0 Gardados para despois

Feijóo admite o traspaso de fondos de axudas para pagar a luz a outros gastos da Xunta

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A comezos de 2015 a Xunta comezaba a escenificar o seu 'xiro social' tras o pau electoral sufrido polo PP nas eleccións europeas e a Xunta anunciou a través do presidente, Alberto Núñez Feijóo, que o tícket eléctrico -axuda para pagar a luz equivalente a un recibo e medio ao ano- ía pasar de beneficiar uns 15.000 fogares a chegar a ter "ata 40.000 familias beneficiarias" grazas a unha dotación orzamentaria de 1,5 millóns, máis do duplo do ano anterior. En 2016 ese orzamento volveu subir e chegou aos 2,1 millóns de euros, pero apenas o 20% do consignado acabou pagando axudas para afrontar recibos da luz, mentres que o 40%, uns 830.000 euros, foron transvasados para atender outros gastos da Administración. Este mércores Feijóo viuse obrigado a admitir no Parlamento esas transferencias de fondos e, daquela, que o que fora presentado como unha das medidas estrela para combater a "pobreza enerxética" ficou moi por baixo das expectativas xeradas dende o propio Goberno.

Fondos do tícket eléctrico pagaron gastos como un estudo sobre publicidade ou alumeado da Cidade da Cultura

Como informou Praza.gal, tras non gastar en axudas o 80% do orzamento, neste 2017 a dotación destes subsidios redúcese un 62% e queda un chisco por baixo dos 800.000 euros. Non en van, segundo confirma a Consellería de Economía, as familias atendidas non foron as 40.000 auguradas polo presidente a partir de 2015, senón unhas 6.000 entre 2014 e 2016. Esa cifra de fogares beneficiados foi a repetida polo xefe do Executivo no Parlamento despois de que o voceiro de En Marea, Luís Villares, o instase a render contas polo devandito "desvío de fondos". "Valle Inclán estaría orgulloso de vostede", ironiza Villares, xa que esta "master class de desviación de fondos" incluíu o transvasamento de 111.000 euros do tícket ao alumeado da Cidade da Cultura, "o monumento ao desbalde".

"Me di que non executamos a partida correspondente, sabe por que?", retrucou Feijóo. "Porque atendimos todas as solicitudes que chegaron, a todos os que as pediron, se lles concedeu", afirma, se ben os propios datos da Consellería de Economía evidencian que houbo solicitudes non admitidas por non cumprir algún dos requisitos esixidos na orde. "De que se me acusa? É a primeira vez que me acuscan de ter un orzamento excesivo", proclamou Feijóo, mentres cifra esta axuda en "300 euros ao ano" cando, realmente, esa contía é só a correspondente para familias numerosas -o importe das restantes é de 180-.

Feijóo defende o transvasamento porque "atendemos todas as solicitudes que chegaron": "Aquí non hai desvío, hai defensa do país", proclama

Neste contexto Feijóo dá en admitir "onde foron as partidas" transferidas, pero só algunhas delas. Así, o presidente recoñece que os fondos do tícket pagaron proxectos para "impulsar o comercio de proximidade" -que xa estaban previstos-, para "promover o termalismo" ou para "desenvolver medidas de eficiencia enerxética na Cidade da Cultura". Tamén, recoñece, para "defender os intereses de Galicia no Tribunal Internacional da Haia" pola demanda da mina de Corcoesto. Non especifica, no entanto, que con estes fondos a Xunta tamén atendeu, por exemplo, a cota da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo ou sufragou un estudo sobre a súa publicidade, transferencia que foi autorizada polo Consello da Xunta tres días antes das eleccións e non incluído na referencia pública dos asuntos abordados na xuntanza. "Aquí non hai desvío, hai defensa do país", asegura.

"Está moi ben que diga que atenden todas as solicitudes", agregou na súa réplica Villares, quen censura que o Goberno obvie que parte das causas da baixa execución deste orzamento está "no problema xa denunciado polos traballadores sociais": que "os requisitos" das axudas "deixan fóra a moita xente" e que a súa tramitación é complexa, porque só pode realizarse a través de internet e coa documentación en formato dixital. "Teñen unha política social de cartón pedra: falsa, fría e insensible", conclúe.

 

"Quere que lle fale da Coruña?"

Alén de preguntarse "que quere que faga" para que todo o orzamento do tícket chegue ás familias o presidente da Xunta defendeuse das críticas por este transvasamento de fondos trasladándose, como adoito, a un dos concellos gobernados polas mareas. Neste caso o elixido foi A Coruña: "Que é o que me pregunta? Quere que lle fale do Concello da Coruña?", retou o líder conservador, antes de acusar o goberno da Marea Atlántica de "rebaixar un 85% as partidas da renda de integración", en referencia á modificación orzamentaria aprobada o pasado outubro que diminuíu esta partida de 2,1 millóns a 410.000 euros para o ano 2016, aprobado nun pleno no que o PP se abstivo. Os fondos transferidos destináranse a atender a débeda da empresa municipal de vivenda de anos anteriores e a expandir un programa municipal de préstamo de bicicletas.

"Me parece unha broma que En Marea veña a dicirme que facemos unha modificación despois de esgotar todas as solicitudes"

A operación tivera a súa orixe, sinalara o Concello, na demora na implantación da renda social pola aprobación serodia dos orzamentos e a tardanza da Xunta en autorizar a súa posta en marcha. Ambos factores provocaran que a renda, que ten unha tramitación "duns dous meses" por solicitude, comezase a funcionar a finais de setembro. En 2017, agregara, o orzamento da renda é de 2 millóns.

Feijóo di lanzar esta acusación non para "facer oposición" ao goberno da Coruña, como reprocha Villares, senón porque "son o presidente tamén dos coruñeses" porque ademais, "na Coruña tivemos moitos máis votos que o resto de grupos. "Por iso -concluíu, visiblemente irado- me parece unha broma que un representante de En Marea veña a dicirme que facemos unha modificación despois de esgotar todas as solicitudes". A decisión do goberno local coruñés, espeta, si foi "un recorte". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presidente asegura que o paro acadou "máximos históricos" co bipartito e Zapatero, pero foi en 2014

Alén das diverxencias a respecto da xestión das axudas da luz o presidente da Xunta tivo que responder tamén na sesión de control a respecto da política de emprego do Goberno e, nomeadamente, da política de emprego xuvenil. O voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou a Alberto Núñez Feijóo a aclarar se se sente "satisfeito" despois de que en apenas unha década o país perdese a metade do seu emprego xuvenil, unha redución de máis dun 40% das persoas de entre 16 e 29 anos cun emprego que non se corresponde coa mingua, por mor da natalidade e -en menor medida- da emigración, do total das persoas nesta franxa de idade, que no mesmo período diminuíron en algo menos dun 25%.

En Galicia, alerta Leiceaga, "mellora algo a taxa de paro, pero empeora a de actividade" e os empregos que se recuperan fan que se resinta a "calidade" dos postos de traballo, con maiores "taxas de parcialidade" especialmente acusadas na mocidade. Neste sector da poboación o voceiro do PSdeG reprocha ademais o que considera unha "xestión pouco dilixente" do programa de garantía xuvenil, os fondos da UE para fomentar o emprego entre a xente moza. Segundo a "primeira avaliación" do plan, de 2015, "Galicia só utilizou 5 dos 39 millóns do programa".

Leiceaga cuestiona a "calidade" do emprego creado nos últimos anos e Feijóo proclama que a crise económica foi "producida" polo PSOE

Esta petición de explicacións foi retrucada polo xefe do Executivo achacando os datos do socialista a unha interpretación "mediocre" dos mesmos. "Hai menos ocupados porque hai menos mozos, naceron menos" e, en calquera caso, se hai algún dato negativo é porque "aínda non superamos na súa totalidade a crise económica que herdamos". Crise, asegura, "producida" polo PSOE.

É neste contexto no que Feijóo espetou a Leiceaga unha afirmación sobre o mercado laboral que os datos non sosteñen. "Cando vostedes gobernaban o paro xuvenil e o paro total ascenderon aos máximos históricos", afirma. No entanto, tanto o paro rexistrado -inscricións nas oficinas de emprego- como a Enquisa de Poboación Activa, o indicador laboral homologado internacional, reflicten que o maior número de persoas desempregadas en Galicia chegou cando tanto a Xunta como no Goberno de España xa mudaran de cor política e tiñan ao PP á súa fronte. Si que é certo, no entanto, que no remate do Executivo do PSOE en Madrid e do Goberno de socialistas e nacionalistas na Xunta o desemprego aumentou a maior ritmo que nos exercicios posteriores.

O titular da Xunta enmarca así un panorama no que en calquera caso asegura non estar "satisfeito". É por iso, di, que o Consello da Xunta se dispón a aprobar 22 millóns de euros para "impulsar políticas activas de emprego" a través de "obradoiros e unidades formativas na empresa" coa "mocidade como prioridade". Dende 2009 o orzamento da Xunta para estas políticas descendeu en torno a un 50%.