O 1 de marzo de 2009 había quen non o cría. Uns cantos expertos en demoscopia advertiran de era probable e na forza triunfadora as certezas afianzaban dende días antes da cita coas urnas. Pero a incredulidade cundía entre a militancia e a cidadanía partidaria das forzas que gobernaran Galicia na última lexislatura. Despois de apenas tres anos e medio o PP volvía á posición onde case sempre estivera, a maioría absoluta no Parlamento de Galicia.
Tras a durísima campaña electoral que o levou a vitoria Feijóo dispúñase a sacar o país da crise. A economía seguiu en recesión ata mediados de 2010 e en 2011 entrou noutra, case tan profunda como a anterior e aínda máis prolongada
Tras unha durísima campaña electoral o antigo vicepresidente de Manuel Fraga, Alberto Núñez Feijóo, ía ser o novo presidente da Xunta. O PP apenas aumentara un punto en apoio cidadán e a suma dos partidos da coalición de Goberno, PSdeG e BNG, superábano en case 6.000 votos. Pero os conservadores lograran arrebatarlle un escano ao Bloque na provincia da Coruña, dabondo para volver ter os 38 que lle aseguraban a investidura do seu candidato..
Feijóo ía ter a oportunidade de aplicar o Contrato con Galicia que, antes da campaña, anunciara con solemnidade na terraza do Hostal dos Reis Católicos, con vistas á residencia oficial de Monte Pío. Dispúñase, proclamaba, a sacar a Galicia da crise económica e, moi especialmente, a minguar o número de persoas en paro, tan grande que "poderían encher 50 pavillóns deportivos", dixera o PP en campaña.
Pero nada era tan rápido nin doado como gañar as eleccións. Galicia estaba nunha profunda crise económica que, como cabía agardar, non desapareceu a mediados de abril de aquel ano, cando o gabinete que encabezaban Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana abandonou San Caetano. A economía galega seguiu en recesión ata mediados de 2010 e en 2011 entrou noutra, case tan profunda como a anterior e aínda máis prolongada no tempo. O Produto Interior Bruto do país non volveu medrar ata niveis semellantes aos anteriores á caída de Lehman Brothers ata o ano 2015.
En 2009 a renda per cápita galega era do 88% da media da UE e os datos máis recentes sitúana no 81%
Entre as primeiras medidas estrela do novo Goberno do PP figurou o seu Plan Estratéxico da Economía, un documento que prevía que, grazas á boa xestión do Executivo, Galicia recuperase a senda da converxencia con Europa. Isto é, que a renda da poboación galega fose cada vez máis semellante á da media da UE. Pero iso tampouco sucedeu, aínda que Galicia gañou posicións relativas a respecto da contorna xeográfica máis próxima.
A renda per cápita de Galicia era o 88% da media continental cando Feijóo chegou ao poder e na súa segunda lexislatura xa descendera ata o 79%. O dato máis recente divulgado por Eurostat, correspondente a 2017, indica que malia á senda ascendente dos anos previos aínda non se recuperou todo o camiño andado e a renda galega é o 81% da media da Unión. Mostra desta disparidade de cifras é que a economía medra case tres veces máis que a renda dos fogares.
Galicia seguiu destruíndo emprego ata 2014 e aínda que rematou 2018 creándoo a bo ritmo, os postos de traballo son aínda uns 100.000 menos que hai unha década
Intimamente vinculado cos datos de crecemento económico están os principais indicadores do mercado laboral. Feijóo limitou en numerosas ocasións a destrución de emprego en Galicia á etapa do Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas, aos que adoita atribuír os maiores niveis de paro da historia recente. No entanto, os datos din outra cousa. Galicia seguiu destruíndo emprego ata mediados de 2014, ano no que o paro tocou teito. Non en van, a destrución de postos de traballo no mercado laboral galego chegou a ser posta como exemplo pola UE para ilustrar o sucedido en todo o sur do continente.
Os datos máis recentes da Enquisa de Poboación Activa indican que a economía galega xa crea emprego en cantidades relevantes, aínda que o número de postos de traballo segue a estar uns 100.000 por baixo dos que había antes do inicio da crise económica. Esta redución está vinculada, entre outros factores, á perda de poboación activa, unha mingua intimamente ligada ao envellecemento da poboación e tamén á emigración.
A demografía é, precisamente, outra das materias pendentes desta década. Posiblemente, a gran materia pendente. Apenas medio cento de concellos galegos gañaron poboación nestes dez anos e os principais indicadores demográficos falan de envellecemento e mingua poboacional. A fenda entre nacementos e mortes é a maior da historia e medidas anunciadas pola Xunta como o novo cheque-bebé ou infraestruturas de coidado como as Casas Niño non semellan, cando de momento, estar a ser capaces de inverter a tendencia.
O que si mantivo e mesmo afondou a súa tendencia positiva nestes anos foi o abandono escolar temperán. Esta cifra, que mide a porcentaxe de poboación de entre 18 e 34 anos que seguiu estudando tras rematar a ESO, só aumentou unha vez en termos interanuais dende o ano 2009 e finalizou 2018 un chisco por riba do 14%. O PPdeG adoita atribuírse en exclusiva estes datos, aínda que ao tratarse dun indicado que se constrúe con franxas de oito anos, o certo é que parte do mérito é compartido co goberno de socialistas e nacionalistas, igual que no caso destes os seus datos procedían parcialmente dos tempos de Fraga.
Os Orzamentos
Como todos os demais gobernos da contorna e mesmo do continente, o galego tamén tivo que aplicar aos seus Orzamentos notables recortes, cuxa existencia Feijóo adoita negar especialmente en eidos sociais, como a sanidade e a educación. O certo é que gran parte das partidas das contas públicas galegas aínda non recuperaran en 2019 os niveis de 2009 e as que o fixeron regresaron a eles tras anos de fortes reducións.
Mentres que ao orzamento educativo aínda lle resta un chisco para recuperar todo o perdido (en 2019 quedou arredor dun 2% por baixo do de 2009), os fondos para a sanidade pública si están xa por riba dos que Feijóo atopou ao chegar hai agora dez anos. Isto sucedeu, non obstante, tras oito anos de restricións orzamentarias que sumaron case 1.000 millóns de euros, os cales contribuíron a inchar un malestar que neste décimo aniversario da súa primeira vitoria é para Feijóo unha das principais frontes políticas por resolver.