A Xunta paraliza o proxecto mineiro de Corcoesto

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

A Xunta vén de anunciar que, polo momento, paraliza o polémico proxecto mineiro de Corcoesto. A Consellería de Economía e Industria emitiu un comunicado a última hora deste martes anunciando que non autoriza a mina en Cabana de Bergantiños por "non cumprirr as máximas garantías de viabilidade técnica e económica", tal e como lle comunicou aos representantes da multinacional Edgewater.

O Goberno advirte á empresa que "deberá acreditar as garantías necesarias para asegurar a viabilidade e a solvencia do proxecto"

"Comunicouse á compañía que, trala análise levada a cabo polos técnicos da Consellería, considérase que o proxecto mineiro non cumpre cos requirimentos técnicos e económicos esixidos, polo que a empresa deberá acreditar as garantías necesarias para asegurar a viabilidade e a solvencia do proxecto", asegura a Xunta no comunicado, no que engade que solicitou á empresa que "acredite unha solvencia mínima do 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto e un compromiso en firme do resto do financiamento, así como a documentación que acredite a capacidade técnica da empresa para desenvolvelo". "De non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste", advírtelle.

No entanto, o Goberno galego advirte que "mantén a súa aposta por unha minería comprometida co país, innovadora e sustentable", e que seguirá "impulsando o aproveitamento responsable dos importantes recursos minerais cos que conta Galicia e o desenvolvemento sostible dun sector que emprega a máis de 7.000 persoas na comunidade e que supón máis do 1,2% do PIB galego".

"Cada proxecto está a ser estudado pormenorizadamente, seguindo rigorosamente a normativa, e só se autorizarán aqueles que favorezan o desenvolvemento económico e o benestar dos galegos, sempre que garantan a súa viabilidade ambiental, económica e técnica", conclúe a nota do Goberno galego.

O proxecto de Corcoesto sempre foi visto polos numerosos movementos en contra como o paradigma dunha perigosa política mineira por parte da Xunta

Desde que comezaron os estudos da multinacional canadense e a Xunta empezou a conceder permisos de exploración, o proxecto causou unha gran polémica na comarca de Bergantiños, pero tamén en toda Galicia, onde numerosos colectivos contrarios á mina viron en Corcoesto o paradigma dun tipo de política mineira que supoñía unha ameaza para o país.

O proxecto de Corcoesto prevé unha mina a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Un proxecto que ocuparía 800 hectáreas, pero que podería estenderse a case 90 quilómetros cadrados á vista dos permisos solicitados. Unha infraestrutura que, segundo diversos estudos científicos, ameaza o modo de vida de milleiros de labregos e gandeiros, a paisaxe, o medio ambiente e o futuro dunha comarca que tería que aturar moreas de refugallos e consecuencias imprevisibles.

O pasado domingo 2 de xuño, as moreas de protestas, concertos reivindicativos e charlas contra a megaminería contaminante desembocaron nunha enorme manifestación en Compostela, na que milleiros de persoas rexeitaron o proxecto de Corcoesto, pero tamén outros moitos semellantes que están a solicitar autorizacións en numerosas comarcas de Galicia.

 

Veciñanza contraria á mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.