A Xunta ve na "interesante" mina de ouro de Corcoesto unha "grande oportunidade"

Javier Guerra, conselleiro de Industria © Xoán Crespo

"Intereresante" ou unha "grande oportunidade" para os "investimentos". Son algunhas das consideracións que ao conselleiro de Industria, Javier Guerra, lle merece a mina de ouro a ceo aberto que a empresa canadiana Edgewater Exploration proxecta explotar en Corcoesto, unha parroquia de Cabana de Bergantiños cuxa veciñanza, como ten informado Praza Pública, se vén mobilizando intensamente ante os riscos paisaxísticos e ambientais dun proxecto que, aseguran, apenas deixaría uns 20 empregos na comarca e que ademais ten data de caducidade: estaría aberta durante apenas 13 anos. A mina chegou este mércores ao Parlamento a través do deputado do BNG Carlos Aymerich, que instou a Guerra a tomar posición ante un plan empresarial que prevé técnicas tan nocivas como o emprego do cianuro para extraer o mineral, unha opción "barata" para a promotora pero que trae consigo un importante "impacto ecolóxico e social".

"Pretenden abrir unha gran mina a ceo aberto, explotando máis de 720 hectáreas" e provocando "residuos perigosos. "Habería outras alternativas", di Aymerich, como pór en marcha "unha explotación soterrada" ou empregar "outros produtos químicos". "Pero non sería tan rendíbel", matiza, nun contexto no que o Parlamento Europeo recomenda dende hai máis de dous anos non empregar o cianuro nestas operacións extractivas polos seus "gravísimos efectos ambientais", xa comprobados no ano 2000 nun importante accidente en Romanía, lembra. 

"Leccións, poucas, e sobre temas medioambientais, moitas menos", reta o conselleiro

Pero o conselleiro non acepta achegas. "Leccións, poucas, e sobre temas medioambientais, moitas menos", espetoulle ao deputado do Bloque antes de debullar as, ao seu xuízo, bondades do proxecto, partindo ademais da base de que "o desenvolvemento de grandes proxectos na minaría", como noutros sectores industriais, "sempre é unha boa noticia". O plan de Edgewater Exploration, asegura Guerra, traerá consigo "investimentos superiores aos 110 millóns de euros" aos que se engadirían outros 150 de "custos da operación", con "máis de 500 postos de traballo" para a "preparación de infraestruturas e "270 postos directos" durante a explotación. "A clausura e peche", defende, tamén implicaría man de obra local, nun contexto no que a Xunta, se se "puxese de manifesto" algún "risco ou situación contra a legalidade", "descartaría" o proxecto. 

Aymerich acusa á Xunta de modificar leis para darlle vía libre á mina

A argumentación do conselleiro non convence a Aymerich xa que, di, Industria só admite "proxectos que cumpran coa normativa vixente" e "senón, cambiámola e xa está". Así, por exemplo, o nacionalista sinala que os trámites da mina empezaron "en maio de 2011" pero "a consellería está a tramitala ao amparo" da Lei de Industria, aprobada en "decembro de 2011". Ademais, a mina ten "un clarísimo impacto acústico, porque vai haber voaduras de día e de noite" e o mineral "vaise estar moendo de día e de noite". Por iso, deduce, a Xunta "derrogou a lei de protección contra a contaminación acústica" pola vía da lei de acompañamento dos Orzamentos de 2012. Ademais, abonda, o Goberno galego dálle á mina categoría de "proxecto industrial estratéxico", cando para isto tería que xerar "máis de 200 posots de traballo" e a propia empresa admite, di, que "directos" serán só 138 "e outros 133 de subcontratas". En opinión do conselleiro o problema é que Aymerich "sempre se oporá a calquera cousa que pase" pero "se o proxecto é seguro e non ten ningún tipo de problema e xera riqueza, será por suposto apoiado por este Goberno".

Javier Guerra, conselleiro de Industria © Xoán Crespo
Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.