A Xunta moveu o 40% dos fondos de axudas ás familias para pagar a luz a outros gastos da Administración

Páxinas de expedientes de traspaso de fondos do tícket eléctrico a outras partidas CC-BY-SA Praza Pública

Nos Orzamentos para 2016 a Xunta incrementou un 40% a partida destinada a sufragar o "tícket eléctrico", a axuda para sufragar parte do gasto enerxético en fogares con poucos recursos equivalente a, aproximadamente, un recibo e medio ao ano, que posteriormente foi "complementada" coas "axudas urxentes" para "evitar os cortes". Cunha dotación que ascendeu dende os 1,5 millóns de euros de 2015 a 2,1 millóns en 2016, nese exercicio a Consellería de Economía publicou a convocatoria das axudas, que as familias interesadas tiñan que solicitar a través de internet dende mediados de xaneiro ata finais de xullo do pasado ano. Unha vez finalizado ese prazo as axudas distribuídas eran moitas menos das 7.000 que o Goberno estimara nas súas contas e o avultado orzamento comezou a ser destinado a outros gastos da Administración, alleos ás axudas para pagar a luz. A finais do pasado novembro os fondos transferidos superaban xa os 800.000 euros, case o 40% do orzamentado para o tícket.

Tras incrementar 600.000 euros o orzamento do tícket eléctrico a Xunta trasnferiu xa 830.000 a gastos alleos a el

O primeiro montante transferido de cartos inicialmente destinados a financiar o tícket eléctrico social foi de pouca entidade: 8.950 euros que Economía moveu a mediados de setembro para sufragar o "traballo técnico" de "elaboración do anteproxecto de uso lúdico de augas termais", que a Consellería contrata coa Fundación Universidade da Coruña. Nese mesmo mes o Consello da Xunta autorizou outro traspaso de maior contía: 125.000 euros das axudas para pagar a luz foron traspasados á contratación "con carácter urxente" de "estudos e investigacións relativos a plans e programas de investimento en campañas publicitarias" vinculadas á "promoción laboral e fomento do emprego". Como avanzou Praza.gal, esa operación foi autorizada polo Consello da Xunta tres días antes das eleccións, pero o Goberno non incluíu a decisión na referencia pública dos acordos desa reunión.

En outubro, co Goberno en funcións, as modificacións orzamentarias para recolocar fondos do tícket eléctrico foron máis cuantiosas. O día 4 dese mes Economía decidiu financiar con 150.000 euros desta partida o acordo que asinara en setembro coa Consellería de Sanidade para sufragar a mellora da sinaléctica dalgúns hospitais. O departamento de Francisco Conde transferiu os cartos a Sanidade, que á súa vez os colocou na partida do Sergas para plans directores e actuacións en centros hospitalarios.

Entre os gastos atendidos con fondos das axudas figura a demanda de Corcoesto, sinais de hospitais, un estudo sobre publicidade ou a cota da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo

No mesmo mes de outubre Economía realizou o que ata agora foi o movemento dun maior volume do orzamento que ía financiar as axudas ao pagamento das facturas eléctricas: 295.050 euros para tres gastos xa previstos da Dirección Xeral de Comercio, dependente da mesma consellería. Ata 165.550 euros desa operación foron parar á cota que lle correspondeu achegar á Xunta na súa calidade de membro do padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, segundo un acordo adoptado por ese órgano en febreiro dese ano, dúas semanas despois da apertura do prazo para solicitar o tícket eléctrico.

Outros 79.500 euros desa transferencia achegáronse ao pago de "actividades de fomento comercial" que, admite a Xunta, xa estaban programadas. Cos restantes 50.000 a Consellería "afrontou o pagamento de recursos contra ordes de axudas de exercicios anteriores", segundo xustifica na modificación orzamentaria que, como manda a lei, tivo que remitir ao Parlamento. O último día do mes Economía recorreu de novo aos fondos do tícket eléctrico para outra finalidade ben distinta á orixinal: Como avanzou este diario, transferiu 140.000 euros para afrontar a demanda que a multinacional mineira Edgewater mantén contra a Xunta para esixir poder explotar a mina de ouro en Corcoesto.

111.000 euros do tícket eléctrico foron traspasados para financiar alumeado da Cidade da Cultura

A que ata agora foi a última transferencia rexistrada de fondos procedentes da axuda eléctrica si ten que ver coa luz, pero non precisamente coa política social ou coa loita contra a coñecida como pobreza enerxética. O 4 de novembro a Consellería de Economía decidiu botar man de fondos orzamentados en dúas das súas partidas para, como avanzara Faro de Vigo, atender, con 201.763,49 euros, o compromiso ao que chegara coa Consellería de Cultura e Educación para cofinanciar a "iluminación complementaria" da Cidade da Cultura. 111.000 euros saíron do tícket eléctrico e os 90.700 restantes, da partida que Economía dedica a reparacións e mantementos dos edificios dependentes dese departamento. A Consellería colocou eses fondos na súa partida de transferencias de capital e achegoullos á Fundación Cidade da Cultura o día 15 do mesmo mes.

Acadouse así, polo momento, a cifra de 830.000 euros de fondos retirados do orzamento do tícket eléctrico. Deste xeito, os fondos que acabaron cun destino diferente xa son máis avultados que o incremento do orzamento destas axudas entre 2015 e 2016.

As axudas concedidas

Daquela, que parte dos 2,1 millóns de euros orzamentados para o tícket eléctrico acabaron, efectivamente, servindo para axudar ao pagamento da factura da luz para familias con poucos recursos económicos? O conselleiro Francisco Conde indicou en decembro no Parlamento que as familias beneficiadas por estes subsidios foron unhas 5.000 dende o ano 2014, moi lonxe das 40.000 que Feijóo estimara cando anunciou a ampliación da axuda ás portas das eleccións municipais de 2015. Fontes da Consellería cuestionadas ao respecto por Praza.gal detallan, non obstante, que "o Goberno galego axudou a máis de 6.000 fogares a facer fronte aos seus gastos de enerxía eléctrica" dende ese ano.

Apenas o 21% orzamento do tícket acabou financiando axudas ás familias

No que atinxe a 2016, ano no que as axudas se sufragaron co orzamento despois reducido, a terceira e última resolución publicada pola dirección xeral que xestiona o tícket, o pasado outubro, indica que aprobou 761 solicitudes por un importe total de 148.694 euros. As mesmas fontes oficiais explican que "o importe concedido para todas as axudas que se solicitaron", isto é, a suma das tres resolucións, "foi de 433.200 euros", cun total de 2.168 persoas beneficiarias. Así as cousas, apenas o 21% orzamento do tícket acabou financiando facturas eléctricas das familias, cun importe achegado que é practicamente a metade do orzamento transferido a outros gastos da Administración. Quedarían, daquela, uns 837.000 euros sen asignar, parte dos cales puideron, non obstante, ser transferidos nas modificacións orzamentarias de decembro, aínda non entregadas á Cámara.

Nos Orzamentos de 2017 os fondos do tícket eléctrico descenden un 62%, se ben a Xunta asegura que achegará "o orzamento que sexa necesario, sen límites"

Tras o sucedido en 2016 a Consellería de Economía anuncia para 2017 unha "simplificación" destas axudas que, en calquera caso, disporán dun orzamento inicial dun 62% menor, toda vez que o proxecto de contas públicas que actualmente se tramita no Parlamento dota o tícket con 793.115 euros. Dende a Consellería asegúrase a este diario que "como xa se fixo durante este tempo, este ano destinarase o orzamento que sexa necesario, sen límites, para seguir axudando as familias con menos recursos" e sublíñase ademais que ao tícket eléctrico "sumouse o ano pasado un mecanismo automático, sinxelo e eficaz para evitar o corte de luz por impago ás familias con menos recursos, que neste 2017 se estende tamén ao gas natural".

Feijóo intervindo ante a Cidade da Cultura, cuxa iluminación é parcialmente sufragada con fondos do tícket eléctrico © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.