O abandono escolar temperán acada en Galicia o seu menor nivel tras seis anos a caer

Alumnado dun centro educativo galego CC-BY-SA Xunta

O abandono escolar temperán está en Galicia no seu nivel máis baixo dende que existen datos. O dato máis recente deste indicador, que deriva da Enquisa de Poboación Activa (EPA), indica que xa só o 14,3% da minguante poboación galega de entre 18 e 24 anos non seguiu ningún tipo de formación despois de rematar a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Porque iso é o que mide esta taxa, empregada en numerosas ocasións como mostra das habilidades do alumnado ou mesmo da Administración educativa en xeral.

A porcentaxe de persoas que non seguiu ningunha formación despois de rematar a ESO é nos homes seis puntos superior ás mulleres, entre as que baixa ata preto do 11%

O dato de 2018 continúa, aínda que con algo menos de intensidade que en exercicios anteriores, a senda descendente iniciada en 2016, último ano no que o abandono escolar temperán aumentara no país. A porcentaxe de poboación moza que conta coa ESO como máximo nivel de formación aséntase por baixo do 15%, se ben as diferenzas de xénero seguen a ser obvias: o abandono escolar temperán é entre os homes case seis puntos superior que entre as mulleres galegas.

O dato de abandono escolar non é unha foto fixa, senón que reflicte a tendencia de seis anos

O dato de abandono escolar temperán non é, así e todo, a foto fixa nun ano en concreto, senón a tendencia dun período amplo. Non en van, reflicte os mozos e mozas que remataron a ESO entre os últimos dous e oito anos e non continuaron a estudar Bacharelato, Formación Profesional ou outro tipo de itinerario formativo, fose regrado ou non. 

Deste xeito, o dato de 2018 é o resultado de avaliar a mocidade que non continuou a estudar tras finalizar a Secundaria entre 2010 e 2016. Ou, o que é o mesmo, do estudantado que cursou estes cursos do ensino obrigatorio en plena crise, período no que a inserción laboral da xente nova se deteriorou aceleradamente.

O de 2018 é o primeiro dato de abandono escolar temperán que corresponde integramente ao período do Goberno de Alberto Núñez Feijóo e segue a tendencia descendente dos últimos anos

Daquela, non se corresponde coa realidade o diagnóstico que o PP galego vén realizando reiteradamente nos últimos anos, atribuíndo este indicador en exclusiva á xestión do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Así, por exemplo, o pasado novembro o líder das Novas Xeracións do PP en Galicia, Adrián Pardo, ligaba á xestión do seu partido na Xunta o feito de que na última década o abandono escolar descendese nuns dez puntos.

No caso de dar por boa a relación entre a baixada do abandono escolar e a cor política do goberno, tal e como apuntan os populares, neste caso o mérito dos últimos descensos sería compartido entre o gabinete de Feijóo e o que encabezaron PSdeG e BNG entre 2005 e 2009. Non en van, cando comezou a actual senda descendente foi en 2012, cando o abandono escolar temperán medía o acontecido entre 2004 e 2010. O primeiro dato que corresponde a anos integramente gobernados por Feijóo é o de 2018 (2010-2016) e segue a tendencia á baixa do período anterior.

Estes datos rexístranse nun contexto no que a xa escasa proporción de mocidade cuxo nivel de formación regrada non pasou do ensino primario descendeu aínda máis. Segundo o Instituto Galego de Estatística a finais de 2018 apenas o 5% da poboación de entre 16 ou 29 anos non rematara a Educación Primaria, unha redución de dous puntos no último lustro. 

Mentres a porcentaxe de mocidade que cuxo nivel formativo acadou a educación superior -FP ou universitaria- aumentou lixeiramente nos últimos anos e xa rolda o 30%. O nivel de formación maioritario entre a mocidade galega segue a ser, así e todo, a ESO, con máis dun 60% segundo os datos máis recentes do IGE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.