De Barrié a Alfonso Molina: A Coruña inicia a retirada das honras franquistas que fican no seu rueiro

CC-BY-SA Concello da Coruña

A principal estrada de entrada á Coruña, a avenida Alfonso Molina, deixará de chamarse así, ao igual que a zona con máis camiñantes da cidade, a avenida Pedro Barrié de la Maza, o tramo do paseo marítimo que discorre paralelo ás praias de Riazor e do Orzán. Dúas das vías máis senlleiras e transitadas da cidade, ben a pé ou en bicicleta ben en coche, mudarán o seu nome, xunto a outras que manteñen aínda honras a destacados persoeiros franquistas. 

A principal vía de entrada á Coruña e o tramo máis concorrido do paseo marítimo mudarán o seu nome segundo o acordado polo Consello da Memoria Democrática

Así o confirmou este luns o Consello da Memoria Democrática do Concello na xuntanza ordinaria que mantivo nove meses despois da última celebrada o pasado mes de maio. O principal acordo adoptado foi que neste primeiro semestre de 2026 se leve a pleno a proposta de cumprimento da Lei de Memoria Democrática, tomando como base o informe elaborado polo Instituto José Cornide que sinalaba os símbolos franquistas que aínda permanecen en diferentes espazos públicos da Coruña. Será o punto de partida para logo engadir máis referencias á ditadura que deberan ser retiradas. 

Reunión do Consello da Memoria Democrática, este pasado luns CC-BY-NC-SA BNG

No caso de cumprirse o acordado, as mudanzas levaríanse a cabo no primeiro trimestre de 2027, logo da decisión adoptada nunha xuntanza que acordou tamén crear un grupo de traballo para elaborar a candidatura de diferentes espazos a Lugares de memoria democrática, iniciativa do Goberno de España para preservar a memoria colectiva en zonas, construcións ou áreas vinculadas á represión, resistencia e loita pola liberdade durante a guerra civil e o franquismo. 

O informe encargado polo Concello ao Instituto José Cornide insta a "retirar o nome da vía pública e os honores concedidos" a 14 persoas, entre eles Barrié, Alfonso Molina ou Peñamaría de Llano

Nela incluiríase O Portiño, lugar desde onde fuxiron ou intentaron fuxir numerosas persoas para evitar a represión, e que se uniría á Casa Cornide, á Casa Museo Casares Quiroga e á península da Torre de Hércules. Tamén se decidiu realizar unha homenaxe en memoria do funcionariado da Coruña represaliado tras o golpe de Estado, máis dun cento de persoas. 

O final de toda a simboloxía franquista que aínda sobrevive no rueiro coruñés chegará aplicando primeiro ese informe do Instituto José Cornide que o goberno local ten no seu poder desde 2020 e que foi público hai máis de catro anos. No documento aconséllase retirar o nome de rúas e honras a Peñamaría de Llano, recoñecido represor fascista na comarca de Valdeorras —desde onde o Concello do Barco solicitou tamén que se eliminasen as distincións— e rexedor clave na operación irregular que permitiu aos Franco adquirir a Casa Cornide. Tamén a outros importantes persoeiros como o ex-alcalde Alfonso Molina, o empresario, banqueiro e benefactor Pedro Barrié de la Maza ou o político e xurista José Calvo Sotelo

“Vixiaremos o cumprimento dese compromiso”, anunciou a concelleira do BNG Mercedes Queixas despois de participar na reunión do Consello da Memoria Democrática. O devandito informe analiza "14 rúas dedicadas a personaxes que tiveron unha relación directa co franquismo e/ou as autoridades franquistas tratando de localizar o maior número de datos posibles para poder elaborar conclusións baseadas unicamente en probas documentais contrastadas e verídicas". 

O estudo recomenda a "retirada do nome da vía pública e dos posibles honores concedidos a maiores polo Concello (Fillo Adoptivo, Fillo Predilecto, Medalla de Ouro, Medalla de Prata)" a 14 persoas: Barrié de La Maza, Álvarez de Sotomayor, Benito Blanco-Rajoy, Calvo Sotelo, Diego Delicado, José Fariña, Ambrosio Feijoo, Alfonso Molina, Eduardo Ozores, Peñamaría de Llano, José Peréz-Ardá, Antonio Ponte Anido, Enrique Salgado Torres e Eduardo Sanjurjo de Carricarte. 

Avenida Pedro Barrié de la Maza, na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

No caso dos retratos dos que foron alcaldes, o informe recomenda que se "retiren tamén" aqueles aos que propoñen retirar a rúa e "que se manden a un futuro museo da cidade, así como as placas e monólitos levantados na súa memoria". 

O informe atribúe a Barrié un "papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores do Pastor"

O informe aclara que hai casos nos que hai rúas dedicadas a "personaxes que beneficiaron o desenvolvemento económico e urbanístico da cidade desde os seus postos de responsabilidade outorgados polos ministerios de Franco", pero que puideron tamén "ter graves implicacións coa sublevación e/ou a represión nos inicios da ditadura".

Así, recomenda a retirada de honras ao pintor e ex-alcalde franquista Álvarez de Sotomayor "polo seu protagonismo e plena convicción a favor dos sublevados desde o primeiro momento de producirse o chamado Alzamiento Nacional súa contribución ao seu triunfo". No caso de Barrié de la Maza, xustifica a mesma retirada de distincións polo seu "papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía", en referencia ao Banco Pastor. 

"Depuración de compañeiros"

Ademais, de Barrié destácase que fixo "importantes doazóns" ao exército fascista: "25.000 pesetas a título persoal e 50.000 do Banco Pastor, ademais das 6.100 latas de conserva, 15.000 pastillas de xabón La Toja, 240 quiilos de xabón especialmente elaborado para a tropa e 1.000 botellas de auga de Mondariz para o exército", entre outras doazóns. 

No caso do político e letrado Blanco-Rajoy, o informe destaca "a súa participación como decano do Colexio de Avogados na depuración dos seus compañeiros de profesión", mentres que opta tamén pola eliminación das honras a Calvo Sotelo por ser o seu pensamento "base fundamental para a configuración ideolóxica da ditadura". 

Retrato de Peñamaría de Llano no pazo municipal de María Pita, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

O informe do Instituto José Cornide lembra que Alfonso Molina está "implicado directamente nas actividades represoras" e de "depuración laboral"

"Aínda que persoalmente non participara directamente na sublevación militar nin na represión franquista por ter sido asasinado antes (aínda que haxa indicios claros de que estaba implicado nos plans de levantamento), pódese considerar que os honores dedicados a Calvo Sotelo polo franquismo, considerándoo Protomártir da Cruzada, constitúen unha exaltación da sublevación militar, e polo tanto resultarían afectados pola Lei de Memoria Histórica", aclaran os historiadores. 

Tamén se recomenda retirar as distincións a Diego Delicado "polo destacado papel desempeñado nos diferentes cargos que levou a cabo en continuo apoio aos sublevados" ou a José Fariña pola súa "participación de forma activa na represión de concidadáns", do mesmo xeito que no caso de Ambrosio Feijóo durante a Guerra Civil. 

A principal vía de entrada á Coruña

En canto ao alcalde Alfonso Molina, que dá nome á principal vía de entrada á cidade da Coruña, o informe advirte que está "implicado directamente nas actividades represoras" e de "depuración laboral" e que foi "colaborador activo na represión" fascista. De Eduardo Ozores, o Instituto José Cornide di que tampouco existe "dúbida ningunha" de que "participou activamente na sublevación, na Guerra Civil e na represión" logo de "erguerse en armas contra a República". 

Outro tanto ocorre con Peñamaría de Llano, de quen o informe advirte da súa "participación activa" na guerra e na "represión física". Doutro alcalde franquista, Pérez Ardá, destacan tamén o seu labor "represor". 

Pedro Barrié de la Maza © Fundación Barrié

Ademais, recomenda tamén a retirada de honores a Ponte Anido polo seu papel na División Azul e para "evitar como indica a Lei de Memoria Histórica a pervivencia de símbolos de exaltación do franquismo", mentres que de Salgado Torres destácase tamén que foi falanxista voluntario para loitar na fronte de Asturias e participante "na represión laboral dos profesionais  do ensino". 

Por último, o informe aposta tamén por eliminar distincións e honras a Sanjurjo de Carricarte, alcalde franquista, participante na Guerra Civil en apoio do bando fascista, membro de varios tribunais militares e colaborador na "represión física durante os anos de actividade antifranquista". "Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren os honores concedidos no seu día", conclúe. 

Hai só unhas semanas, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña presentou un escrito ante o Concello para o "cumprimento dos acordos e normas na cidade en materia de Memoria" e para denunciar a "falta de compromiso para convocar o Consello de Memoria Democrática, organismo que inclúe ás asociacións memorialistas e que foi creado, precisamente, para impulsar as políticas memoria na cidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.