0 Gardados para despois

Feijóo escorrenta o seu demo pero fica en evidencia

Anxo LugildeAnxo Lugilde | @anxoluxilde


Ata en catro ocasións criticou onte Pablo Casado a metodoloxía que lle permitiu acadar a presidencia do PP. A primeira vez foi cando, no discurso de presentación da súa candidatura, sinalou como vergoñenta a moción de censura que derrubou a Mariano Rajoy, a pesar de que foi unha decisión tomada no marco das normas establecidas pola maioría dos deputados do Congreso, do mesmo xeito que máis da metade dos compromisarios populares o elixiron a el. A segunda chegou cando atacou o presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, do que falou como o “tertuliano de televisión” que ocupa o poder nesa comunidade malia non vencer nunca nas eleccións, é dicir sen ser o que máis votos recibiu dos cidadáns, como ocorreu co propio Casado nas “primarias” do partido da gaivota. Na terceira, denunciou que en moitos concellos o PP non gobernou despois das municipais de 2015 “por culpa de la alianza de los que no ganaron”, coalicións equivalentes á que argallou el con María Dolores de Cospedal contra Soraya Sáenz de Santamaría. A cuarta, menos directa que as anteriores, foi na intervención de peche, xa como sucesor de Mariano Rajoy, ao defender que o seu partido retome as súas propostas para favorecer o goberno da lista máis votada, tanto no que atinxe aos concellos como ao Congreso dos Deputados.

A oficialidade do PPdeG participou nun “pacto de perdedores”, o que lle evita a Feijóo o seu peor pesadelo mais supón o último grolo amargo dun congreso que permitiu albiscar que o seu absolutismo desta lexislatura se explica pola consciencia da súa propia debilidade

Xa no comezo do seu primeiro discurso no seu día de gloria como vencedor do primeiro congreso competitivo dos populares en 31 anos, Pablo Casado intentou responder ás críticas de Soraya Sáenz de Santamaría por non respectar o principio da lista máis votada. Reivindicou o cumprimento das normas fixadas no congreso anterior, para que se nas “primarias” ningún dos candidatos superaba o 50% dos votos, con máis de 15 puntos de vantaxe e gañando na maioría das circunscricións, fosen os delegados os que decidisen cal dos dous aspirantes se convertía en presidente do partido. E así sucedeu porque Soraya Sáenz de Santamaría, malia se proclamar onte como a elixida polas bases, só tivo o 37% dos votos, mentres o resto se repartía entre as candidaturas que estaban abertamente contra ela.

O cántico aos alicerces da democracia representativa do novo señor da rúa Génova non tería ningún problema se non fose porque eses pactos que tanto critica supoñen tamén cumprir as normas. Son as contradicións do por outra parte lexítimo acordo que decidiu o congreso do PP e que entra na categoría definida como un “pacto de perdedores” polos seus principais artífices. O resultado supón a vitoria da mestura entre a renovación que representa o novo presidente, como o máis novo e menos desgastado dos principais aspirantes, e o antisorayismo que movía os seus aliados. Esa combinación fixo que non importasen os tres problemas capitais que tiña a candidatura de Casado, a sombra  de José María Aznar, as irregularidades na obtención dos seus títulos académicos e ese incumprimento dun dos mantras do PP, que no caso de Galicia case é o primeiro mandamento dun Feijóo que adoita facer nos seus mitins a solemne promesa de que nunca gobernará se non é o candidato co maior número de votos, como se tivese algunha maneira de conseguilo na situación oposta.

Dá a impresión de que a aposta do presidente da Xunta por aforrarse esa contradición entre o seu papel no congreso e o seu discurso tradicional foi un dos factores que, tras unha desconcertante serie de caneos a si mesmo, o levou a non apoiar en público a Casado

Neste contexto dá a impresión de que a aposta do presidente da Xunta por aforrarse esa contradición entre o seu papel no congreso e o seu discurso tradicional foi un dos factores que, tras unha desconcertante serie de caneos a si mesmo, o levou a non apoiar en público a Casado, aínda que si o fixese na práctica, a través do aval que lle deron os presidentes das dúas provincias nas que se basea a súa hexemonía no PPdeG, A Coruña e Pontevedra. Foi especialmente significativo o pronunciamento do barón pontevedrés e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que, a diferenza do coruñés Diego Calvo, nunca actuaría sen a luz verde expresa do seu xefe de filas. Con Baltar II reivindicando que segue a ir por libre e cos populares de Lugo amosando o seu caos, a oficialidade do PP galego contribuíu a derrotar a Soraya Sáenz Santamaría, a grande inimiga interna de Feijóo, á que desde a contorna presidencial se relaciona desde hai tempo coa publicación das imaxes da súa amizade co capo Marcial Dorado e da que se albisca tamén que tivo un papel relevante na renuncia que tivo que facer o dos Peares ao seu soño madrileño.

Feijóo, durante o congreso do PP celebrado esta fin de semana / © PP

A oficialidade do PP galego contribuíu a derrotar a Soraya Sáenz Santamaría, a grande inimiga interna de Feijóo, á que desde a contorna presidencial se relaciona desde hai tempo coa publicación das imaxes da súa amizade co capo Marcial Dorado

Pero no silencio de Feijóo seica tamén pesaron outros factores, como a incerteza do resultado, pois por máis que na oficialidade do PPdeG se confiase na vitoria de Casado non había precedentes dun proceso electoral interno destas características. E na política española e mundial hai tempo que adoita suceder o impensable. Se fixaba a súa posición en público como anunciou que faría o dos Peares arriscábase de máis no caso de que gañase a por el temida Sáenz de Santamaría. Ese suposto, que constituía o seu peor pesadelo, non se deu e agora pode gozar dunha relevante posición de influencia na rúa Génova cun presidente do PP que lle ofreceu estar onde queira, como queira e cando queira.

A renuncia de Moyano e Hermida pon o foco sobre o aínda máis forte sometemento dos medios públicos que a Xunta aplicou durante esta lexislatura, ata convertelos no que atinxe á información política nunha caste de “ABC falado”

A apertura do congreso do PP foi a principal noticia o venres do último Telexornal Serán da TVG presentado por Alfonso Hermida e Tati Moyano, os xornalistas que dimitiron para denunciar a manipulación informativa da canle pública, noticia que pasou bastante desapercibida nos principais medios de comunicación galegos, o que contrasta coa gran repercusión que de seguro tería ese mesmo feito se no canto de en Galicia sucedese do mesmo xeito en Cataluña. No marco das valentes protestas de traballadores da CRTVG nos chamados “venres negros”, a renuncia de Moyano e Hermida pon o foco sobre o aínda máis forte sometemento dos medios públicos que a Xunta aplicou durante esta lexislatura, ata convertelos no que atinxe á información política nunha caste de “ABC falado”. Esta práctica, que contrasta coa rexeneración democrática prometida por Feijóo en 2009, súmase ao reforzamento do papel de omnipotente control por parte súa secretaria xeral de Medios e vicepresidenta na sombra, Mar Sánchez Sierra, e a unha maior dificultade do presidente para encaixar as críticas da oposición no Parlamento, reflectida nas veces que nesta lexislatura se viu obrigado a pedir que se retirase algunha expresión, nunha atmosfera na que todo o que non sexa un eloxio nos medios ao xefe do Goberno galego case é tomado como unha crítica.

Trátase da faciana máis absoluta de Feijóo, sobre a que existe hai tempo a incógnita da súa motivación, pois seica non tiña ningunha necesidade dela despois de acadar en setembro de 2016 a única maioría absoluta da España autonómica, practicamente sen oposición, logo de que ensarillado nas súas liortas o centro-esquerda nin sequera intentou derrotalo, e co panorama político e mediático perfectamente baixo control. Pois ben, toda a secuencia do congreso do PP, que no canto dun camiño triunfal acabou sendo un calvario para o dos Peares, permite albiscar unha resposta, a de que o Feijóo máis absoluto é fillo da consciencia presidencial da súa propia debilidade.

O círculo interior marianista de Pontevedra mollouse con Soraya, agás Pastor, neutral desde a presidencia-> SEGUIR LENDO

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O círculo interior marianista de Pontevedra mollouse con Sáenz de Santamaría, agás Pastor, neutral desde a presidencia

Anxo Lugilde | @anxoluxilde

No longamente adiado congreso do posmarianismo, que se debía celebrar hai cinco anos, despois da publicación dos papeis de Bárcenas, Rajoy emulou ao Fraga de 1987, en España, e ao de 2005 en Galicia, ao non intervir na designación do seu sucesor e ao aplicar no partido o principio de despois de Fraga, democracia. Mais a neutralidade de Rajoy tivo os seus límites, como se amosou no discurso do venres no que ao defender a súa xestión en Cataluña, tras as críticas de Casado, tiroulle un cabo a Soraya Sáenz de Santamaría e, sobre todo, viuse na lista á dirección do partido que presentou a súa antiga vicepresidenta.

Nela estaban dúas das tres persoas que dentro do círculo interior marianista se dedican á política ao máximo nivel, cun escano en Madrid ou en Bruxelas. Trátase, por unha banda, da ex-presidenta do Parlamento galego e deputada no Congreso Pilar Rojo, casada co arquitecto Alfredo Díaz Grande, o grande amigo da mocidade de Rajoy e, por outra, de Francisco Millán Mon, o eurodeputado, cuñado de Rajoy. Houbo outra cuñada, Asunción Soto, a viúva de Luis Rajoy, que se significou durante a última semana polas súas críticas a Soraya e o seu apoio a Casado nas redes sociais, mais semella que ía por libre e non representa como Millán e tamén Rojo a liña oficial do seu parente.

Se Casado non se dá consolidado ou se ten que abandonar a presidencia sen concluír o seu mandato, Pastor aparece como unha posible alternativa de certo consenso

Hai unha terceira persoa dese bastante pequeno círculo de ferro marianista de Pontevedra cun relevante papel político, o máis importante de todas elas. É a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor Julián, parella de José Benito Suárez, o compañeiro das camiñadas de Rajoy pola ruta da pedra e a auga de Armenteira. Por moita fidelidade marianista que teña custa moito pensar en ver a Pastor, membro do grupo de ministros enfrontados a Soraya durante os gobernos de Rajoy, apoiando a vicepresidenta. Mais ese suposto non se deu porque Pastor tivo esta fin de semana un rol institucional equivalente ao que mantén no Congreso, como a presidenta da xuntanza. É un feito que pode ter un valor político futuro, pois se Casado non se dá consolidado ou se ten que abandonar a presidencia sen concluír o seu mandato, Pastor aparece como unha posible alternativa de certo consenso que non se queimou na batalla.

Sobre Casado paira a sombra das irregularidades no seu máster da mesma factoría do de Cifuentes e tamén na súa licenciatura. Emerxe así a vella pantasma de Antonio Hernández Mancha, o gañador do primeiro congreso competitivo dos populares, nos tempos de AP, en 1987, tamén con menos de 40 anos. Casado ten moita máis experiencia na primeira liña da política española cá que tiña Mancha entón e, o que é máis importante, conta cun escano no Congreso dos Deputados, a diferenza do seu antecesor, que para poder falar alí fixo o gran ridículo da moción de censura contra Felipe González. Pode ser que Casado se consolide, mais se non, se el fose Mancha, Pastor, xa ao final da lexislatura, cando poida deixar o seu cargo institucional, tería opcións de ser a solución, seica impulsada dalgunha maneira por Rajoy, como Fraga fixo coa de Aznar en 1989.