O 40% da mocidade que traballa en Galicia ten contratos de menos de medio ano

O sector servizos é maioritario entre a mocidade ocupada CC-BY-NC-SA CIG

O mercado laboral da mocidade en Galicia continúa a acumular datos que confirman a precariedade e a temporalidade, cada vez máis asentadas. Unha das grandes lacras é a duración dos contratos. Case o 40% das mozas e mozos menores de trinta anos teñen contrato cunha duración inferior aos seis meses. Son, en concreto, o 38%. 

Case o 40% das mozas e mozos menores de trinta anos teñen contrato cunha duración inferior aos seis meses

Esta é unha das conclusións da radiografía sobre o mercado laboral das persoas máis novas presentada este venres en Compostela pola secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, co gallo da celebración este sábado do Día Internacional da Mocidade. O estudo, ademais, mostra que o 21,7% das persoas menores de 35 anos teñen contratos a tempo parcial, fronte ao 13,9% do conxunto de idades.

Esta taxa de parcialidade dispárase ao 37,5% entre as menores de 25 anos. Ademais, lonxe de diminuír a contratación a tempo parcial, esta aumenta no último ano, xa que en Galicia o número de menores de 35 anos cun contrato a xornada completa baixou en 2.500 persoas e as contratadas a tempo parcial foron 6.900 máis, concentradasmaioritariamente na franxa de idades de entre 20 e 29 anos.

Os datos están baseados na EPA do segundo trimestre de 2017, en comparación co mesmo período do ano2016. Como destaca o sindicato, "constátase unha diminución do desemprego entre as persoas máis novas (menores de 35 anos) en 19.000 persoas no último ano", aínda que este dato, "que nun principio debería ser positivo, queda matizado pola alarmante perda de poboación activa neste mesmo período e nesta mesma franxa de idade, en 14.600 persoas menos".

A taxa de temporalidade medrou en case seis puntos no último ano entre as máis mozas e mozos

Así,unha parte moi significativa da baixada do desemprego entre os máis mozos débese á forte caída da poboación activa, de case 15.000 persoas. "Hai 19.000 persoas desempregadas menos e tan só 4.400 ocupadas máis", insiste. 

Para a central, ademais, "é evidente que a parcialidade leva consigo máis precariedade, xa que supón menos xornada e, polo tanto salario, sobre todo cando esta é involuntaria", lembra UGT-Galicia, que cre que a temporalidade "é un desequilibrio básico do mercado de traballo, xa que a maioría da mocidade, para acceder ao emprego, faino por medio da contratación temporal, sendo alarmante que isto estea asumido pola sociedade como algo normal".

A realidade, como di UGT, é que "diminúe a contratación indefinida e aumenta a temporal". A taxa de temporalidade medrou en case seis puntos no último ano entre as máis mozas e mozos. Así, as persoas menores de 35 anos teñen unha taxa de temporalidade en Galicia do 52,7%, fronte ao 27,2% que se rexistra no conxuntode idades. No último ano, esta tendencia agudizouse, subindo en 5,85 puntos.

O sector servizos é maioritario entre a mocidade ocupada CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.