A Residencia Barroso é unha das residencias de estudantes existentes en Santiago de Compostela. Dependente do Exército de Terra desde a súa orixe, a súa administración e xestión foron asumidas pola Armada no ano 2014. O seu nome completo é Residencia de Estudantes “Teniente General Barroso”, en homenaxe a Antonio Barroso y Sánchez Guerra, un militar franquista, que chegou a ser Ministro do Exército durante a ditadura entre 1957 e 1962, momento en que a residencia foi proxectada. Aínda que a súa construción comezou en 1960, non foi inaugurada ata o mes de outubro de 1976, case un ano despois da morte do ditador.
A residencia foi inaugurada en 1976 e depende da Armada
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) vén de presentar un escrito ante a Fiscalía Xeral do Estado no que denuncia que o Ministerio de Defensa, de quen depende a residencia, está a incumprir a Lei de Memoria Histórica (Lei 52/2007), en concreto o artigo 15, que obriga á retirada de espazos de recoñecemento da exaltación ou o enaltecemento de persoas que se significaron pola súa participación no golpe de Estado do 18 de xullo de 1936.
A ARMH pídelle á Fiscal Xeral que valore "se debe tomar as medidas contra o Ministerio de Defensa polo mantemento dun recoñecemento a un militar que rexeitou as súas obrigas de defender a legalidade para sumarse ao uso da violencia co obxecto de ocupar o poder"
No escrito, a ARMH pídelle á Fiscal Xeral Dolores Delgado que valore "se debe tomar as medidas pertinentes contra o Ministerio de Defensa, polo incumprimento da Lei e o mantemento dun recoñecemento a un militar que rexeitou as súas obrigas de defender a legalidade para sumarse ao uso da violencia co obxecto de ocupar o poder". "Entendemos que a permanencia dese nome, co agravante de que se lle outorga a un centro de estudantes da Armada, incumpre o artigo 15 da citada lei e o Ministerio de Defensa debe ser sancionado por tal incumprimento, cando transcorreron máis de doce anos desde a súa aprobación e é tempo máis que suficiente para aplicala", engade a asociación.
Quen foi o Tenente Xeneral Barroso?
Ascendido a Coronel en 1937 por "méritos de guerra", foi Xefe da Casa Militar de Franco (1956-1957) e entre 1957 e 1962 foi ministro do Exército do Goberno da ditadura
O Tenente Xeneral Barroso, que segue dando nome a esta residencia universitaria, naceu en Marín en 1893, fillo dun político da Restauración, ministro en varias ocasións entre 1906 e 1916. Antonio Barroso, Tenente xa aos 20 anos de idade, e Capitán con 25, participou na Guerra de Marrocos, onde entrou en contacto co grupo de militares que foi clave no Golpe de Estado de 1936.
En 1934 foi designado agregado militar da Embaixada española en Francia, cargo que abandona despois da sublevación militar contra o Goberno democrático. Antes de abandonar o cargo intervén para bloquear os esforzos iniciais do Goberno republicano para adquirir armas en Francia. Durante a Guerra Civil ocupou o posto de xefe do Cuartel Xeral de Franco, ascendendo a Coronel en 1937 por "méritos de guerra".
Xeneral en 1943 e Tenente Xeneral en 1955, foi Xefe da Casa Militar de Franco (1956-1957) e entre 1957 e 1962 foi ministro do Exército do Goberno da ditadura. Designado en varias ocasiones procurador nas Cortes franquistas onde foi un dos 59 procuradores que o 18 de novembro de 1976 votaron en contra da Lei para a Reforma Política que derrogaba os Principios Fundamentais do Movemento. Faleceu en 1982.