O alcalde de Vigo reclama ao Goberno galego que cumpra a Lei de Memoria Histórica e tape o emblema e pregúntase “cantos partidos gobernan alí na Xunta con Feijóo, pero máis dun debe haber”
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, revelou este venres unha resolución do departamento de Patrimonio da Xunta, dependente da Consellería de Cultura, que rexeita tapar o escudo franquista que preside a fachada do Instituto Santa Irene de Vigo. A proposta de tapalo partiu da Consellería de Educación no marco do seu proxecto de reforma do centro educativo, para o que solicitou a licenza municipal. A propia conselleira de Educación publicitou a súa intención de tapar o escudo. Pero agora Patrimonio, que se pronuncia por estar o edificio histórico catalogado, muda a previsión e esixe manter o escudo.

Patrimonio di que "podería interpretarse" que o escudo é un elemento singular do edificio" e polo tanto "podería estar acollido" a unha excepción da Lei de Memoria Histórica
Patrimonio esgrime no seu informe, consultado por Praza.gal, unha excepción da Lei de Memoria Histórica que permite que se manteña simboloxía franquista se conta con valor artístico e significado histórico. Ese departamento da Consellería de Cultura “interpreta” que o escudo “podería estar acollido” a esa excepción xa que “estaba previsto no proxecto orixinal da construción” e “é un dos elementos pétreos singulares do edificio”. Este levantouse entre 1941 e 1946, segundo sinala o propio informe noutro punto.
O informe de Patrimonio considera que “a intervención proposta [pola Consellería de Educación] non é compatible coa conservación dos valores culturais do inmoble e que o escudo en si conta cun valor artístico e significado histórico que poden ser supostos de excepcionaidade na retirada do mesmo para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica”.
“Sorpréndenos que unha parte da Xunta envíe un proxecto tapando o escudo e que a outra diga que se manteña”, di Caballero
Ante a postura da Consellería de Cultura a respecto da intención da Consellería de Educación o alcalde vigués decantouse pola segunda e esixiu o cumprimento da Lei de Memoria Histórica. “Sorpréndenos que unha parte da Xunta envíe un proxecto tapando o escudo e que a outra diga que se manteña”, valorou o rexedor, que se preguntou “cantos partidos gobernan alí na Xunta con Feijóo, pero máis dun debe haber, porque se envían dous proxectos distintos...”
O Concello xa presentou un recurso de reposición previo ao contencioso-administrativo para que a Consellería de Cultura mude o seu informe e permita tapar o escudo en cumprimento íntegro da Lei de Memoria Histórica.