O desemprego é un dos síntomas máis evidentes e dramáticos da crise económica e ten entre a mocidade un dos sectores da poboación máis afectados. Aínda que cunhas cifras inferiores ás doutros territorios do Estado, a falta de traballo entre a xente nova en Galicia provoca que dende comezos de 2013 a taxa de paro xuvenil sexa superior á de ocupación. Aínda que estes datos, con máis mocidade sen traballar que aquela que quere facelo e non pode, xa resultan elocuentes de seu, unha análise en perspectiva da poboación xuvenil ocupada amosa, se cadra máis ás claras, o xeito en que as persoas menores de 30 anos foron varridas do mercado laboral.
O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de recompilar datos de ocupación xuvenil que van alén da crise económica e que se remontan ao ano 2000, cando había case 240.000 mozos e mozas de entre 16 e 30 traballando no país, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), estudo de referencia a nivel europeo para medir o mercado laboral. A finais de 2013, despois dos anos considerados de bonanza económica e no que dende os gobernos se presenta como inicio da recuperación económica, esta cifra caera en picado, con pouco máis de 126.300 persoas novas traballando en Galicia.
A poboación xuvenil con traballo descendeu en case un 50% dende o ano 2000
Se ben é certo que nestes anos a poboación xuvenil galega descendeu por diversas causas -esencialmente, a baixa natalidade e a emigración- non o é menos que este non é o único motivo polo que hai menos xente nova con traballo. Así, mentres que a poboación xuvenil ocupada descendeu en máis dun 47% neste período a poboación total de entre 16 e 29 anos baixou en algo menos do 37%, toda vez que pasou de 580.000 persoas no ano 2000 a unhas 370.000 na actualidade.
O retrato do estrago laboral entre a mocidade complétase ao comprobar o seu peso relativo no conxunto da poboación activa galega, un continxente de persoas que apenas variou en 5.000 persoas entre o inicio e o final do período 2000-2013. No inicio da década pasada os mozos e mozas ocupados eran case a cuarta parte do total da poboación que traballaba, un 23,64%, mentres que no remate de 2013 eran pouco máis de un de cada dez, o 12,52%.
No ano 2000 a mocidade era case a cuarta parte da poboación ocupada galega e agora é pouco máis do 10%
Así, mentres que no ano 2000 había unhas 20.000 persoas de entre 16 e 19 anos con traballo agora non chegan ás 3.000. No grupo de idade de entre 20 e 24 anos, que adoita incluír as persoas que veñen de rematar unha carreira universitaria, a mocidade ocupada pasou de 85.000 a 34.000 persoas e no de 25 a 29 anos a caída foi dende 134.000 persoas traballando no ano 2000 a algo menos de 90.000 na actualidade.
A mocidade pasa a ser practicamente residual no conxunto da poboación activa e, pola súa badna, as traballadoras e traballadores maiores de 35 anos gañan peso. Así, na actualidade o grupo de idade máis numeroso é o de persoas dentre 35 e 39 anos -no 2000 érano as de entre 30 e 34-. Desa franxa en diante todos os grupos de idade gañaron peso no mercado laboral agás os maiores de 65 anos.