O PP elixe a Pablo Casado e entrégase á dereita máis dura

Pablo Casado, votando no congreso do PP © PP

Pablo Casado é o novo líder do Partido Popular. O dirixente venceu nas votacións do congreso dos populares a Soraya Sáenz de Santamaría e converteuse no novo presidente do principal partido da dereita española. Fíxoo cunha importante vantaxe e valeuse da unión dos derrotados nas primarias contra a aspirante e ex-vicepresidenta do Goberno, que fora a máis apoiada polos militantes hai tan só uns días. 

Optou así o PP pola dereita máis dura, a dun novo líder que demostrou xa no seu discurso inicial do congreso os seus principais ideais: a unidade de España e o rexeitamento frontal ao aborto, á eutanasia ou á "ideoloxía de xénero". Apostou, con claridade, por un xiro máis á dereita. Casado non foi a candidatura máis votada na primeira volta, na que os militantes deron a vitoria pola mínima á candidatura de Sáenz de Santamaría. Para esta segunda volta, recibiu o apoio de María Dolores de Cospedal e do resto de candidatos que non accederan á rolda definitiva.

 Casado obtén case o 60% dos apoios ao unir aos seus os do derrotados por Sáenz de Santamaría na primeira rolda das primarias

Pablo Casado obtivo 1.701 dos 2.973 votos totais dos compromisarios, fronte aos 1.250 de Sáenz de Santamaría, máis de 400 votos de diferenza, unha marxe ampla e maior da agardada no partido. O 57,2% fronte ao 42% da ex-vicepresidenta do Goberno central. 

No novo Comité Executivo do PP, tras a vitoria de Casado, haberá importantes figuras do PP de Galicia: o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, e a deputada Ana Belén Vázquez. Sáenz de Santamaría escollera para o seu equipo a Pilar Rojo, Millán Mon e Edelmira Barreiro. En canto á nova Xunta Directiva do PP, contará coa presenza do vicesecretario do PPdeG e presidente do PP de Santiago, Agustín Hernández; da presidenta do PP de Vigo, Elena Muñoz; e do tamén vigués e ex presidente de Novas Xeracións en Galicia, Javier Dorado.

"Acabo de comunicar ao xefe da Casa Real vosa decisión e transmitín a nosa lealdade ao rei e á Constitución". Estas foron as súas primeiras palabras, nada máis ser proclamado presidente. "Dixen o primeiro día que se gañaba ninguén perdía, hoxe ninguén perdeu, só gañou o PP", engadiu. Tamén dedicou varios eloxios ao seu predecesor, Mariano Rajoy: "Vai ser moi difícil estar á túa altura (...) Ímoste a seguir necesitando preto".

Dirixiuse, ademais, ao seu rival nas primarias: "Grazas querida Soraya polo teu papel na vicepresidencia do Goberno e por esta campaña limpa da que podemos dicir que saímos máis fortes e máis unidos".  Casado prometeulle integración: "Vaina a haber, polo menos pola miña banda".

"Non vos vou a defraudar", asegurou, dirixíndose aos compromisarios que o votaron. "Pídovos que ninguén lle preguntedes a quen votou. Todos votamos ao PP e todos gañastes", dixo. "Hoxe empeza unha nova etapa ambiciosa para o noso futuro. O PP volve tentar reconquistar o corazón de todos os españois. Temos que volver ao eixo da sociedade española para non permitir que desfagan o noso labor. Temos que recuperar esa España como proxecto suxestivo de vida en común", engadiu.

Casado asegurou que contará "con todos os presidentes" do PP, con especial mención a José María Aznar, un dos seus principais valedores en política e que nos últimos anos desvinculouse dos populares polas súas feroces críticas cara á xestión de Mariano Rajoy.

Casado aposta por "reforzar o código penal para evitar calquera desafío soberanista" e "conectar coa España dos balcóns e as bandeiras"

O presidente di asinar un "contrato con España", por "tentar reforzar o noso código penal para evitar calquera desafío soberanista" e "conectar coa España dos balcóns e as bandeiras" en defensa da "unidade nacional". Tamén prometeu loitar por unha baixada de impostos, por unha actualización da Administración ou pola posta en marcha dunha nova lei de Educación "para evitar que o novo Goberno vaia contra a libre elección da educación concertada". Prometeu, ademais, medidas "contra o despoboamento" e "pola natalidade".

A de Casado non foi a candidatura máis votada na primeira volta das primarias, na que os militantes deron a vitoria pola mínima á candidatura de Sáenz de Santamaría. Pero para esta segunda volta, Casado recibira o apoio de María Dolores de Cospedal e o resto de candidatos que quedaron eliminados para a rolda definitiva. Malia iso, na súa intervención tras coñecerse a súa vitoria pediu cambiar a lei electoral "para non ter que depender de nacionalistas e outros partidos". 

Casado avogou por "recuperar Tabarnia", cargou contra o aborto e a eutanasia e criticou a "ideoloxía de xénero"

Antes de ser proclamado presidente, no seu discurso de defensa da candidatura, Casado defendera un xiro á dereita no PP. Presentouse ante o congreso do partido como o único capaz de "liderar a España dos balcóns e as bandeiras" fronte ao desafío independentista catalán. "Hai que recuperar Tabarnia", engadiu, facendo mención á Catalunya constitucionalista. Ademais, manifestou o seu rexeitamento ao dereito do aborto e á eutanasia e criticou a "ideoloxía de xénero", termo que adoitan utilizar quen tratan de desacreditar o feminismo. Tamén falou dun "partido sen complexos" que defenda a "unidade de España" e a familia.

Casado e Santamaría non lograron evitar que o partido chegue á votación no medio dun cisma, como pretendía cada vez con menos fe un sector do partido. Ao peche da sesión do congreso deste venres, membros de ambas as candidaturas recoñecían que a noite e a mañá serían intensas porque ían tratar de convencer aos delegados ata o último minuto. Casado prometeu que integrará na súa dirección a todas as persoas do equipo de Santamaría que queiran facelo.

Soraya Sáenz de Santamaría, durante o seu discurso no congreso do PP / © PP

"Estaría na túa lista, Pablo, se mo tiveses pedido"

Antes de coñecerse os resultados, no seu discurso, Soraya Sáenz de Santamaría sinalou que o "principal valor" do PP "é a unidade". Por iso avogaba pola integración. "Eu non estaría aquí se non fose a máis votada. Estaría na túa lista, Pablo, se mo tiveses pedido", resolveu. "Na estrutura que estou a deseñar estou a deixar espazo para integrar a todas as persoas que sexan necesarias", remarcou.

Na candidatura que presentou ante o plenario para o Comité Executivo, Santamaría incluíu á ex-ministra de Traballo Fátima Báñez á que propuxo como secretaria xeral. Tamén incluíu outros dos dirixentes que a apoiaron durante a campaña como José Luis Ayllón, Enric Millo, Iñaki Oyarzabal, Mari Mar Blanco ou Carlos Iturgaiz. Entre quen incorporará á súa Executiva se gaña citou a Íñigo da Serna, Javier Arenas, Íñigo Méndez de Vigo, Borja Semper, Teófila Martínez, Alicia Sánchez Camacho e Sergio Ramos, entre outros.

"Eu non estaría aquí se non fose a máis votada. Estaría na túa lista, Pablo, se mo tiveses pedido", dixo Sáenz de Santamaría

Durante o seu discurso, Santamaría defendeu o seu traballo xunto a Mariano Rajoy no Goberno. "A única tristeza que teño é non conseguir traer unha lista de integración. Quizais sexa eu a única responsable", engadiu. A súa frase foi acollida cun aplauso pechado e con berros de "unidade, unidade" do plenario. "Ti merécela", díxolle a ex-vicepresidenta a Rajoy.

Como fixo durante toda a campaña das primarias, a ex-vicepresidenta presentouse como a candidata dos afiliados, dado que foi a máis votada na primeira volta do proceso, o día 5. "Este partido está á altura dos seus afiliados", asegurou Santamaría. "Os afiliados falaron e fixéronme gañar as eleccións, e trouxéronme aquí como a máis votada polas nosas bases", lembrou. "Votáronme para gañar non só este congreso senón todas eleccións que temos por diante", engadiu, para facer mención aos comicios que agora chegan: os andaluces, os municipais e autonómicos e os europeos. "Elixíronme para gañarlle ao PSOE e a Pedro Sánchez, pero para derrotar tamén os populistas e os que queren romper España".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.