cunha participación de 200 mil persoas) que hai unhas semanas percorreu as rúas das cidade olívica foi a chamada de atención definitiva, deixando moi debilitada a Rocío Mosquera, a pesar de que publicamente o presidente da Xunta expresou o seu apoio á contestada conselleira e criticou a convocatoria da marcha.
A Xunta vén de anunciar unha ampla reestruturación do Goberno, que se produce con certa sorpresa. Rocío Mosquera é destituída, sendo substituída por Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona. Un rexedor da área viguesa, polo tanto. Vázquez Almuíña ocupou cargos de director provincial do Sergas en Pontevedra e director-xerente do Hospital Meixoeiro en Vigo. Na súa nota de prensa, a Xunta elude citar a xa ex conselleira de Sanidade e afirma que "a renovación supón un novo impulso social, económico e territorial para abordar o novo contexto de crecemento". O Goberno pasa de 10 a 12 consellarías.
Outro dos grandes conflitos que estaban poñendo en cuestión a xestión do Goberno galego é a crise dos prezos do leite. A remodelación tamén se centra na Consellaría de Medio Rural e do Mar, que se divide en dous. Rosa Quintana non é destituída, pero si que deixará de ocuparse do tema leiteiro, xestionando a partir de agora unicamente Mar. Ángeles Vázquez Mejuto, alcaldesa de Melide, dirixirá Medio Rural.
O terceiro gran cambio da crise de Goberno anunciada hoxe ten que ver coa política social, outro dos puntos de permanente conflito e crítica á xestión dos populares en Galicia. Créase unha consellaría específica, que será responsabilidade de José Manuel Rey Varela, ex alcalde de Ferrol, derrotado nas eleccións de maio e cuxa xestión da depuración de augas o colocou no centro da polémica, trala confirmación de que Emafesa estaba a cobrar por un servizo que non se realizaba. O pasado mes de xuño, xusto despois dos malos resultados nas eleccións municipais, o Goberno galego anunciou xa unha serie de medidas coas que buscaba dar un xiro social, que foron cualificadas de "insuficientes" e "tardías" pola oposición.
As competencias de Traballo da antiga Consellaría de Traballo e Benestar pasan a formar parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Francisco Conde. Beatriz Mato deixa de ocuparse das políticas sociais para xestionar a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que tamén se divide en dúas partes. A actual responsable, Ethel Vázquez, dirixirá a nova Consellaría de Infraestruturas e Vivenda.
Os novos membros do Goberno tomarán posesión do cargo este luns no Pazo de Raxoi ás 9.30 horas. Trátase da quinta crise de goberno realizada por Alberto Núñez Feijoo dende a súa chegada ao poder en 2009 e é, con gran diferenza, a máis importante de todas. Xaneiro de 2012, decembro de 2012, xuño de 2014 e febreiro de 2015 foron as catro anteriores. Os cambios chegan a un ano das eleccións ao Parlamento galego, que probablemente terán lugar en outono de 2016, e necesariamente teñen unha lectura electoral, procurando incrementar as opcións dos populares de recuncar no Goberno.
Críticas da oposición
As forzas da oposición valoraron xa os cambios introducidos por Alberto Núñez Feijoo. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cre que o presidente da Xunta "enméndase a si mesmo no tempo de desconto do seu mandato" e que "admite o fracaso da súa xestión sanitaria e do seu goberno". "Feijoo lidera agora mesmo un goberno en crise que deixa un país en crise", engadiu.
Pola súa banda, Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, sinalou que “o PPdeG e Feijóo ven a súa derrota no outono de 2016 e, agora, Feijóo quere salvar a súa carreira lanzándose a Madrid e colocando na parrilla de saída ao seu sucesor”. Díaz di que “Feijóo ao fin entendeu a forza dos movementos sociais, das mareas, das mobilizacións cidadás e de plataformas como SOS Sanidade Pública, que recolleron as queixas de milleiros de persoas que pedían en Vigo unha sanidade pública, universal e gratuíta e o fin dos recortes e das privatizacións”.
O portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, afirmou que "Feijoo tenta salvar un goberno morto, máis sinto dicirlle que a resurección non existe". Para Xavier Vence, os cambios supoñen o "recoñecemento do fracaso da súa nefasta xestión" nas consellerías de Sanidade e Medio Rural. "Por fin, despois de moitos anos, parece que o señor Núñez Feijóo se decatou de que Galicia necesita unha Consellaría de Medio Rural específica", engadiu.
Por Compromiso, o seu secretario xeral, Xoán Bascuas, considerou que a remodelación é “a constatación dun fracaso” e unha "emenda á totalidade" da propia xestión da Xunta. Para Bascuas, “tiveron que pasar tres anos e medio para decatarse que foi un erro xuntar as consellerías do Mar con Medio Rural e Medio Ambiente con Obras Públicas”. O líder de CxG sinalou igualmente que o novo conselleiro de Política Social, Rey Varela, "non se caracterizou precisamente por ser exemplar na súa política de benestar social”.