Cangas do Morrazo deixou este luns de exhibir na fachada da antiga colexiata da vila a placa de homenaxe a José Antonio Primo de Rivera e a un grupo de veciños do bando franquista falecidos na Guerra Civil. A primeira hora mañá técnicos municipais procederon a retirar os elementos que compuñan este conxunto de elementos colocados na ditadura, completando así un proceso de anos nos que o Concello, entidades sociais e varios grupos políticos traballaran para a eliminación desta simboloxía.
O Concello de Cangas e a Asociación Memoria Histórica de Cangas puxéronse en contacto en repetidas ocasións coa xerarquía da Igrexa católica, remitindo mesmo unha carta ao propio Papa Francisco, mantendo unha xuntanza con Julián Barrio, Arcebispo de Santiago, co obxectivo de vencer as resistencias a esta retirada. O asunto fora tamén tratado no pleno municipal, onde a iniciativa contou coa maioría dos votos dos grupos alí representados.
A resposta da Igrexa católica fora que o Concello debía poñerse en contacto coas familias dos veciños homenaxeados baixo a cruz franquista, pero que máis aló desa deferencia, non poría impedimentos. Nos últimos meses o Concello conminara á Igrexa a proceder á retirada definitiva da cruz, da placa e dos demais elementos de simboloxía franquista neste espazo público, dando cumprimento así á Lei de Memoria Histórica. Advertíralle, ademais, que de non facelo, o Goberno local se ocuparía da obra, remitíndolles posteriormente a factura. Finalmente, Concello e Igrexa chegaron a un acordo para levar a cabo a acción.
A actuación desta mañá, que pon fin a case 80 anos de homenaxe ao Franquismo na fachada da ex-colexiata de Cangas, completa as iniciativas de retirada de simboloxía da ditadura, que dende o inicio da lexislatura supuxeron a eliminación doutras placas, escudos e demais elementos ilegais.