A empresa de augas de Ferrol admite que non depurou pero cobrou por facelo

Instalacións da EDAR de Cabo Prioriño © Degremont

Fendas separadas por menos dun metro, filtracións de auga e, sobre todo, nada de depuración. É o panorama existente na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Cabo Prioriño, que segundo o anterior goberno municipal xa depurara 1,5 millóns de metros cúbicos de auga o pasado marzo pero que, atendendo ao revelado polo novo gabinete, nunca cumpriu a súa función e nunca nada depurou malia cobrarlle á veciñanza por facelo. O anunciado hai poucos días polo alcalde, Jorge Suárez, foi ratificado este mércores por Urbaser, a empresa do grupo ACS -presidido por Florentino Pérez- que controla o 49% de EMAFESA, a empresa mixta que xestiona o servizo de augas da cidade.

Tras presidir o consello de administración de EMAFESA o rexedor ferrolán lamentou a "actitude un tanto desleal" de Urbaser. A filial de ACS non só "recoñece que non existe depuración real", senón que "confirmou que tivo reunións con Augas de Galicia", entidade dependente da Xunta, "para comunicar que había defectos estruturais na obra", construída pola empresa Dragados. Sen subsanar eses defectos non será posible que a depuradora funcione correctamente e para facelo cómpren 550.000 euros que, advirte Suárez, non son "responsabilidade do goberno local nin de EMAFESA", senón da construtora e "de quen recibiu a obra".

Urbaser, filial de ACS, admite agora defectos estruturais na obra, construída por Dragados, por importe de medio millón de euros

Unha vez ratificado que o publicitado non se correspondía coa realidade o goberno local, indica o rexedor, traballa nos seguintes pasos a dar, ao comezar por devolver a factura cobrada por un servzio non prestado. "Ao non haber depuración non hai feito impoñible" e por iso "imos devolver o recibo pasado e imos esixir que non se pase a cobro o seguinte". "Eles aceptan que non se cobre a taxa", pero "hai que dilucidar quen é responsable dos gastos", di Jorge Suárez, a cuxo xuízo "se a obra non estaba para ser recepcionada, esa reclamación terá que facerlla o socio privado á administración que recibiu a obra", a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Goberno central.

Responsabilidades políticas e xudiciais

A parte privada da empresa de augas asegura que detectou os defectos tras saír o PP do goberno: "todo é moi casual", ironiza o alcalde

Dadas as circunstancias, o goberno de Ferrol mantén a súa intención de dirimir o acontecido nos tribunais . "Preguntámonos que é o que fixeron para, despois dun ano da encomenda de xestión a EMAFESA, non detectasen" os problemas da depuradora "ata xustamente cando hai un cambio de corporación". "Todo é moi casual", ironiza o alcalde, quen afirma que "en conversas privadas" membros do anterior goberno do PP alegan "descoñecemento dos feitos". Esta, afirma, é "unha cuestión pouco crible" xa que abonda "con ver como sae a auga" directamente ao mar, de cor negra, "para ver que algo está fallando". "Non é necesario ser químico", afirma, nun contexo no que aprecia "deficiencias técnicas e de xesitón".

Tamén a tenente da Alcaldía, Beatriz Sestayo, dá por "constatados" os "indicios de enormes responsabilidades" tras asistir á xuntanza. "É fundamental coñecer de quen é a responsabilidade de que non se depurase", pero tamén "de que se informase falsamente á cidadanía" e "da emisión da taxa", que "agora hai que repoñerlle á veciñanza" por tratarse "dun pago indebido", censura.

Instalacións da EDAR de Cabo Prioriño © Degremont

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.