O Pazo de Meirás pasará a mans do Estado o vindeiro 10 de decembro ás 11 da mañá e ata entón a familia Franco non poderá retirar do seu interior os bens mobles ou inmobles que o compoñen. O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña determinou nun auto coñecido este venres o mantemento da data de entrega e a idoneidade das medidas cautelares ditadas ata agora, designando o Estado como depositario "de todos os bens mobles e elementos accesorios que conforman a día de hoxe o Pazo de Meirás como unidade".
O Pazo de Meirás pasará a mans do Estado o vindeiro 10 de decembro ás 11 da mañá e ata entón a familia Franco non poderá retirar do seu interior os bens mobles ou inmobles que o compoñen
O auto si permite "a retirada daqueles obxectos de estrito uso persoal ou que, polas súas características, nada acheguen á significación do Pazo como Ben de Interese Cultural e cuxa retirada en nada comprometa os posibles usos definitivos que se decidan para o Pazo".
O ditame rexeita polo tanto as alegacións presentadas polos herdeiros do ditador contra os autos anteriores e estima as medidas cautelares solicitadas polo Estado central, aceptando tamén as alegacións presnetadas pola Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación Provincial da Coruña. Os Franco protestaran ante a prohibición de retirar bens do pazo e tamén pola data de entrega prevista.
O Goberno central convocou a Xunta, Deputación provincial e Concello de Sada a unha xuntanza o vindeiro mércores para tratar a devolución do Pazo
Poucas horas despois de coñecerse a sentenza, a vicepresidenta primeira do Goberno central, Carmen Calvo, convocou a unha xuntanza ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao alcalde de Sada, Benito Portela, e ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, segundo informa eldiario.es. A reunión serviría para tratar o proceso de devolución do Pazo de Meirás a mans públicas.
“A urxencia xorde cando os demandados, dicindo que van entregar voluntariamente o pazo, previamente queren proceder ao traslado de bens en 50 camións, que sen dúbida son moitos camións, o que se traducía nun baleirado de non se sabía que”, sinala a xuíza
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña destaca que a decisión de prohibir retirar bens do recinto sen informar previamente á parte demandada respondeu “a unha situación de urxencia patente”, pois os herdeiros do ditador contrataran vehículos para levalos, ou cando menos así o afirmaron nunha entrevista concedida ao xornal La Razón a comezos do mes de novembro.
Na noticia, sobre a base das declaracións dos demandados, deducíase que mesmo se pretendía "proceder á retirada de pezas ou elementos que estarían unidos de maneira fixa e permanente ás leiras, ao edificio ou ás construcións anexas que se inclúen no inmoble obxecto da reivindicación", sinala o auto, que subliña que "nos atopamos ante un inmoble declarado ben de interese cultural, o que implica que goce dunha protección integral que se estende a todos os seus elementos e compoñentes".
A maxistrada destaca que era “necesario saber que existía en Meirás” antes de permitir “trasladar todo tipo de bens descoñecidos”
“A urxencia xorde cando os demandados, dicindo que van entregar voluntariamente o pazo, previamente queren proceder ao traslado de bens en 50 camións, que sen dúbida son moitos camións, o que se traducía nun baleirado de non se sabía que”, sinala a xuíza. A maxistrada destaca neste senso que era “necesario saber que existía en Meirás” antes de permitir “trasladar todo tipo de bens descoñecidos”, o que facía necesaria a adopción de medidas cautelares e a realización dun inventario que detallase todos os elementos que constituían o Pazo de Meirás neste momento.
"Ao acceder á práctica do inventario non se está dicindo que o Estado teña dereito a todos os bens que están no seu interior e exterior", sinala o auto, que engade que "ante o seu inminente baleirado" e tratándose dun BIC non se podía permitir "que os demandados trasladasen todo tipo de bens, descoñecidos, nos camións". "Era necesario saber que existía en Meirás", conclúe.
Unha vez realizado o inventario, o Estado terá que expor “que bens entende que teñen que ser entregados ou non”
“De non adoptar as medidas cautelares nunca sería posible acoller unha decisión futura, nunca podería debaterse se, por exemplo, un escudo se integra ou non na execución e propiedade do Estado, porque os bens, simple e sinxelamente, xa estarían desaparecidos. Por iso, as medidas son cautelares, urxentes e sen audiencia”, argumenta a xuíza, quen explica que, unha vez realizado o inventario, o Estado terá que expor “que bens entende que teñen que ser entregados ou non”.
Finalmente, con relación aos gardeses do Pazo de Meirás, atendendo ao ofrecemento do Estado para que se lles conferise un prazo maior para abandonar a casa que habitan, o tribunal fixou como data máxima o 15 de xaneiro de 2021.