Pouco antes das 14 horas, a xuíza Marta Canales facía entrega das chaves do inmoble ao Estado; o Pazo xa era patrimonio público
"É un día importante porque recuperamos algo que foi roubado, que non foi ningún agasallo e que debeu ser recuperado hai xa moito tempo". Paseando baixo a intensa chuvia que este xoves caía en Meirás, un veciño da parroquia sadense resumía o parecer de tantos ao toparse coa morea de medios que se xuntaron ás portas do Pazo no día no que o inmoble deixaba de pertencer aos Franco para tornarse en patrimonio público.
Moitos máis xornalistas que curiosos agardaron pola entrega oficial do Pazo ao Estado, que se atrasou ata case ás 14 horas, nun acto solemne na biblioteca da Torre da Quimera. Alí, a xuíza Marta Canales fixo entrega das chaves do inmoble á Administración Xeral do Estado.
Antes, durante unhas tres horas, os técnicos de Patrimonio da Xunta que realizaron o inventario verificaron que os bens identificados no seu informe estivesen no mesmo estado que cando realizaron a inspección ocular. Fóra, algún claxon de celebración e algún puño en alto de condutores sorprendidos ante un acto que sumou ducias de coches na zona, incluídas tres patrullas da Garda Civil, pero escasa veciñanza nun día de auga e restricións pola pandemia.
A entrega do Pazo asinouse sen a presenza da familia Franco e logo de que técnicos da Xunta verificasen que os bens inventariados seguían alí
Entraron os técnicos pasadas as 11, só uns minutos despois de que o fixese a comitiva xudicial, encabezada pola avogada do Estado, Consuelo Castro, que recibiu da maxistrada as chaves que os Franco deixaran nos xulgados xa o pasado mércores, cumprindo así a execución provisional da sentenza do 2 de setembro, na que se acordou que o inmoble é un ben público.
Asinouse a entrega do Pazo sen a familia Franco presente, poñendo fin a 82 anos de propiedade do ditador e dos seus herdeiros, logo de décadas de loita da sociedade civil e de agrupacións pola recuperación da memoria histórica, que celebraron unha xornada que durante anos pareceu unha quimera.
Manuel Monge, quen fora presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña sostía ante as portas un cartel coa lenda "fóra okupas", ao carón de Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío, historiadores sadenses autores da investigación clave que deitou luz sobre o espolio dos Franco, ou de Abel López Soto, ex-alcalde nacionalista, xunto a outros membros do BNG, como a portavoz en Europa, Ana Miranda, que lucían unha pancarta: "Franquismo nunca máis".
O Estado deberá, nun prazo de vinte días, determinar que bens han de ser entregados aos herdeiros do ditador
Foi o Bloque a única formación política presente, con pancarta e logo, nun "día histórico", como recordaron todos os presentes. Tamén o deputado nacionalista Néstor Rego, que expresou a "satisfacción ante a vitoria social" que supón a entrega do Pazo e que, como membro dos autodenominados 19 de Meirás --activistas que ocuparon simbolicamente o inmoble en 2017--, reclamou que sexa arquivada a denuncia dos Franco e da Fundación Francisco Franco contra todos eles.
Quixo a casualidade --ou non--, que fose no Día dos Dereitos Humanos no que os Franco abandonaron a que foi residencia estival do ditador e da súa familia durante máis de oito décadas e logo dun "espolio", como lembrou tamén o alcalde de Sada, Benito Portela, desde o exterior do Pazo.
"É un día que deixa unha sensación de xustiza histórica ao volver o Pazo ás mans das que nunca debeu ter saído, que son as do Estado", di avogada xeral
Agora, tal e como aclara a xuíza, o Estado deberá, nun prazo de vinte días, determinar que bens han de ser entregados aos herdeiros do ditador por ser de uso persoal, logo de que presentasen no xulgado un escrito reclamando que se lles especifique que obxectos podían ser trasladados, ao non aclararse no inventario cales están vinculados ao BIC. Ademais, aclarou que dous dos bens que constan no inventario, a Casa das Conchas e o seu hórreo, non forman parte do reivindicado pola Administración.
"Foi suficiente con que entregasen as chaves", dixo a avogada xeral, Consuelo Castro, en referencia á ausencia dos Franco ou dos seus representantes. Francis Franco, neto do ditador, explicou nunha emisora de radio que non quixeran "prestarse ao circo" porque non lles ían "deixar retirar nada" nun día que, para a letrada do Estado, "deixa unha sensación de xustiza histórica" ao devolver o Pazo "ás mans das que nunca debeu ter saído, que son as do Estado". Antes, entregou simbolicamente as mesmas chaves a Patimonio do Estado, que é quen asume desde xa a xestión do inmoble, aínda que a futura colaboración doutras administracións está en estudo.
Castro destacou tamén tamén que as Torres "volveron ás mans dos cidadáns galegos" nunha xornada onde "se produce a feliz coincidencia de que celebramos o Día Internacional dos Dereitos Humanos". "A significación que este acto ten en termos de memoria democrática encaixa de maneira moi especial con este día", engadiu.
Acompañada polo xefe da Avogacía do Estado en Galicia, Javier Suárez, ademais doutros representantes das administracións, Castro gabou o "enorme traballo" que hai detrás desta recuperación. Así, e malia que a execución da sentenza é aínda provisional, destacou tamén o "valor simbólico e histórico" do acto e que "ninguén o pode ignorar".