0 Gardados para despois

Feijóo promete 1.400 empregos na mina de Corcoesto, que acabará nos tribunais

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"O desenvolvemento ou é sustentable ou non será desenvolvemento económico". Con esta frase, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resumiu o seu discurso durante o Día Mundial do Medio Ambiente no Courel. Foi hai dúas semanas. Neste xoves, o xefe do Executivo galego vén de anunciar tras o Consello de Goberno os avances na tramitación para a explotación da mina de ouro de Corcoesto, que será o primeiro proxecto industrial estratéxico no país conforme á nova Lei reguladora da política industrial de Galicia, e que disque “suporá un investimento de 110 millóns de euros e a xeración de 1.371 postos de traballo”. Todo, malia o amplo rexeitamento popular e as alegación presentadas por colectivos e grupos ecoloxistas a un proxecto que para os seus detractores será “unha bomba” para a comarca.

“Non ten pés nin cabeza, axustan a lei ao proxecto, pero non é o proxecto o que se adapta á lei”, quéixase Fernando M. Souto, voceiro da Plataforma pola defensa do Corcoesto, que loita contra a explotación con preto de 1.500 sinaturas de apoio e a través de alegacións baseadas en estudos e informes de expertos. Insisten nunha chea de irregularidades no proxecto de Edgewater Exploration e quéixanse de que a Xunta considere “estratéxico” o negocio, algo que, cren, permitirá á compañía evitar moitos dos requirimentos legais.

Feijóo destaca que a empresa aforrará 18 meses ao acelerarse a tramitación ordinaria da declaración de impacto ambiental

Feijóo advirte que os trámites para a explotación da mina, localizada nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, lévanse a cabo como proxecto industrial estratéxico “pola indubidable magnitude do proxecto”. E engade que a aprobación da nova Lei reguladora da política industrial en Galicia, orientada a facilitar a implantación de grandes proxectos, permitirá a Edgewater “aforrar un ano e medio de trámites administrativos”. “Imos aforrar 18 meses na tramitación ordinaria convencional deste tipo de declaracións de impacto ambiental”, recorda. Deste xeito, o obxectivo é que “a finais de ano esta empresa canadense poida iniciar a explotación da mina por un período máximo de trece anos, e que poida facer un investimento de 110 millóns de euros na comarca de Bergantiños cun emprego estimado, entre postos directos e indirectos, de preto de 1.400 novos empregos”.

A empresa comezaría a explotar a mina a finais deste ano e durante un período máximo de trece anos

A previsión, segundo indicou Feijóo, é que a proposta poida ter o visto e prace “para iniciar os seus traballos a principios do ano que vén”. Ademais, precisou que serán 13 anos de período total de explotación, dos que tres corresponderán á preparación, ás infraestruturas e aos investimentos necesarios, oito á explotación da mina, e outros dous para a súa clausura e peche conforme á normativa que se lle vai exixir no momento da autorización definitiva para a extracción mineira”.

A plataforma pola defensa de Corcoesto non dá crédito. “A empresa ofrece 271 postos de traballo, o alcalde de Cabanas fala duns 500, o conselleiro de Industria dixo 1.000 e agora Feijóo case chega a 1.400; estannos tomando o pelo”, di Fernando M. Souto, que lembra que no propio proxecto da empresa fálase “de xornadas de 12 horas diarias” e tamén que en pouco tempo comezarán a traballar varios veciños da zona “con contratos de quince días de duración”. “Así tamén chego eu a máis de mil empregos”, insiste este voceiro do coelctivo contrario á mina, que cre que o Goberno “utiliza o medo ao paro e á crise” para poder “facer promesas e convencer a xente”.

A compañía fala de menos de 300 postos de traballo e Feijóo eleva a cantidade a case 1.400

Pero a plataforma non censura só as dubidosas promesas de emprego, senón unha morea de incumprimentos legais, así como “o grande impacto medioambiental” que causará na zona e que, segundo o colectivo, “acabará con todo aquilo do que vive esta comarca”. Así, advirten, por exemplo, “dun contido de arsénico nos residuos” que se prevén xerar “que sobrepasan en moitas veces o límite permitido na lexislación vixente”, o polémico uso de cianuro -non recomendado pola UE-, efectos sobre a rede hidrográfica e as traídas de auga e os danos ás explotacións madereiras, gandeiras e agrícolas da zona. “Se se abre esta mina todo isto desaparecerá e temos que ter en conta que afecta a dez quilómetros á redonda”, lembran, tras recordar tamén que a firma só ten dous proxectos mineiros no mundo: un en Galicia e outro en Ghana.

Por todo isto, na plataforma xa asumen que acabarán “indo aos tribunais” e que se verán inseridos nun proceso longo tras insistir en que a empresa “non cumpre case ningún dos requirimentos legais”. “E aqueles que cumpren son só promesas”, di, antes de advertir: “Todos sabemos como acabou o de Reganosa”. Cunha planta de gas funcionando e unha sentenza que dá a razón aos que loitaron desde o principio contra ela.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.