Máis de doce anos despois, a Xunta volveu entrar no Pazo de Meirás para revisar o inmoble e os bens que alí gardan os Franco. Catro técnicos da Consellería de Cultura entraron na mañá deste mércores, pasadas as 10, no recinto xunto coa comitiva xudicial, coa presenza da titular do Xulgado de Primeira instancia número 1 da Coruña, Marta Canales, e a letrada da Administración da Xustiza, ademais de dous avogados do Goberno galego, dous da Avogacía do Estado, outro da familia do ditador e o representante legal do Concello de Sada.
Técnicos da Xunta e de Patrimonio Nacional, ademais da comitiva xudicial e de avogados, iniciaron os traballos para o inventario solicitado pola xuíza
Todos eles formaban parte do grupo de persoas que accederon á realización do inventario ordenado pola maxistrada para catalogar e detallar os bens existentes no Pazo de Meirás e evitar que ningunha peza sexa trasladada antes da entrega do inmoble ao Estado prevista para o vindeiro 10 de decembro ao abeiro da execución provisional da sentenza do pasado mes de setembro.
Agora, técnicos de Patrimonio da Xunta --en colaboración con Patrimonio Nacional, que incorporou unha técnica aos labores durante a xornada-- deberán elaborar un informe sobre os bens existentes nas Torres nun prazo de vinte días que pode ser ampliable.
Os técnicos teñen un prazo de vinte días, ampliable, para a elaboración dun informe sobre os bens existentes nas Torres de Meirás
Foron os gardas do Pazo, que viven neste predio, os que serviron de guías á comitiva xudicial e aos técnicos no exterior e no interior do inmoble, onde durante varias horas --á tarde seguían dentro-- levaron a cabo un inventario que incluirá un vídeo e unha reportaxe fotográfica sobre os bens que hai no conxunto de Meirás.
Será a xuíza quen dite unha resolución na que aclarará os detalles, ademais de solicitar ese informe que recolla o inventario dos bens, tras uns traballos de inspección que poden levar varios días. Será moito máis detallado que o elaborado en 2008, cando os técnicos da Xunta elaboraron tamén unha reportaxe fotográfica que servirá agora de base e como comparativa coa situación actual.
"Levará un tempo", recoñeceu o avogado do Estado xefe en Galicia, Javier Suárez, sobre o inventario dos bens, ademais de non poder asegurar que se manteña o 10 de decembro como a data para a devolución do Pazo ao Estado.
A letrada da Administración de Xustiza é quen supervisa os traballos dos técnicos e quen se encargará de trasladar ao xulgado a tarxeta na que se recompile todo o material fotgráfico e de vídeo sobre os bens existentes no Pazo de Meirás e co que se pretende determinar cales deben permanecer nel como parte do patrimonio estatal e do BIC na categoría de sitio histórico que foi declarado en 2008 e cales serían propiedade privada da familia Franco.
O material fotográfico e vídeográfico quedará baixo custodia xudicial e os técnicos recibirán unha copia para que poidan elaborar o informe sobre todos os bens existentes no inmoble, entre os que se atopan pías bautismais medievais, un retablo barroco, cruceiros, cadros, tapices, armas, parte importante da biblioteca de Emilia Pardo Bazán ou pezas de diferentes pazos que foron trasladadas a Meirás, como desde o de Bendaña.
Ademais, o alcalde de Sada, no exterior do recinto, insisitiu este mércores en solicitar a incoación dun expediente para incorporar o resultado do inventario á declaración BIC do Pazo da Xunta. Segundo Benito Portela, e "independentemente da titularidade de calquera das cousas, deben permanecer dentro porque teñen un interese en conxunto".
As estatuas de Abraham e Isaac permanecían na capela do Pazo
Malia non estaren detallados todos os bens no devandito decreto BIC, fontes do equipo da Consellería da Cultura que o elaborou hai máis dunha década aseguran que, precisamente, é a declaración de Meirás como BIC na categoría de "sitio histórico" e non na de "monumento" a que permite que esa protección abranga todas as pezas que forman parte do conxunto.
Os bens que, aínda sendo tamén BIC, pertencen legalmente aos herdeiros do ditador tras a última sentenza xudicial son as estatuas de Isaac e Abraham, do Mestre Mateo, que este mércores permanecían na capela do Pazo de Meirás. Á espera de que se resolva o litixio xudicial que os Franco manteñen co Concello de Santiago, que pretende a recuperación destas figuras que forman parte do Pórtico da Gloria, as pezas seguirán nas Torres, tal e como advertiron o alcalde compostelá, Xosé Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistentes á primeira xuntanza da comisión de expertos que estuda medidas para a recuperación das esculturas.