A sanidade e o leite abren dúas vías de auga na xestión da Xunta

Vista parcial da manifestación de Vigo CC-BY-NC-SA CIG

O Goberno galego regresa de vacacións con dúas frontes abertas que, lonxe de acougaren á volta do verán, están máis vivas ca nunca. Dúas enormes mobilizacións, unha en Lugo dende primeiras horas da mañá e outra en Vigo polo serán, chamaron masivamente ás portas do gabinete de Alberto Núñez Feijóo coa esixencia de decisións e solucións inmediatas para o sector lácteo e de garantías de seguridade e carácter público para o novo hospital vigués en particular e para a sanidade pública en xeral.

Cando, contra o mediodía, o presidente do Executivo galego accedeu ao seu atril para dar conta do abordado na primeira reunión do Consello da Xunta tras o período vacacional, centos de tractores arrodeaban a Muralla lucense ata converter en escaso o espazo da rolda que a circunda, duns tres quilómetros de extensión. Familias enteiras cuxo sustento principal é a gandería de leite esixíanlle a industria e distribución que deixen de "roubar" o seu produto, e á Xunta, que "goberne" para garantir uns prezos mínimos.

Vista parcial da manifestación de Vigo CC-BY-NC-SA CIG

O que ía ser unha mobilización dunhas poucas horas tornou nunha tractorada de máis dun día de duración. Os vehículos quedaron aparcados ao carón da Muralla durante toda a noite despois de que, durante a tarde, uns 200 bloqueasen a sede de Leite Río no polígono do Ceao. Mentres, algunhas das persoas que participaron na manifestación, marchaban da capital lucense repetindo: "Feijóo, non mires a Madrid, o lío do leite témolo aquí". "Se non o amañas, ímoste botar", advertían.

Histórica manifestación en Vigo

A multitudinaria mobilización de tractores e gandeiros en Lugo ficou comparativamente pequena en relación á enorme manifestación que, horas despois, percorreu o centro de Vigo. A indignación acumulada en torno ao proceso de privatización de parte dos servizos do novo hospital da cidade, que aumentou exponencialmente co inicio do traslado ao novo complexo entre denuncias de múltiplas deficiencias, rebentou definitivamente na que xa é unha das meirandes marchas de protesta na historia da cidade olívica -organización e Policía Local cifran a asistencia nunhas 200.000 persoas-.

A multitudinaria protesta de Vigo rexeitou que a sanidade sexa "vendida por pezas ao mellor postor" e esixiu que "os profesionais traballen con dignidade e a poboación reciba atención digna"

Persoal da área sanitaria, organizacións sindicais, a oposición política en pleno, colectivos en defensa da sanidade pública e un amplísimo volume de poboación de toda a comarca deuse cita nas rúas viguesas para clamar pola sanidade pública. O xornalista Xabier Fortes e o músico Eladio Santos puxéronlle voz ás reclamacións coa lectura dun manifesto que tivo que iniciarse cando a parte final da comitiva aínda non puidera nin comezar a moverse.

Un intre da tractorada en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Nas protestas esixíronse as dimisións de Feijóo, Quintana e Mosquera

A protesta, explicaron, tiña como obxectivo esixirlle á Xunta que o Álvaro Cunqueiro deixe de ser un centro sanitario "vendido por pezas ao mellor postor" e se converta "no noso hospital, onde os profesionais traballen con dignidade e as persoas poidan acudir sen prezos abusivos por aparcadoiros e servizos". Trátase, indican, de que a poboación "reciba a atención sanitaria digna e de calidade que merece" e non padeza as consecuencias da "desaparición e precarización de moitos postos de traballo" mentres as empresas concesionarias alargan o seu "negocio".

As protestas de Lugo e Vigo transcenderon, con moito, a política partidaria e institucional, pero tamén esixiron responsabilidades neste ámbito. En ambas mobilizacións escoitáronse berros de "dimisión" dirixidos ao presidente da Xunta e ás conselleiras das respectivas áreas, Rosa Quintana e Rocío Mosquera.

Remate da protesta de Vigo, na Porta do Sol CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.