As ordes xudiciais do desaloxo de Meirás evidencian décadas de desleixo sobre os bens acumulados polos Franco

Un dos espazos interiores do Pazo de Meirás © Mikeli Inmobiliaria

Os Franco non poderán retirar nin trasladar ningún tipo de ben do Pazo de Meirás ata que técnicos da Consellería de Cultura da Xunta, baixo supervisión dunha comitiva xudicial, leven a cabo un inventario de todo o existente no interior e no exterior do inmoble o vindeiro mércores día 11. 

Os Franco non poderán sacar nada do Pazo ata que a Xunta leve a cabo un inventario o día 11, tal e como ordenou a Xustiza

Así o determinou a maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, que estimou a petición de medida cautelar efectuada este luns polo Goberno central para "a realización dun inventario que abranga a totalidade dos bens existentes". Con esta solicitude, a Avogacía do Estado busca evitar que a familia do ditador saque do Pazo calquera ben que puidese ser considerado patrimonio estatal ou a protexer e logo de que os Franco adiantasen a súa intención de levar a cabo nos vindeiros días unha mudanza con varios camións. 

Peza escultórica nun dos camiños exteriores no Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

A xuíza advirte da necesidade de “preservar a integridade” do inmoble, razón pola que requiriu un dispositivo de vixilancia por parte da Garda Civil que traballa desde hai varios días xunto ao Pazo de Meirás. Ademais, lembra que as Torres gozan "dunha protección integral”, que, tal e como advirte o Estado, “se estende a todos os seus elementos e compoñentes”. 

A necesidade dunha medida cautelar xudicial volve evidenciar o desleixo e descontrol que durante anos permitiu aos Franco acumular bens

A necesidade dunha medida cautelar xudicial volve evidenciar o desleixo e descontrol que durante anos permitiu aos Franco acumular e dispor de bens dos que agora deberá determinarse a propiedade ou necesidade de protección, así como se forman parte inseparable do conxunto de Meirás --declarado Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de sitio histórico en 2008-- e polo tanto do patrimonio estatal a devolver.

O inventario --que o Estado define como "necesario" polo "risco" de que o inmoble" sexa baleirado sen ningún tipo de constancia dos bens que se atopan no seu interior”-- levarase a cabo un mes antes da entrega voluntaria do Pazo. Será o vindeiro 10 de decembro, tras a sentenza que determina que o inmoble é patrimonio público e logo de que os Franco aceptasen a súa devolución temporal ao coñecerse a petición do Goberno central para que se executase "provisionalmente" o ditame á espera de que se resolva o recurso presentado. 

A ausencia no decreto BIC dunha lista dos bens mobles asociados á categoría de sitio histórico fai imposible asegurar a recuperación de todo o patrimonio público

A ausencia no Decreto 299/2008 de declaración BIC das Torres de Meirás dunha listaxe detallada dos bens mobles que estarían asociados á categoría de sitio histórico fai case imposible asegurar a recuperación de todo o considerado patrimonio do Estado ou parte do conxunto. Nin tan sequera o inventario previsto agora. As décadas durante as que, desde a fin da ditadura, os Franco gozaron con total impunidade do inmoble e do material que alí almacenaron impiden coñecer o alcance do espolio e se algún ben agora reclamable foi xa retirado do Pazo anteriormente. 

Mesmo a familia Franco amparouse na inacción e desleixo do Estado co Pazo de Meirás durante décadas para reivindicar a súa propiedade, advertindo e que tras a morte do ditador ocupou o Pazo de forma "ininterrompida e pacífica" durante 44 anos e sen impedimento ningún. E sen control do que alí se gardaba ou levaba. 

Retablo na capela do Pazo de Meirás © Mikeli

Carlos Babío, historiador experto nas Torres e co-autor de Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio, lembra que o inventario levado a cabo por técnicos da Xunta durante o proceso para a declaración do Pazo como BIC foi "insuficiente" polos "atrancos" postos pola familia Franco, que obrigou a que se fixese "baixo orde xudicial e en poucas horas, cun tempo taxado". Por iso considera agora "fundamental" que se inventarie todo con detalle e insta a Xunta a que bote man da Lei de Patrimonio Cultural para protexer "calquera elemento" que poida ser considerado patrimonio público. 

Desde o Concello de Sada, o seu alcalde, Benito Portela, dirixiu unha carta á Consellería de Cultura para que de maneira "urxente" modifique o decreto de declaración BIC do Pazo e incorpore nel "a relación de bens mobles asociados á categoría de sitio histórico", con máis razón agora que as medidas cautelares facilitan ese inventario que "aplaude" o rexedor.

Portela advirte de que, a diferenza das esculturas do Mestre Mateo --con protección BIC e cuxa retirada sen permiso poderían supor ata 150.000 euros de multa aos Franco-- os restantes bens do Pazo carecen dela, o que "non impide nin debe impedir  a adopción daquelas medidas que supoñan evitar un despoxo ou traslado daqueles que teñen unha indubidable referencia histórica e cultural".  

O Concello de Sada insta a Xunta a incorporar no decreto BIC do Pazo "a relación de bens mobles asociados á categoría de sitio histórico"

"O BIC do Pazo como lugar histórico non se entende sen a permanencia dos bens asociados á memoria de Pardo Bazán, como a biblioteca, ou aqueles outros como o retablo, pergamiños, tapices, etc., que se mencionan no propio decreto BIC”, aclarou. 

Nese decreto do 30 de decembro de 2008 hai escasas referencias aos bens mobles que forman parte do Pazo, máis alá da alusión aos "numerosos volumes da biblioteca de dona Emilia Pardo Bazán" ou aos "mobles de época, cadros, tapices, armas e pergamiños". A propia familia Franco recoñece a existencia de pinturas de Zuloaga e Álvarez de Sotomayor, de armas ou cristalarías; e as visitas guiadas --aínda que vetadas algunhas zonas-- permiten tamén dar conta de numerosos retratos do ditador fascista, cabezas de cervos e mesmo dun búfalo, pero tamén bustos e recordos de Emilia Pardo Bazán e moitas outras pezas de importante valor das que se descoñecen a orixe exacta. "Por iso é importante un inventario que detalle o que alí hai", insiste Babío. 

Unha das bibliotecas no Pazo de Meirás © Mikeli

As Torres inclúen partes de pazos comos os de Ximonde, Hermida ou Bendaña, cruceiros, un importante retablo ou 3.000 fondos da biblioteca de Pardo Bazán

Dentro da propiedade hai tamén pezas arqueolóxicas destacadas, cruceiros, fontes, balaústres ou escudos traídos doutros pazos galegos. Así, por exemplo, o Pazo de Bendaña, en Dodro, foi desmantelado para instalar na residencia de verán dos Franco elementos como gravados, figuras da capela e as propias pedras. Mesmo a biblioteca desapareceu. Ademais, dos pazos de Ximonde ou Hermida tamén se retiraron diferentes obxectos que acabaron en Sada e en propiedade dos Franco. 

Moitas das pezas alí almacenadas eran agasallos de Concellos e outras administracións --outorgadas a Franco en calidade de xefe do Estado-- ou adquisicións da muller do ditador, Carmen Polo, que testemuños da época atribúen máis ben á imposibilidade dunha negativa aos desexos materiais habituais da dona do xeneral fascista. 

A Xunta inicia "de xeito urxente" a declaración BIC da biblioteca de Pardo Bazán que aínda conserva o Pazo para "blindar a súa protección"

Entre os bens destacados, fontes de granito dos séculos XVII e XVIII, unha réplica do relevo da praza das Bárbaras na Coruña, un cruceiro que representaba o Santo dos Croques ou outro donado polo Concello de Pontevedra antes mesmo de que Franco se fixese oficialmente coas Torres en plena guerra civil. Ademais, na capela do predio atópase un importante retablo barroco de castiñeiro e nas Torres aínda se garda parte da biblioteca de Pardo Bazán, máis de 3.000 libros, que agora reclama a Real Academia Galega (RAG). E moitos máis bens dos que agora haberá que determinar se gozarán da protección integral que outorga a categoría BIC ou se formarían parte do patrimonio do Estado. 

Precisamente, neste pasado luns, e logo dunha xuntanza co presidente da RAG, Víctor Freixanes, Feijóo confirmou o inicio "de xeito urxente" da declaración BIC da biblioteca de Pardo Bazán "para blindar a súa protección", tal e como demandara a institución académica. Con este proceso, que inclúe os máis de 7.000 fondos que xa cuestiona a RAG como os 3.000 que permanecen no Pazo, garántese "que a valiosa colección sexa accesible ao conxunto da cidadanía". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.