0 Gardados para despois

A Xunta reduce un 62% os fondos da axuda para a luz tras non chegar ás familias oito de cada dez euros en 2016

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un 62% menos un ano despois de incrementar o orzamento un 40% e non dar destinado a axudas ás familias oito de cada dez euros previstos. A Consellería de Economía vén de poñer en marcha a convocatoria para 2017 do seu tícket eléctrico, a achega económica aos fogares con poucos recursos económicos que equivale a, aproximadamente, unha factura e media ao ano. No ano 2016 estas axudas estiveron dotadas con 2,1 millóns de euros, 600.000 máis que en 2015. No entanto, como vén informando Praza.gal, apenas o 20% do orzamento destes subsidios, 433.200 euros, acabaron pagando recibos da luz das familias. Mentres, case o duplo, 830.000 euros, foron transvasados a outros gastos da Administración e outro tanto quedou sen asignar, segundo os datos orzamentarios do propio Goberno datados a finais do pasado novembro. Desta volta a dotación total é de 793.115 euros, na liña do avanzado polo proxecto de Orzamentos Xerais de 2017.

Este luns o Diario Oficial de Galicia publica a orde que activa os prazos do tícket eléctrico para 2017, que poderá ser solicitado dende este 17 de xaneiro e ata o vindeiro 15 de xullo, o que implica un prazo quince días máis curto que na convocatoria anterior. Como en 2016, a contía máxima desta subvención é de 180 euros anuais para os fogares en xeral e de 300 para as familias numerosas e, igual que na convocatoria anterior, só poden acceder a ela as familias que non ingresasen durante 2015 máis do equivalente a "1,5 veces o IPREM", isto é, 9.585,19 euros anuais.

En 2016 as axudas estiveron dotadas con 2,1 millóns de euros, dos que 430.000 pagaron axudas ás familias e 830.000 foron transvasados a outros gastos da Administración

Deste xeito, fican excluídos os fogares nos que os ingresos de todos os seus membros sumen máis de 798 euros ao mes, ou 684 no caso de salarios divididos en catorce pagas. Ademais, tampouco poden solicitar o tícket, atendendo ás bases, os fogares nos que non residan persoas menores de idade ou con algún tipo de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%.

As familias que respondan a este perfil poden solicitar axuda para pagar facturas de electricidade "cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo de 2016 e o 30 de xuño de 2017". Para facelo o Goberno mantén tamén un dos requisitos máis criticados pola oposición parlamentaria e colectivos sociais en convocatorias anteriores. "As solicitudes -sinala a orde- deberán presentarse unicamente por vía electrónica" a través da sede electrónica da Xunta.

As axudas volven ser de 180 euros para as familias en xeral e de 300 para as numerosas e deben solicitarse por vía electrónica

Igual que na convocatoria anterior, a Consellería abre a porta ao "suposto" de que "o peticionario non teña capacidade técnica ou económica" para acceder aos "medios tecnolóxicos precisos", e nese caso podería facer o trámite nunha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, pero empregando unha sinatura electrónica e tendo en conta que a "documentación complementaria deberá presentarse electronicamente". O Goberno terá para resolver as peticións ata tres meses despois do final do prazo de solicitudes, isto é, ata mediados de outubro.

Mentres, tal e como informou este diario, no Parlamento xa se tramitan iniciativas da oposición para que o Goberno dea contas da transferencia de fondos do tícket eléctrico a outros gastos da Administración, dende a Consellería de Economía asegúrase a este diario que as axudas chegarán a todas as familias que as precisen. "Como xa se fixo durante este tempo, este ano destinarase o orzamento que sexa necesario, sen límites, para seguir axudando as familias con menos recursos", din fontes oficiais do departamento que dirixe Francisco Conde, que subliñan ademais que ao tícket "sumouse o ano pasado un mecanismo automático, sinxelo e eficaz", en referencia ás "axudas urxentes" para "evitar o corte de luz por impago ás familias con menos recursos, que neste 2017 se estende tamén ao gast natural".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.