Só os salarios máis altos seguiron subindo durante a crise. Cando os medios e baixos comezaron a recuperarse fixérono levemente e menos que os prezos. Todo, cun maior peso da temporalidade no mercado laboral e no medio dunha profunda crise demográfica. É o cadro xeral da Galicia da saída da recesión económica iniciada nos tempos da caída de Lehman Brothers e ten, entre as súas consecuencias, que o crecemento xeral da economía vaia moi por diante do que medran as rendas dos fogares. Concretamente, 2,8 veces máis.
Na Galicia da saída da recesión cando a economía en xeral xa medraba con vigor, as rendas dos fogares facíano a un ritmo de apenas un 1%
O Instituto Galego de Estatística vén de debullar as contas dos fogares galegos ata o ano 2016, cando a recesión económica xa finalizara. Isto é, cando o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia xa volvía medrar con vigor, por riba do 3% e cando en numerosos discursos públicos se aludía abertamente da chegada da recuperación ás familias. E, efectivamente, esa recuperación chegaba no sentido de que a renda xa crecía -sempre en termos medios-, pero moito menos que a economía xeral.
A renda bruta dos fogares galegos era de algo máis de 38.000 millóns de euros en 2016, cuarto ano consecutivo no que a súa evolución interanual foi positiva. Ese crecemento regresou en 2013, precisamente o último ano no que a renda dos fogares crece ao mesmo ritmo que o conxunto da economía. Cando o PIB tiña cifras negativas, explica o IGE, a renda dos fogares tiña "un mellor comportamento relativo", decrecía menos, "polo efecto redistribuidor das prestacións sociais". O último dato dispoñible é elocuente: o PIB medraba en 2016 case a un ritmo do 4% interanual e a renda dos fogares, apenas a un 1%.
As prestacións sociais, dende as pensións de xubilación ás de desemprego, están por tras do crecemento nos primeiros anos da fin da recesión, como o 2015, detalla o IGE. No entanto, en 2016 nese medre tiveron un maior peso aos salarios e outros rendementos semellantes.
O gasto das familias galegas medra máis que a súa renda e esta diferenza fai diminuír o aforro
Neste contexto de diferenza de crecemento entre a economía xeral e a economía familiar prodúcese tamén outro fenómeno relevante: o gasto das familias medra máis que a súa renda. Concretamente, detalla o IGE, "o gasto en consumo dos fogares medrou un 1,9%" no ano analizado, seis décimas máis do que creceu o diñeiro que manexan. "Como resultado, temos unha diminución do aforro".
Aínda que o papel dos salarios e outras rendas é relevante é tende á alza tras os anos da crise, a oficina estatística galega tamén se fixa no impacto económico que seguen a ter as denominadas "transferencias sociais en especie", isto é, os servizos como sanidade e educación que os fogares reciben de xeito gratuíto ou "a prezos non significativos" porque son financiados polos impostos.
O peso económico destas prestacións chegaba en 2016 aos 8.244 millóns de euros, case 200 máis que en 2015. O estudo recolle tamén, non obstante, a súa diminución durante a recesión económica.