Galicia pechou o ano 2017 co dato de abandono escolar temperán máis baixo dende que hai rexistros. O 14,9% co que finalizou o pasado ano supón atravesar o limiar marcado pola UE para España para 2020 tres anos antes do previsto e continuar máis de 3 puntos por baixo da media estatal. Estes bos números, que foron celebrados a pasada semana dende a Consellería de Educación, poderían ter ademais un valor engadido para o actual Goberno galego, toda vez que é o dato de abandono escolar máis ligado ao seu período de xestión. No entanto, na súa interpretación do resultado do PPdeG non se limitou a eloxiar o Executivo de Alberto Núñez Feijóo, senón que tamén cargou contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG esgrimindo unha comparación coa que deu en criticar datos tamén correspondente aos tempos de Manuel Fraga.
O novo presidente das Novas Xeracións dos populares galegos, Adrián Pardo, ofreceu este mércores unha comparecencia ante os medios para abordar a política educativa da Xunta partindo do argumento de que "fronte a aqueles que fan da educación un foco de conflito e adoutrinamento, nós facemos un motor de progreso". Segundo Pardo, "resulta moi curioso" que "algúns dirixentes do PSOE ou do BNG critiquen" a xestión do actual Executivo en materia educativa se "cando eles gobernaban deixaron un fracaso escolar [en referencia ao abandono escolar temperán] en torno ao 26%". A crítica do dirixente conservador refírese ao dato de abandono escolar temperán feito público no remate do ano 2009, do 25,8%, que se ben é certo que atinxe ao mandato de socialistas e nacionalistas, non o é menos que o fai en igual medida ao do derradeiro gabinete de Fraga, que tivo a Alberto Núñez Feijóo como vicepresidente.
A taxa de abandono escolar temperán non é unha foto fixa, senón que reflicte a situación da mocidade que rematou a ESO entre os últimos dous e oito anos
Ao contrario do que adoita ser afirmado ou suxerido dende ámbitos políticos de signo diverso, a do abandono escolar temperán non é unha foto fixa do actual sistema educativo, senón un diagnóstico do pasado recente neste ámbito. Tal e como detallan o Instituto Galego de Estatística, o INE e mais Eurostat, esta taxa é tirada do traballo estatístico da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e reflicte a porcentaxe da poboación de entre 18 e 24 anos que no ano de referencia "non completou o nivel de educación secundaria de segunda etapa e non segue ningún tipo de formación". Ou, o que é o mesmo, á mocidade que chegou á idade de rematar a ESO entre hai dous e oito anos e non continuaron a estudar Bacharelato, Formación Profesional ou outro tipo de formación regrada ou non regrada.
Deste xeito, mesmo dando por boa a tese de que a cor política do Goberno galego inflúe nestes resultados, os de 2017 serían os últimos con certa vinculación co Executivo bipartito, pero terían relación fundamentalmente co do PP, xa que o obxecto de estudo é a poboación en idade de rematar a ESO entre 2009 -ano no que a esquerda goberno a Xunta ata o 17 de abril- e 2016. Mentres, o dato de 2009 aludido polos populares é o resultado de analizar á mocidade que saíra dos estudos secundarios de 2001 a 2007. Ou, o que é o mesmo, durante os anos que cadraron coa derradeira lexislatura de Fraga e ata o segundo ano completo da coalición de PSdeG e BNG na Xunta, cuxa xestión estaría ligada aos datos de abandono escolar temperán dende 2007 e ata 2012.
Así e todo, tal e como sinalaron repetidamente as principais centrais sindicais e evidencia a propia EPA, a evolución dos datos de abandono escolar temperán responde a unha vertente educativa, pero tamén está intimamente ligada á evolución ou degradación do mercado laboral e ás oportunidades de traballo para a xente máis moza. A mocidade foi, precisamente, un dos sectores da poboación máis afectados polo estrago laboral nos anos da crise. Mostra disto é que o ritmo de redución de menores de 30 anos a traballar en Galicia foi o duplo de intenso que a mingua xeral da poboación desas idades pola baixa natalidade-.
Así, unha ollada á serie histórica da EPA ofrecida polo IGE, que comeza en 2009, amosa como o mercado laboral galego rematou 2017 con apenas 25.000 persoas menores de 29 anos a traballar que só rematasen a Educación Secundaria Obrigatoria antes de incorporárense ao mundo do traballo, a cifra máis baixa dende que hai datos na oficina estatística galega. Son 6.000 menos que un ano antes e un 60% menos que a finais do devandito ano 2009. Mentres, o número total de mozas e mozos nesta franxa de idade tamén minguou, pero fíxoo moito menos -algo máis dun 24%, de 424.000 a 320.000 persoas-, o que suxire unha maior permanencia no ámbito académico que contribúe a uns mellores resultados de abandono escolar temperán.