A chegada das pezas ao Museo do Pobo Galego, que as custodiará inicialmente e exporá dende o 11 de decembro, culmina a derrota dos herdeiros do ditador no proceso xudicial impulsado polo Concello de Santiago dende 2017
Pasaron algo máis de 71 anos. Ou algo máis de 26.000 días dende que, o 25 de xullo do Ano Santo Compostelán de 1954, o ditador Francisco Franco foi recibido con honras no Pazo de Raxoi tras presentar a ofrenda ao Apóstolo na Catedral e a súa esposa, Carmen Polo, amosou "interese insistente" por dúas esculturas do Mestre Mateo situadas na sede do Concello de Santiago, noutrora parte da composición orixinal do Pórtico da Gloria.
A consorte do xeneral golpista suxeriu "de forma inequívoca que pasasen á súa posesión" e, sen "formalidade ningunha", enviáronllelas. Sete anos despois as pezas reapareceron nunha exposición como "cesión" da familia Franco. Estes episodios foron documentados polo goberno municipal no prolongado iniciado hai máis de oito anos e que este 1 de decembro de 2025 permitiu que as esculturas espoliadas volvesen á casa para sempre
A alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, xunto á primeira tenenta da Alcaldía, María Rozas, acudiron este pasado luns a outro dos símbolos das propiedades espoliadas por Franco e recuperadas para o público con décadas de atraso, o Pazo de Meirás, para asinar a acta de entrega das estatuas co secretario municipal como testemuña. Poucas horas despois recibíanas en Compostela, no Museo do Pobo Galego, que as custodiará inicialmente e as exporá ao público dende o 11 de decembro e ata maio do ano vindeiro.
Goretti Sanmartín subliña o fito "histórico" de que lograr "que os Franco teñan que devolver os bens incautados a través do espolio, por unha sentenza por primeira vez na historia"
Concrétase así a derrota xudicial que os Franco deron en admitir o pasado verán, despois de que o Tribunal Supremo os condenase definitivamente á devolución. Atrás quedaban os dous importantes reveses sufridos previamente pola demanda que impulsou o Concello en 2017. Foi en 2019, cando unha xuíza de Madrid de controvertido perfil a desestimou e despois, a Audiencia madrileña rexeitou o recurso compostelán incorrendo, segundo a sentenza final do Supremo, nun "erro patente na valoración da proba"; afirmaba que o concello compostelán non identificara "adecuadamente" as pezas que reclamaba. Pero as esculturas en poder dos Franco eran as mesmas, "sen posibilidade de dúbida".
Quedaba así claro que os Franco trataran como se fosen súas as dúas esculturas románicas que o Concello de Santiago mercara en 1948 ao conde de Ximonde, Santiago Puga, para integralas no "patrimonio artístico da cidade". E por todo isto, engrandece a alcaldesa Sanmartín, é posible adxectivar a devolución como "histórica": "O Concello de Santiago consegue que os Franco teñan que devolver os bens incautados a través do espolio, por unha sentenza por primeira vez na historia".
Que "tivesen que pasar 50 anos dende a morte do ditador para ter finalmente esta devolución", reflexiona a rexedora, evidencia a "impunidade coa que sobreviviu o franquismo entre nós". De aí a aposta do Concello por que esta primeira exposición das pezas, no Museo do Pobo, vaia acompañada de "actividades memorialísticas e de reflexión". "É un día feliz para Santiago", agrega Sanmartín, para quen en calquera caso resulta "paradoxal" que "a democracia teña que gañar nos tribunais o roubado pola ditadura".
O goberno local agradece aos seus dous antecesores o impulso e mantemento da demanda que pon fin a un episodio iniciado o 25 de xullo de 1954, cando o xeneral golpista foi recibido con honras na cidade e a súa esposa teimou en quedar coas esculturas
Sinala o goberno local que a celebración debe ir acompañada de "agradecemento". "Ao goberno municipal con Martiño Noriega á fronte, por dar o paso de iniciar o proceso xudicial" e ao equipo xurídico que o levou adiante da man de Xoaquín Monteagudo; ao gabinete do socialista Sánchez Bugallo, "por continuar co procedemento", "á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e ao Estado, pola axuda e colaboración", "ao equipo técnico do Auditorio de Galicia e do Museo do Pobo Galego" e "a todos os colectivos pola recuperación da memoria histórica" que "se empeñaron en que a verdade se coñeza e difunda e hoxe se poida contar a historia tal e como foi".
Sanmartín e Rozas, en compaña da edil de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao, e mais da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, deixan así para a historia unha imaxe en cores que contrasta co branco e negro doutras fotografías de hai 70 anos. Aquelas nas que o alcalde santiagués da época, Enrique Otero, impuña a Franco a "Gran Medalla de Honor" da cidade e a Carmen Polo "o Gran Lazo de Dama de Honor de Compostela", galardóns creados especificamente para ambos e entregados mentres, entre parafernalia fascista, decidían espoliar as pezas do Mestre Mateo.