A pasada semana os datos máis recentes do paro rexistrado, que miden as inscricións nas oficinas de emprego, amosaron unha baixada das persoas á procura dun posto de traballo en Galicia no comezo de 2018. Este indicador, unido ao incremento do número total de cotizantes na Seguridade Social, serviulle ao PP galego para analizar os datos en clave de euforia e atribuír a boa marcha do emprego ao labor da Xunta. O Executivo de Feijóo, dixo o secretario xeral dos conservadores, Miguel Tellado, "o único que non foi capaz de facer foi crear emprego ao ritmo que o destruíron os socialistas e nacionalistas". O partido que sustenta o Goberno volvía circunscribir así a destrución de emprego en Galicia ao período do Executivo de coalición de PSdeG e BNG, aínda que en realidade o problema durou media década máis.
Tras anos de expansión económica, incremento do emprego e descenso pronunciado do paro, o ano 2008 supuxo un punto de inflexión a nivel estatal e internacional e en Galicia sucedeu o propio. Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), o estudo laboral homologable internacionalmente, o país comezara aquel ano con 24.000 persoas máis a traballar que doce meses antes. No entanto, a creación de emprego xa amosaba síntomas de febleza e tornou en destrución a comezos de 2009, na primeira EPA que recollía os efectos da crise que estourara tras a caída de Lehman Brothers, co peche radical do crédito bancario e no caso do Estado español, o picazo da burbulla inmobiliaria.
Os populares atribúen o crecemento do emprego á súa xestión na Xunta e aseguran que "o único" que non foron quen de "facer" foi "crear emprego ao ritmo que o destruíron socialistas e nacionalistas"
Con aquela perda interanual de case 20.000 empregos Galicia acudiu ás urnas -durante a campaña o propio Feijóo acusara á Xunta de ocultar os datos- o 1 de marzo, cando o electorado lle outorgou a maioría absoluta ao PPdeG. A mediados de abril Feijóo tomou posesión da presidencia e dous meses despois a nova EPA revelaba unha destrución de practicamente 50.000 postos de traballo, cantidade que se elevaría a 70.000 a finais de ano. O ritmo de destrución de emprego minguou gradualmente e a comezos de 2011a creación de postos de traballo semellaba volver estar próxima; no entanto, a crise financeira internacional e da débeda soberana volveu golpear con dureza; a destrución de emprego interanual volveu superar os 50.000 empregos nun só trimestre e as cifras positivas non regresarían ata 2014.
A tendencia trimestral da Enquisa de Poboación Activa cadra notablemente coa que neste tempo ofreceu mensualmente o rexistro de persoas afiliadas á Seguridade Social. En termos porcentuais e interanuais ambos indicadores estiveron por baixo do cero dende finais de 2008 e ata mediados de 2014. Nos últimos catro anos ambos reflectiron creación de emprego interanual de ata un 3% no caso da EPA e da contorna do 2%, segundo a afiliación. O pasado 2017 finalizou igualmente en termos positivos, aínda que a EPA reflectiu síntomas de desaceleración na creación de emprego.
Esta non é a primeira vez, así e todo, que Xunta ou PPdeG restrinxen unicamente as malas cifras no mercado laboral galego unicamente ao tempo en que gobernou a coalición de PSdeG e BNG, cuxo mandato se estendeu dende o 2 de agosto de 2005 e ata o 17 de abril de 2009. Así, por exemplo, a comezos de 2017 o propio Feijóo aseguraba no Parlamento que mentres en Galicia gobernaban socialistas e nacionalistas e en España, o PSOE con José Luis Rodríguez Zapatero, o paro "ascendera a máximos históricos". No entanto, tanto a EPA como os rexistros das oficinas de emprego reflicten que, no caso galego, o maior número de persoas desempregadas chegou entre finais de 2013 e comezos de 2014.