Feijóo refúxiase no bipartito dez anos despois como antídoto á derrota electoral

Feijóo, durante a sesión de control no Parlamento deste martes Dominio Público @GrupoPopularGal

O presidente da Xunta esfórzase no primeiro debate parlamentario tras o 28A en esgrimir fortaleza ante a oposición galega, que non explota en exceso o peor resultado electoral da historia do PPdeG 

Hai agora dez anos Feijóo levaba xa dúas semanas á fronte da Xunta. Unha década máis tarde, e dous días despois da primeira derrota electoral da historia do PP galego, o líder popular refuxiouse novamente este martes na súa vitoria de 2009 fronte ás supostas maldades das políticas que executaban os seus antecesores do bipartito de PSdeG e BNG. Fíxoo na sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia ante unha oposición que apenas intentou sacar partido da derrota dos populares.

Nas súas intervencións os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, apenas se referiron aos resultados electorais do domingo, que tampouco foron bos para as súas formacións. Pero tampouco quixo facer sangue cos comicios o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, malia obter o seu partido unha vitoria histórica. Na que foi unha das súas últimas interpelacións a Feijóo, á espera de que tras as eleccións municipais sexa substituído polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que entrará no Parlamento, Leiceaga respondeu á felicitación de Feijóo polos resultados socialitas eloxiando a alternancia. “Quixera en nome do meu grupo felicitalo polos resultados das eleccións”, díxolle Feijóo, ao que o socialista contestou dando folgos aos populares salientando que a democracia é un sistema no que o partido que perde uns comicios aspira a gañar os seguintes.

Tras felicitar ao PSOE Feijóo fixo ver a súa propia fortaleza coa súa maioría absoluta fronte a un Goberno central "que necesita pactar"

Pero tamén na súa felicitación Feijóo fixo ver a súa propia fortaleza fronte á oposición en Galicia distanciándose dos resultados estatais. “As eleccións xa foron, os españois xa falaron, do mesmo xeito que os galegos falaron de xeito maioritario en setembro de 2016”, dixo, lembrando que a súa é a única maioría absoluta nas comunidades autónomas fronte a un Goberno central “que necesita pactar”.

Villares, Leiceaga e Pontón, durante unha sesión de control Dominio Público Parlamento de Galicia

Ante preguntas sobre a imputación dun cargo pola mina de San Fins, a independencia da CRTVG ou a vivenda pública, as respostas de Feijóo foron culpar o bipartito

Fronte ás poucas referencias aos resultados electorais do domingo que quixeron introducir no debate os portavoces da oposición, Feijóo optou por refuxiarse ante as súas preguntas en 2009, na súa vitoria sobre o bipartito. Así, ante a pregunta de Villares pola imputación do seu director xeral de Enerxía en relación coas irregularidades da mina de San Fins, a resposta de Feijóo foi que o bipartito ampliara a concesión desa explotación. Se Leiceaga intentou afearlle a política de vivenda pública, o presidente retrucou dicindo que en 2009 “había 25.000 persoas esperando por unha vivenda pública e agora hai 13.000” -obviando que o seu Goberno cambiou os criterios para acceder ao rexistro de demandantes-. E se Pontón reclamou o cumprimento da lei de medios públicos para garantir a independencia da CRTVG, Feijóo escudouse en que durante o bipartito xa se elixía a dedo a súa dirección e o PSdeG e o BNG se repartían o control da televisión e da radio. 

Pero as preguntas sectoriais que lle formularon os tres portavoces da oposición e o seu xeito de pasar por riba dos resultados do domingo non impediron que o propio Feijóo colocase, a continuación da súa felicitación aos socialistas, o seu discurso de oposición ao Goberno de Sánchez. “Espero que a partir de agora haxa un Goberno estable en España e que respecte os intereses lexítimos dos galegos”, dixo, para engadir que “Galicia é e será sempre unha comunidade responsable e leal”. Un discurso en clave estatal que lanzou desde o Parlamento de Galicia despois de que diversos medios e comentaristas madrileños lle afeasen que non acudise este martes á reunión de Pablo Casado coa dirección do PP tras os malos resultados do domingo por asistir a unha sesión de control na Cámara autonómica fixada desde antes dos comicios.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.