A Xunta volverá revisar as Torres de Meirás máis de doce anos despois. Neste mércores, técnicos da Consellería de Cultura --acompañados por unha comitivia xudicial-- entrarán no Pazo para facer o inventario ordenado pola Xustiza ao estimar a medida cautelar solicitada polo Estado e evitar así que "sexa baleirado" polos Franco "sen ningún tipo de constancia dos bens que se atopan no seu interior”.
Técnicos da Xunta volven revisar o estado do Pazo doce anos despois e de novo grazas a ordes xudiciais, como as que evitaran os atrancos dos Franco en 2008
Doutra volta, os poderes públicos víronse obrigados a recorrer a medidas xudiciais para poder acceder a un inmoble que os Franco xestionan desde hai máis de 82 anos. Agora, a un mes de que sexa devolto ao Estado e tras a sentenza que obriga á marcha da familia do ditador. Daquela, en abril de 2008, para verificar a conservación dun ben incluído desde 1991 no Patrimonio Cultural de Galicia e sobre o que a Xunta levaba un ano traballando para declaralo BIC, como así fixo no verán dese ano. Antes, tivo que acudir á Xustiza, sortear os atrancos dos herdeiros do xeneral fascista ou abrirlles expediente tras denegar a entrada dos técnicos nun primeiro intento en agosto de 2007.
"Lembro aquel mes de agosto como de moita tensión, pendentes acotío de se finalmente poderíamos entrar ou non", recorda un alto cargo da Consellería da Cultura que daquela dirixía Ánxela Bugallo.
O TSXG ordenou os Franco cumprir a Lei do Patrimonio Cultural e permitir a entrada dos técnicos tras negarlla en agosto de 2007 e recorrer aos tribunais
Nun 30 de agosto de 2007, o avogado dos Franco deulles coa porta nos fuciños aos técnicos e recorreu aos tribunais. O Xulgado de Instrución número 1 da Coruña --o mesmo que agora ordena o desaloxo dos herdeiros-- tardou catro meses en advertir de que se inhibía ata que, finalmente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou cumprir a Lei do Patrimonio Cultural á familia do ditador, que apelara ao seu dereito a preservar a intimidade.
O 17 de abril de 2008, co goberno bipartito en San Caetano, unha arquitecta, un arqueólogo e unha historiadora da Arte da Consellería de Cultura entraron no recinto do Pazo de Meirás. Era a primeira vez que o facía a Xunta, que durante os 16 anos anteriores do mandato de Fraga nunca cumprira coa obriga de supervisar a conservación dun inmoble que en 1991 fora recoñecido como parte do Patrimonio Cultural de Galicia.
Pero os Franco non se renderon. Chegaron ao Supremo, que validou máis dun ano despois --no outono de 2009-- a inspección que levara a cabo a Xunta, entendendo que non se vulnerara o dereito á inviolabilidade do domicilio, tal e como argumentaban. Si admitira o alto tribunal que os técnicos non deberían ter feito a reportaxe fotográfica de non limitarse a captar imaxes para certificar o estado de conservación do Pazo.
Unha ampla reportaxe fotográfica do Pazo mantense gardada na Consellería de Cultura logo de que o Supremo puxese en dúbida a súa idoneidade
"Así se fixo; tívose moito coidado con fotografar só aquilo que axudase a certificar o estado de conservación, pero obviando cuartos privados ou elementos persoais para evitar calquera erro que puidese botar abaixo o expediente BIC", engaden as mesmas fontes, que lembran a "emoción" que persoal de Cultura sentiu ao observar unha "ampla" compilación de imaxes do Pazo, tanto do interior como do exterior, feitas "con estrito criterio patrimonial".
Nunca se fixeron públicas. E probablemente nunca se farán. Continúan gardadas na Dirección Xeral de Patrimonio e forman parte do expediente de declaración das Torres como Ben de Interese Cultural (BIC). Evitar calquera risco ou demanda dos Franco por suposta violación da intimidade ou revelación de datos persoais impide que sexan feitas públicas ou filtradas. "O importante é que existen, que son moitas e que sen ser un inventario si serven para identificar e protexer os elementos mobles e pertenzas que había daquela no Pazo e que hai agora", explican de novo as fontes.
A cuestión, agora, é saber se todo segue alí ou se a familia do ditador levou xa algo. Comparar o de hai doce anos co de agora. Porque todo o que por alí pasou e se retirou nos 30 anos anteriores de democracia e nos 40 de franquismo careceu de control ningún. "E é probable que nos últimos meses os Franco xa se encargaran de trasladar algúns bens; o anuncio dos 50 camións de mudanza non parece máis que unha provocación", insisten as mesmas fontes.
Agora, de novo varios técnicos da Xunta entrarán para facer, desta vez si, un inventario de todos os bens que alí hai e que, á marxe dos que sexan de uso persoal da familia Franco, "forman parte inseparable do conxunto".
"Se por algo o Pazo foi declarado BIC na categoría de sitio histórico e non como monumento foi precisamente porque os informes do Consello da Cultura e da Universidade de Santiago aseguraban que a significación do Pazo ía máis aló do inmobiliario e abranguía todos os bens, incluídos tamén nesta condición BIC", explican fontes xurídicas coñecedoras do proceso, que advirten de que "en ningún caso poden ser retirados sen autorización da Xunta".
"Se o Pazo foi declarado BIC na categoría de sitio histórico e non de monumento foi porque esta condición abrangue todos os bens, non só o inmoble"
Logo, insisten as fontes, sería o momento de determinar que bens mobles forman parte do patrimonio do Estado e cales non, pero nunca antes do inventario. A pregunta que se fan é, daquela, por que a Xunta apurou a anunciar que incoaba o expediente para a declaración BIC da biblioteca de Pardo Bazán que aínda permanece nas Torres. "Os fondos son xa parte inseparable do BIC que forma o Pazo e en ningún caso propiedade dos Franco", rematan.