Galicia perde poboación xuvenil ano a ano e non o fai por unha causa única. O descenso de natalidade, máis acusado a partir dos anos 80, a emigración de persoas nadas no país e a marcha de poboación moza que inmigrara a Galicia durante a considerada bonanza económica son algúns dos factores que contribúen a un produto que ten o seu reflexo directo no mercado laboral. A Enquisa de Poboación Activa difundida esta semana reflicte unha vez máis que o estrago laboral entre a mocidade é moito maior que entre a media da poboación, ata o punto de que Galicia perdeu, practicamente, a metade do emprego xuvenil en apenas media década.
En Galicia traballan 113.800 persoas de entre 16 e 29 anos e unhas 57.000 están en situación de desemprego
No segundo trimestre de 2016 rexistráronse en Galicia 113.800 persoas de entre 16 e 29 anos a traballar, unhas 2.000 menos que un ano antes, e 57.200 en situación de desemprego, 3.000 menos que no mesmo trimestre do ano 2015. Mentres, 157.400 permanecían inactivas, isto é, fóra do mercado laboral por estaren desenvolvendo outros labores -estudos, por exemplo-. Unha ollada co foco máis amplo, ata mediados de 2009 -ata onde ofrece datos o Instituto Galego de Estatística-, amosa como no inicio da serie as mozas e mozos que traballaban en Galicia eran case o duplo, mentres que as persoas desempregadas nesta franxa de idade eran unhas 4.000 máis e as inactivas, unhas 2.000 menos. A redución de poboación xuvenil ocupada duplica, daquela, a redución xeral de mocidade no país.
As taxas de ocupación e desemprego están separadas por apenas un punto
Estes retrocesos teñen o seu reflexo nas taxas de actividade, inactividade e ocupación da poboación xuvenil. Despois de case un ano no que a taxa de ocupación se mativo por riba da de desemprego, neste segundo trimestre de 2016 ambas quedan separadas por pouco máis dun punto: 33,5% de paro fronte a 34,7% de emprego. Se as tendencias continúan -ocupación á baixa, desemprego á alza- o mercado laboral xuvenil regresaría ao escenario que o caracterizou entre 2013 e 2015, período no que a taxa de paro se mantivo por riba da de ocupación. O panorama actual está, en calquera caso, moi lonxe do que amosa o inicio da serie, cando a ocupación roldaba o 50% e o paro non chegaba ao 25%. A taxa de actividade -mocidade incorporada ao mercado laboral- mantense, pola súa banda, nos niveis máis baixos da serie.
Estas cifras prodúcense nun contexto no que, como antes da crise, o sector servizos segue concentrando o emprego xuvenil: 85.400 persoas de entre 16 e 29 anos traballan nese sector mentres que 17.400 o fan na industria, 5.500 na construción e outras tantas na agricultura ou na pesca. Segundo o IGE, entre a poboación xuvenil ocupada 86.700 persoas traballan a xornada completa e 27.100, con xornada parcial. En 2009 o persoal a xornada completa neste sector da poboación estaba formado por case 178.000 homes e mulleres, mentres que traballaban con xornada parcial algo menos de 34.000.