O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores o expediente de incoación do procedemento para declarar BIC a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, unha protección que abrangue tanto os ao redor dos oito mil títulos (7.883) que se atopan neste momento na sede da Real Academia Galega como os tres mil (2.972 rexistros, 3.200 volumes) que están no Pazo de Meirás, ocupado aínda pola familia de Francisco Franco. O pasado 2 de setembro a xustiza declarou que o Pazo é propiedade do Estado e non dos herdeiros do ditador. Entre outros aspectos esta declaración BIC axuda a protexer estes tres mil libros de calquera intento dos actuais ocupantes do inmoble de trasladalos a outro lugar.
Aos preto de 11.000 libros que quedan protexidos dende este mércores poderían sumarse outros volumes que se atopen en localizacións descoñecidas
Aos preto de 11.000 libros que quedan protexidos dende este mércores poderían sumarse outros volumes que se atopen en localizacións descoñecidas, un aspecto que o expediente, con carácter preventivo, tamén ten en conta, indicando a protección de "un número descoñecido" de libros "noutras localizacións". O labor de identificación veríase facilitado polo cuño de cor vermella co que o fillo da escritora, Jaime Quiroga y Pardo Bazán, encargou rexistrar os seus libros.
As dúas institucións discrepan sobre o destino que deben ter eses tres mil libros, avogando a Academia por reunilos cos oito mil volumes que custodia na súa Biblioteca. En cambio, Sada defende que eses libros deben permanecer nas Torres de Meirás
A declaración foi ben recibida tanto por parte da Real Academia Galega como por parte do Concello de Sada, que dende hai anos traballa polo recoñecemento do carácter público do Pazo de Meirás. Sada celebra a incoación do expediente "dado que lle outorga de inmediato a tutela e protección BIC a unha Biblioteca que é representativa da vida e obra dunha escritora de referencia na cultura do noso País, precursora feminista e defensora dos dereitos das mulleres", engadindo que "que se publique no DOG o día da violencia contra das mulleres é unha oportuna coincidencia". De igual xeito, a RAG subliñou que se trata dunha "excelente noticia" que serve para protexer "un patrimonio de todos os galego".
"A biblioteca de Pardo Bazán non debe saír do Pazo de Meirás. Nin agora nin no futuro", di o Concello de Sada
Porén, as dúas institucións discrepan sobre o destino que deben ter eses tres mil libros, avogando a Academia por reunilos cos oito mil volumes que custodia na súa Biblioteca. En cambio, Sada defende que eses libros deben permanecer nas Torres de Meirás. De feito, o Concello de Sada critica que o anuncio da incoación do expediente, publicado no DOG, non faga mención ningunha "ao BIC do pazo de Meirás".
A incoación BIC para a Biblioteca Pardo Bazán, “é fundamental para a integridade do Pazo como sitio histórico BIC", sinala o Concello nun comunicado. O alcalde de Sada, Benito Portela, salienta que "o sitio histórico BIC das Torres de Meirás, tanto continente como contido, deben preservar e salvagardar a súa integridade" e engade que "a biblioteca de Pardo Bazán non debe saír do Pazo de Meirás. Nin agora nin no futuro".
Dende a Academia agárdase que "en breve poidamos ver reunido todo o fondo da biblioteca da escritora na rúa Tabernas, nas dependencias da que foi a súa casa”
Pola contra, dende a Academia agárdase que "en breve poidamos ver reunido todo o fondo da biblioteca da escritora na rúa Tabernas, nas dependencias da que foi a súa casa”, segundo dixo este mércores o seu presidente, Víctor F. Freixanes, que engade que os tres mil libros que se atopan no Pazo de Meirás "tamén forman parte do patrimonio intelectual da autora. Igual que se reivindica o edificio, a RAG reivindica os seus libros, que forman parte da intrahistoria, a crónica intelectual de Emilia Pardo Bazán, coa memoria dos seus autores preferidos e, en moitos casos, dos amigos que lle dedicaron obras”. A RAG agarda que o paso dado este mércores "permita ademais reunir en breve o conxunto deste patrimonio bibliográfico na súa sede da rúa Tabernas".
A resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicada no DOG subliña neste senso que "a biblioteca de Emilia Pardo Bazán ten un carácter único como colección e está vinculada na súa orixe ás Torres de Meirás, permanece nesta localización ata o incendio de 1978 e posteriormente foi trasladada na súa maior parte á Real Academia Galega, quen promove a súa conservación e disposición para a sociedade en xeral de forma ordenada e sistemática no seu arquivo e biblioteca".
“A valía destes volumes é sobre todo a información sobre as lecturas e os intereses de Emilia Pardo Bazán, autodidacta que loitou toda a súa vida para que as mulleres puidesen cursar estudos de secundaria e universitarios, o que non ocorreu en España até 1910”, apunta Marilar Aleixandre
A biblioteca de Emilia Pardo Bazán
A Real Academia Galega explica que na actualidade coida preto de 8.000 dos libros que adquiriu Emilia Pardo Bazán ao longo da súa vida, catalogados e ao dispor das persoas interesadas no seu estudo. 420 proceden do propio domicilio coruñés da autora e os demais do propio Pazo de Meirás, onde permaneceron ata que en 1978 o inmoble sufriu un incendio. Porén, nese momento non todos os volumes foron trasladados.
“A valía destes volumes é sobre todo a información sobre as lecturas e os intereses de Emilia Pardo Bazán, autodidacta que loitou toda a súa vida para que as mulleres puidesen cursar estudos de secundaria e universitarios, o que non ocorreu en España até 1910”, apunta Marilar Aleixandre, representante da RAG na Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás e coordinadora por parte da Academia da programación que en 2021 recordará a autora e a súa obra co gallo do centenario do seu pasamento.
“Estas obras dan conta da variedade de intereses de Emilia Pardo Bazán e parte delas teñen ademais subliñados e anotacións nas marxes, coa letra inequívoca da autora, o que os converte en únicos”, conclúe Marilar Aleixandre
En 1940 un enviado da Biblioteca Nacional —como recolle Carlos Babío no seu libro sobre o espolio de Meirás— concluíu nun informe que os libros son de pouca suntuosidade, pero malia non estaren encadernados en tapa dura, hainos de gran valor polas dedicatorias de autores coetáneos, como o Duque de Rivas, e outros novos, como Juan Ramón Jiménez; e tamén de autoras estranxeiras coas que mantiña relación, engade a académica.
Entre os volumes dedicados por autores e autoras foráneos figuran Essays on Social Topics, un conxunto de ensaios sobre os dereitos das mulleres e a ética sexual publicado arredor de 1900 por Tennessee Claflin, Lady Cook, sufraxista e primeira muller axente de bolsa estadounidense; ou L’Assommoir (A Taberna) de Émile Zola, novela saída do prelo en 1877. “Tamén hai libros en distintas linguas, pois Emilia falaba francés, lía inglés e italiano e traduciu do alemán a Heine”, prosegue Marilar Aleixandre.
É o caso de títulos como Sonnets from the Portuguese (1890) de Elizabeth Barrett Browning; a Memorie autobiografiche do revolucionario Giuseppe Garibaldi; ou libros científicos como Le règne animal de George Cuvier, dedicado ao seu fillo Jaime Quiroga, e Cosmos de Alexander Humboldt nunha versión traducida ao francés. “Estas obras dan conta da variedade de intereses de Emilia Pardo Bazán e parte delas teñen ademais subliñados e anotacións nas marxes, coa letra inequívoca da autora, o que os converte en únicos”, conclúe Marilar Aleixandre