Galicia ten 110.000 empregos menos que antes da crise malia crear 32.000 nun ano

Unha oficina de emprego en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

O paro baixou en Galicia en 4.100 persoas no último trimestre de 2018 con respecto ao trimestre anterior. Así, e segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), o número de persoas paradas sitúase no país en 148.900, 33.200 menos que hai un ano.

O paro baixou en 33.200 persoas nun ano e afecta a case 150.000, 21.200 máis que hai unha década e cunha taxa 2,5 puntos superior

Son algunhas das cifras positivas que se tiran dos datos do INE, que permiten tamén tamén alargar o foco e comparar o mercado laboral galego de hoxe co de hai unha década, co do cuarto trimestre de 2008 e, xa que logo, co do momento no que comezou a grave crise económica da que aínda se sofren as consecuencias, só unhas semanas despois da caída de Lehman Brothers.

Galicia contaba daquela con 127.700 persoas paradas segundo a EPA de finais de 2008. Eran 21.200 menos que agora e cunha taxa de paro inferior aínda ao 10% (9,64), case dous puntos e medio por baixo do 12% da actualidade. 

A crise elevou o paro a cifras récord e bateu con dureza nun mercado laboral minguado. Nunha década, Galicia destruíu case 110.000 empregos. As 1.088.100 persoas ocupadas do último trimestre de 2018 eran 108.300 máis no mesmo período de hai unha década: 1.196.400. 

Galicia destruíu case 110.000 empregos na última década e minguou o seu mercado laboral ao perder 87.100 persoas activas

Con todo, e malia o descenso na ocupación en 8.400 persoas no cuarto trimestre do ano pasado con respecto ao anterior, o número incrementouse en 32.200 nos últimos doce meses. A taxa de ocupados mellora e sitúase en Galicia no 46,61%, pero é aínda máis de tres puntos inferior á que tiña hai unha década, na que era case do 50% (49,73%).

Destruíronse máis de 108.000 empregos en dez anos malia que o paro, no mesmo período, aumentou nunhas 21.000 persoas. As cifras de ocupación están, aínda, nos mesmos niveis de hai sete anos, en 2011, cando o impacto da crise económica era especialmente duro. 

A emigración na busca de traballo, o desánimo á hora de apuntarse ás oficinas de emprego e a persistente caída demográfica (Galicia perdeu máis de 60.000 habitantes na última década) impulsan a perda de ocupación pero tamén a caída do mercado laboral. 

O número de persoas activas --poboación que traballa ou busca emprego-- en Galicia sitúase no último trimestre de 2018 en 1.237.000, 87.100 menos que hai unha década, cando esta cifra chegaba a 1.324.100. 

No caso do mercado laboral, a súa mingua mantense paseniño mesmo nestas épocas de recuperación. O número de activos e activas diminuíu en 12.400 persoas con respecto ao trimestre anterior. De compararmos con  hai un ano, o número a caída é de 900 persoas.

Esta perda de poboación activa amortigua a taxa de paro, xa  que no último ano o descenso do número de paradosfoi superior ao incremento dos ocupados, precisamente polo perda de persoas activas.

Por outra banda, no cuarto trimestre de 2018, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.200 unidades e sitúase en 54.200 fogares. Respecto ao cuarto trimestre de 2017, esta tipoloxía de fogares redúcese un 18,0%.

Ademais, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 2.500 unidades, quedando en 604.500. En relación co mesmo trimestre do ano anterior, hai 21.000 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 3,6%.

En canto ao emprego por conta allea, no cuarto trimestre de 2018 había 6.200 persoas asalariadas menos ca no trimestre anterior. A destrución de emprego concéntrase no sector privado (6.600 persoas asalariadas menos no sector privado e 400 máis no sector público) e no temporal (8.600 empregos temporais menos e 2.400 indefinidos máis).

Ademais,  nese último cuatrimestre do ano había 150.900 persoas ocupadas cun posto de traballo a xornada parcial (o 13,9 % da poboación ocupada fronte ao 13,1 % de un ano antes). O 57 % das persoas que traballaban a xornada parcial manifestaron que tiñan ese tipo de xornada porque non atopaban un traballo a xornada completa e só un 7 % afirmou buscar ese tipo de xornada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.