Adeus a Chelo Rodríguez, a última guerrilleira antifranquista galega

Chelo Rodríguez López © Silenciadas (Pablo Ces, 2011)

Tivo que ser un 18 de xullo, o da semana pasada, cando só a vellez puido derrotar a Consuelo Rodríguez López, Chelo, a última guerrilleira antifranquista galega. Exiliada desde hai 70 anos en Francia, alí faleceu, na illa de Ré, o pasado xoves, xusto cando se cumprían 83 do golpe fascista cuxa represión levou por diante boa parte da súa familia e tras a que ela se uniu á loita contra o franquismo. 

A última guerrilleira antifranquista galega faleceu o pasado 18 de xullo en Francia, onde vivía desde que se exiliou hai 70 anos

Naquel 1936, un dos seus irmáns de Soulecín (O Barco de Valdeorras) desertou do bando franquista para pasar ao republicano. Desde aquela, os seus quedaron sinalados. E ela, marcada polo asasinato de seus pais, que os fascistas lle arrebataron diante súa na casa para matalos a tan só uns metros. "Non me soltes, miña filla", conta que lle dicía a nai cando as sacaron. 

"Xa non tes pais", díxolle unha veciña logo de escoitar os disparos. "Xa non vin nada, só o sangue que coría polo camiño", contaba emocionada daquel episodio. O seu testemuño ficou reflectido no documental Silenciadas (Pablo Ces, 2011).

Catro dos seus irmáns bótanse ao monte coa guerrilla e morren tamén asasinados, ao igual que a súa parella, outro guerrilleiro, Arcadio Ríos. Despois de todo aquel sufrimento, en 1949, decide fuxir a Francia, onde viviu ata o final da súa vida. 

Antes, durante a guerra e os anos posteriores, participou como guerrilleira na Federación de Guerrillas León-Galicia. Primeiro exerceu como enlace, para logo quedar tamén no monte xunto a Arcadio, o seu mozo. Dunha familia de nove membros, tan só lle sobreviviu seu irmán Francisco e a súa irmá Antonia, que viviu con ela en territorio francés. 

O fascismo asasinou a seus pais, a catro dos seus irmáns guerrilleiros e ao seu mozo, Arcadio Ríos, outro membro da guerrilla contra o franquismo

Chegou a Hendaya e, como recoñecería cando foi homenaxeada pola Xunta en 2007, ao pisar Francia por primeira vez pensou: "Teño a liberdade e non sei para que a quero se deixo todo atrás". O Concello do Barco colocara xa unha placa que homenaxeaba os seus pais no lugar onde foran asasinados e, tres anos máis tarde, outra foi situada na fosa onde foron enterrados o seu irmán Domingo, Elvira Cuadrado e o seu mozo Arcadio, co que pasou cinco anos no monte, agochados, loitando... Ata que llo mataron. Ao pé dela. 

En París coñeceu outro ex-guerrilleiro, Marino Montes, casou con el e tivou dous fillos. Pero nunca esqueceu o pasado. No acto organizado pola exhumación de Arcadio, celebrou que por fin se soubese onde estaban o corpo del e dos seus compañeiros. "Agora teñen unha placa, co seu nome, para que saiba todo o mundo enteiro que loitaron por unha liberdade que eles nunca puideron alcanzar", dicía. 

Chelo Rodríguez, coa súa irmá Antonia e Consuelo Ríos Dominio Público AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.