A Xunta tamén traspasou fondos da axuda para pagar a luz a afrontar a demanda pola mina de Corcoesto

Veciñanza contraria á mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

O apoio á apertura dunha mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) foi un dos plans estrela da primeira lexislatura de Alberto Núñez Feijóo na Presidencia da Xunta. A explotación promovida pola empresa canadense Edgewater era para o Goberno galego unha "grande oportunidade" que, segundo o presidente, ía xerar uns 1.400 postos de traballo, aínda que a empresa comprometía menos de 300. A nova vitoria do PPdeG en 2012 foi aplaudida pola multinacional mineira como sinónimo de que os seus plans eran xa imparables, pero a lúa de mel quebrou cando, entre unha forte presión social, a Xunta deu en frear a mina tras anos de apoio alegando defectos técnicos e económicos. Tras o veto definitivo ao proxecto Edgewater lanzouse a unha batalla legal que xa ten repercusións económicas da Xunta. Parte delas serán atendidas con 150.000 euros inicialmente destinados a financiar o tícket eléctrico, unha das liñas de axuda para pagar a luz de familias con poucos recursos.

Como vén informando Praza.gal, a Consellería de Economía admitiu o pasado decembro que os fogares beneficiados pola convocatoria deste subsidio para 2016, dotada con 2,1 millóns de euros, foron moitas menos das anunciadas por Feijóo -o presidente anunciara 45.000, o conselleiro Francisco Conde cifrounas en 5.000 dende 2014 e a resolución das axudas recolle 761 solicitudes aprobadas en 2016 por importe de algo menos de 150.000 euros-. Tras a fin do prazo de peticións o Goberno galego comezou a trasvasar os fondos do tícket eléctrico para outras finalidades. Unha delas, como revelou este diario, aprobada tres días antes das eleccións polo Consello da Xunta sen revelalo á prensa, foi o financiamento dun estudo sobre a efectividade de accións publicitarias do Executivo. Outra, facer fronte á demanda pola mina.

140.000 euros inicialmente destinados ao tícket eléctrico pasan a atender o depósito reclamado pola Corte Permanente de Arbitraxe da Haia no proceso aberto por Corcoesto S.A.

Un dos escenarios nos que Edgewater pretende demostrar que a Xunta "violou o dereito español e internacional" co seu freo da mina é a Corte Permanente de Arbitraxe do Tribunal Internacional da Haia. Alí a multinacional canadense litiga contra o Goberno galego argumentando que a cancelación dos dereitos de Mineira de Corcoesto transgrede un tratado bilateral de investimentos asinado entre España e Panamá a finais dos anos 90. Para facelo canaliza o conflito non a través da súa filial galega, senón con outra empresa, Corcoesto S.A., compañía fundada no país centroamericano en agosto de 2014 a través dun bufete especializado na creación de sociedades offshore. Así, dáse a circunstancia de que esta empresa de nova creación preséntase como prexudicada por unha decisión tomada pola Xunta cinco meses antes da súa fundación.

Comunicado de Edgewater sobre a demanda en outubro de 2015

O prazo de solicitudes da axuda pechou en xullo e a Xunta non tiña novas "accións previstas" con eses cartos durante 2016

Neste escenario, a Consellería de Economía detectou a "necesidade" de "realizar un depósito inicial de 150.000 dólares a instancias" da devandita Corte Permanente de Arbitraxe da Haia "por mor da demanda interposta por Corcoesto S.A. contra España". "A fluctuación diaria das divisas", sinala o departamento autonómico nunha modificación orzamentaria tramitada o pasado 31 de outubro, "fai que sexa prudente solicitar a transferencia por un importe lixeiramente superior ao cambio actual" entre a moeda europea e a americana. É por iso que decide traspasar 140.000 euros ao programa orzamentario que ten como finalidade atender procesos xudiciais nos que se vexa inmersa a Administración autonómica.

Como no caso do estudo sobre publicidade de fomento do emprego, neste litixio os fondos tamén son retirados do orzamento non gastado nas axudas para pagar a luz. A partida do "tícket eléctrico social", sinala o mesmo documento, "dispón de crédito" e dada a inexistencia de "accións previstas" nese programa para o que restaba do exercicio 2016, apostouse pola transferencia de fondos, xa autorizada pola Consellería de Facenda. A posibilidade de solicitar o tícket eléctrico da Xunta está actualmente pechada, mentres que permanece aberto ata finais de ano o prazo das "axudas urxentes para evitar os cortes de luz", ampliadas recentemente ao subministro de gas.

Transferencia de crédito do tícket eléctrico á demanda de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.