Galicia comezou a década cun claro obxectivo marcado dende a Xunta no que atinxe á converxencia da renda da poboación a respecto da media da Unión Europea. No ano 2010 o Goberno galego puxo en marcha o seu Plan Estratéxico para a economía galega, un guieiro que chegaba ata 2014 e no que se prevía que nese período a renda per cápita galega chegaría ao 95% do promedio da Unión. No entanto, as sucesivas actualizacións deste dato veñen ratificando que aquelas previsións non só non se corresponderon coa realidade, senón que sucedeu todo o contrario: o proceso de converxencia da renda galega coa UE retrocedeu unha década e Galicia só gañou posicións relativas a respecto doutros territorios próximos porque cadansúa renda media retrocedeu aínda máis a respecto da UE.
A oficina estatística da Comisión Europea, Eurostat, vén de facer públicos os datos das "contas económicas rexionais" correspondentes ao 2016 e, no mesmo estudo, axustou lixeiramente algúns dos datos de exercicios anteriores. O resultado é que nese ano a renda per cápita da poboación galega estaba no 82% da media da UE, dous puntos máis que en 2015 e tres máis que en 2014, pero seis menos que en 2008. Isto supón que este indicador regresou durante a crise a niveis da contorna de 2004 ou 2005 e perdeu polo camiño todo o que avanzara nos anos de expansión, cando se chegara ao 88% da media continental.
Dende a Xunta adóitase insistir na necesidade de non ollar unicamente o dato galego, toda vez que a renda galega está agora máis lonxe da media da UE que no inicio da crise, pero está máis preto dese promedio que a moitos territorios da contorna, tanto de España como de Portugal. Se ben é certo que Galicia gañou posicións relativas neste tempo non o é menos que a causa é que outros territorios perderon máis, non que a marcha da economía galega permitise avanzar de xeito notable.
Galicia gañou posicións relativas neste tempo porque outros territorios perderon máis
Así, por exemplo, no ano 2003 a renda per cápita de Galicia supuña o 79% da media da UE, o terceiro nivel máis baixo de todo o Estado e só por diante. No ano 2005 era xa do 83%, un punto menos que no dato máis recente (2016), e iso supuña estar no cuarto peor posto en comparación co resto de comunidades autónomas. Pero o impacto da crise e a evolución das diferentes economías na fin da recesión provoca que agora, co devandito 82%, Galicia estea por diante de sete comunidades autónomas españolas e que a súa renda per cápita estea máis próxima á media da UE que a de todos os territorios de Portugal agás a área metropolitana de Lisboa.
Esa mudanza de posicións relativas a respecto da contorna de España e Portugal obsérvase ao comparar as posicións de cada territorio no ano 2008, considerado o do inicio da crise, e o dato de 2016. En toda a Península Ibérica o único territorio que avanzou -e moi levemente- foi a rexión centro de Portugal, que así e todo segue sen acadar o 70% da renda media per cápita da UE. Outras dúas rexións portuguesas -Alentejo e Norte- presentan un balance plano neste aspecto oito anos despois e dúas mais, Açores e Algarve, teñen retrocesos un chisco inferiores ao de Galicia -4 puntos-. Un nivel de retroceso no proceso de converxencia europea semellante ao galego é o que presentan Castilla y León ou Extremadura, se ben a renda media castelán-leonesa está máis próxima á media comunitaria (87%) e a estremeña moito máis lonxe (63%).
O estudo reflicte amplas diferenzas e desigualdades no seo da UE, que van dos 21.500 euros de renda per cápita media anual en Galicia aos máis de 200.000 no centro de Londres ou aos menos de 10.000 nalgúns territorios búlgaros
A tradución a euros deses 18 puntos de diferenza entre Galicia e a UE é elocuente. Nun contexto no que a comparación está harmonizada en termos de poder adquisitivo -os prezos e os salarios son moi dispares en función dos territorios-, a renda media per cápita na Unión Europea quedou en 2016 nos 29.200 euros anuais. Isto supón 5.100 euros máis que a media do Estado español e 7.700 máis que a renda media per cápita en Galicia, situada nesta ocasión nos 21.500 euros.
A situación galega, española ou portuguesa é moi diferente, á súa vez, da doutros territorios do continente. Así, por exemplo, na zona centro de Londres a renda per cápita é un 611% a media da UE (207.300 euros anuais) e en Luxemburgo rexístrase un valor do 257%, con 75.100 euros en poder adquisitivo equivalente ao ano. Este estudo reflicte tamén que na Unión perviven desigualdades económicas moi fondas; non en van, nas partes máis baixas do rexisto sitúanse rexións búlgaras ou romanesas que non chegan ao 40% da renda per cápita media da UE, con menos de 10.000 euros ao ano.