Non vou falar da canción “Galicia, sitio distinto” de Os Resentidos, nin do programa co mesmo nome, que presentaba Antón Reixa na Televisión de Galicia.
En febreiro de 2019 a Dirección Xeral de Memoria Histórica, dependente do Ministerio de Xustiza, facía público que en Galiza aínda quedaban sobre 30 símbolos franquistas en 15 concellos. Quedouse un pouco curta porque Galiza é sitio distinto e teño contabilizados até 602 símbolos franquista en 87 concellos, traballo que espero presentar en maio-xuño se o Coronavirus non o impide. Todo isto despois de doce anos da aprobación da chamada Lei de Memoria Histórica.
Falemos claro; isto é unha vergoña nacional, resultado da falta de vontade política e, nalgúns casos, dunha auténtica desidia. É hora de facer autocrítica porque a maior responsabilidade é do PP que goberna en Galiza e en moitos concellos, mais tamén do PSOE, BNG e Mareas diversas –gobernan en tres deputacións e nas principais cidade galegas– que non se aplicaron o suficiente na eliminación desa simboloxía, actuando cunha falta evidente de coordinación e coherencia.
1. Temos cifras de record. En Santiago aínda quedan 19 ministros de Franco con distincións honoríficas (Manuel Fraga entre eles), e non pasa nada! José Calvo Sotelo, significado fascista e golpista, conserva na Coruña oitos distincións, entre rúas, Fillo Predilecto, peirao, placas, etc., cando a Deputación de Pontevedra xa retirou, por unanimidade, a distinción de Fillo Predilecto en xullo de 2016, e moitos concellos retiraron a súa rúa, como Logroño, cando Cuca Gamarra (PP) era alcaldesa.
2. O goberno municipal da Marea Atlántica manifestaba na Coruña antes das eleccións municipais de 2019 que xa retiraran todas as rúas a golpistas, pero aí seguen as rúas de Calvo Sotelo e Primo de Rivera, e para recibir as visitas e celebrar actos institucionais no palacio municipal de María Pita temos un salón da Alcaldía, presidido polos retratos dos golpistas Severiano Martínez Anido (na deputación da Coruña xa lle retiraron un retrato), José Calvo Sotelo, Mario Muslera y Planes e Miguel Primo de Rivera.
3. O Ministerio de Defensa tamén é responsábel da existencia de simboloxía franquista. Após a retirada polo concello de Ferrol, alcaldía do PSOE, de 61 rúas en marzo de 1981, moitas delas foron trasladadas ao Arsenal Militar –Allmirante Vierna, Crucero Baleares, Almirante Fernández Martín. Marqués de Alborán (Francisco Moreno Fernández), Salvador Moreno Fernández etc– e os gobernos do PP e PSOE néganse a acabar con esta exaltación do franquismo. Por outra parte, o Ministerio de Defensa, tamén cando goberna o PSOE, négase a cambiar en Pontevedra o nome do centro de ensino Salvador Moreno, almirante golpista, que depende de Defensa. Como contraste, no concello veciño de Marín xa cambiaron o nome do IES Salvador Moreno, cando tiña alcaldía socialista e goberno PSOE-BNG. No palacio de Capitanía Xeneral da Coruña hai unha placa co nome do Salón de Honor: “Tte. Gral. Yagúe”, coñecido popularmente como o “Carnicero de Badajoz”, polo asasinato de 4.000 presos na praza de touros desa cidade estremeña.
4. En Galiza temos casos únicos no Estado. En Ferrol aínda se conserva unha escultura de homenaxe a Camilo Alonso Vega, ministro de Franco, significado golpista e coñecido como “Camulo” no mundo antifranquista pola represión violenta contra o pobo; está situada na entrada do hospital Juan Cardona, outro militar golpista. É presentado na placa como “Capitán General del Ejército Español. Hijo ilustre de la ciudad 29-5-1889 1-7-1971. Soldado heroico. Gobernante ejemplar”.
5. Sen saír de Ferrol, continúa a Alameda Suanzes, enxalzando ao militar golpista e ministro de Franco, Juan Antonio Suanzes Fernández. Como contraste, o concello de Málaga, alcaldía de PP, retiráballe en 2007 a distinción de Fillo Adoptivo e a Medalla da cidade, concedida en 1962. As Pontes, alcaldía do PSOE, aprobaba en xullo de 2017 unha moción presentada polo BNG para retirar a súa rúa. O Pleno de Puertollano (Cidade Real) de marzo de 2019, alcaldía do PSOE, retiraba a Suanzes a Medalla de Prata e Brillantes, co voto a favor de PSOE e IU, concedida en 1953, cando era presidente do INI.
6. Outro record: Luis Carrero Blanco, outro significado golpista e ministro de Franco, non conserva unha rúa, senón tres en Caión: Almirante Carrero Blanco, Travesía Almirante Carrero Blanco 1 e Travesía Almirante Carrero Blanco 2. Esta localidade está no concello de A Laracha e o alcalde do PP négase a cambiar o nome destas rúas.
7. Os catro militares que organizaron o golpe de Estado na Coruña en 1936 –Enrique Canovas Lacruz, Florentino González Vallés, Luis Tovar Figueras e Pablo Martín Alonso– foron honrados pola Deputación da Coruña coa distinción de Fillos Adoptivos da provincia en xaneiro de 1937 porque eran “merecedores de pública admiración y gratitud”. Doce anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica continúan con esas distincións.
8. Na Deputación da Coruña, presidencia do PSOE, numerosos militares golpistas son Fillos Adoptivos da provincia: José María Rivero de Aguilar Otero, Francisco Delgado Serrano e Fermín Gutiérrez de Soto, que ocuparon a Capitanía Xeneral de Galiza na ditadura (no concello da Coruña xa retiraron a estes dous últimos xenerais as distincións honoríficas). Francisco Núñez Rodríguez, golpista e Capitán Xeral de Ferrol, é Fillo Predilecto. Manteñen distintas distincións gobernadores civís na ditadura: Rafael Hierro Martínez (xa retiraron a distinción na Coruña); José Manuel Pardo Santayana, Cristóbal Graciá Martínez, Diego Salas Pombo e Evaristo Martín Freire. Distincións honoríficas da Deputación da Coruña para ministros na ditadura: José Antonio Girón de Velasco, Gonzalo Fernández de la Mora, Cirilo Cánovas García, Laureano López Rodó. Tamén Manuel Fraga, ministro da ditadura, ten a distinción de Fillo Adoptivo da provincia, que xa foi retirada polo Pleno de Ferrol o 25 de abril de 2019. E para fascistas e golpistas que participaron na represión como Antonio Pedrosa Latas, José Fariña Ferreño e Enrique Salgado Torres (a este último xa lle retiraron a rúa en Ferrol en 1981 cunha alcaldía do PSOE.
9. Rodolfo Martín Villa está dentro do grupo de persoas encausadas pola xuíza María Servini, dentro da Querela Arxentina, polos delitos de xenocidio e/ou crimes de lesa humanidade, entre eles a morte de cinco traballadores e 150 feridos en Vitoria en marzo de 1976. Este ministro na ditadura recibía en 2004 a Medalla de Ouro de Galicia, sendo presidente da Xunta Manuel Fraga, outro ministro na ditadura. É difícil, pero podemos retirarlle esa distinción, como xa fixo Barcelona en marzo de 2017.
10. A Igrexa dificulta a retirada da simboloxía franquista en numerosas igrexas e espazos públicos. En Vigo conta coa colaboración do alcalde do PSOE Abel Caballero para manter en O Castro unha cruz levantada como homenaxe ao caídos, inaugurada por Franco. A igrexa de San Francisco en Ferrol é un auténtico museo de exaltación do Franquismo cunha gran cruz coa inscrición “Caídos por Dios y por España”; tamén hai unha coroa con este texto: “La Marina de Guerra a los gloriosos caídos del Baleares. Caídos por Dios y por España en el Crucero Baleares ¡Presentes!”. A Igrexa non cumpre coa Lei de Memoria Histórica, pero recibe subvencións do Estado. E aínda non se presentou ningunha denuncia nos xulgados
Dicimos que queremos derrotar á dereita e ultradereita, retirar o PP da Xunta nas próximas eleccións, mais creo que facemos pouca cousa para retirar os restos do franquismo que invaden as rúas e concellos do país. Eu non quero que Galiza sexa un sitio distinto, conservando 600 símbolos franquistas.