Toda a corporación do Barco, de maneira unánime, aprobou pedir ao Concello da Coruña que mude o nome da rúa Alcalde Peñamaría de Llano, líder da represión fascista na comarca, polo de Mártires de Valdeorras, tal e como propón a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña.
O pleno do Barco acorda de maneira unánime pedir ao Concello da Coruña que substitúa a rúa decicada a Peñamaría de Llano pola de 'Mártires de Valdeorras'
Todos os edís (os dez do PSdeG, que goberna con maioría absoluta e os cinco do PP) apoiaron a moción presentada polos dous concelleiros de BNG e Riada Cidadá. Foi un acordo unánime como o que se deu hai dous anos, en outono de 2019, cando se pediu ao Concello da Coruña que en aplicación da Lei de Memoria Histórica e tendo en conta as actuacións do ex-alcalde da cidade, retirase as honras concedidas para "a reparación moral da veciñanza da comarca e a recuperación da súa dignidade".
Dous anos despois, o goberno local da Coruña segue se levar a cabo ningunha iniciativa para atender a petición do Concello do Barco, que agora pide directamente que se mude o nome da rúa para renomeala como Mártires de Valdeorras e evitar así a homenaxe a Peñamaría de Llano, coñecido na comarca polas súas "crueis e asasinas accións de represión ao servizo do franquismo".
O Barco pide agora unha nova denominación logo de que hai dous anos pedise, sen éxito, que se lle retirasen as honras ao ex-alcalde
Aínda este xoves, no pleno municipal coruñés, a edil do BNG Avia Veira, preguntou ao goberno local "cando acabarán as escusas e se tomarán decisións políticas", tras denunciar a inacción na retirada da rúa e das honras ao ex-rexedor. "É vergoñento", insistiu.
Peñamaría de Llano foi o líder da durísima represión fascista, xa rematada a guerra, na comarca de Valdeorras. Só como exemplo, foi quen deu o tiro de graza aos pais de Consuelo Rodríguez López, Chelo, a última guerrilleira antifranquista que quedaba viva e falecida en xullo de 2019 e que contaba emocionada no documental Silenciadas o impacto daquel asasinato. O daquela tenente do I Tercio da III Bandeira da Lexión tamén comandou no veciño concello de Rubiá a tropa que asasinou dúas mulleres –nai e filla– colgándoas dunha árbore en 1939.
Peñamaría de Llano liderou a represión en Valdeorras con "crueis e asasinas accións ao servizo do franquismo", como lembra o Concello
Aquel militar tristemente lembrado acabou sendo alcalde coruñés entre 1959 e 1963 e procurador nas cortes franquistas, con retrato pendurado na casa consistorial e mesmo unha rúa dedicada no barrio do Ventorrillo, cuxo nome agora a CRMH e o Concello do Barco instan a substituír.
Precisamente, neste pasado sábado, a CRMH organizaba o Roteiro da Vergoña, unha acción de denuncia na que debaixo de cada placa actual nas rúas dedicadas a alcaldes franquistas foi colocada unha proposta de nome alternativo que a entidade trasladará ao goberno municipal. Mártires de Valdeorras foi a elixida para a de Peñamaría de Llano.
O certo é que o nome deste ex-alcalde nunca estivo na lista de denominacións a eliminar do rueiro coruñés, cuxa modificación en cumprimento da Lei de Memoria Histórica impulsou o goberno bipartito de hai unha década pero acabou por culminar o goberno da Marea Atlántica no anterior mandato e logo de anos de inacción.
Cumpríase así coa proposta da Comisión de Expertos impulsada polo Concello e que foi aprobada en pleno en setembro de 2009. Instábase á eliminación de 52 símbolos franquistas, aínda que o voto particular de Manuel Monge, ex-concelleiro e daquela membro do grupo de especialistas encargados e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), aumentaba en varias ducias as denominacións que deberían ser retiradas. Logo de anos de estudos, a mesma CRMH cifraba en 106 os símbolos da ditadura aínda presentes na Coruña, 32 deles dependentes da Deputación. Entre eles, os recoñecementos a Peñamaría de Llano ou a Calvo Sotelo, que mantén moitos malia que varios organismos provinciais optaron por retirarlle honras.