Pasaron xa once anos desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica e na Coruña aínda existen 106 símbolos franquistas (32 dependen da Deputación). Faltan pouco máis de dous meses para a celebración das eleccións municipais e hai que acabar con esta vergoña.
Estamos ante un tema de vontade política e non administrativo. Tanto na corporación municipal da Coruña, como na Deputación hai claramente unha maioría progresista e só é necesario que as organizacións políticas actúen con coherencia e apliquen na Coruña as mesmas políticas que aproban noutros concellos.
O problema de fondo é que criterios ou referencias toman os partidos políticos para eliminar a simboloxía franquista. Un dos temas, que implica a un bo número de símbolos franquistas na Coruña, é que facer coas distincións concedidas durante o franquismo a alcaldes da ditadura: nomes de rúas, retratos, distincións honoríficas etc.
O Pleno de Ferrol aprobaba unha iniciativa do PSOE o 30 de xullo de 2018, co apoio de Ferrol en Común e BNG, para retirar da Sala de Alcaldes os retratos de todos os alcaldes na ditadura. Ese non é o criterio na Coruña onde continúan na primeira planta do palacio municipal de María Pita os retratos de alcaldes na ditadura xunto aos alcaldes elixidos democraticamente. Exactamente o mesmo na Deputación, onde os presidentes do franquismo conviven no Salón de Plenos cos elixidos na democracia.
Como é posíbel que despois de máis de corenta anos de democracia, continúen expostos os retratos de militares golpistas, despois alcaldes da Coruña, como Sisenando Martínez Yunta e Juan González-Regueral y Álvarez Arenas, que xogaron un importante papel na depuración dos traballadores do concello? Como é posíbel que Sergio Peñamaría de Llano sexa distinguido cunha rúa e un retrato, despois de participar como capitán da Lexión na represión de fuxidos na zona de Valdeorra e no asasinato dos pais da guerrilleira Consuelo Rodríguez López, e despois de participar como fiscal militar en Consellos de Guerra Sumarísimos, como o celebrado o 31 de xullo de 1947 solicitando penas de morte a dirixentes do PCE? Se en Barcelona, Valencia ou Cádiz, por poñer algúns exemplos, retiraron xa todo tipo de distincións a alcaldes na ditadura, por que manteñen na Coruña un recoñecemento público? É así como participamos na rede de concellos contra a impunidade do franquismo?
A permanencia dos retratos de alcaldes que participaron na represión desde as súas responsabilidades municipais, iniciando ou continuando con expedientes, sancións ou destitucións de traballadores do concello, é unha exaltación do golpe de Estado militar e fascista do 18 de xullo de 1936 contra o goberno lexítimo da República, unha inxustiza, unha ofensa e agravio contra aqueles que loitaron en defensa dos valores republicanos e democráticos. Deben desaparecer eses retratos como símbolos públicos da represión franquista e para continuar coa reparación moral e familiar dos traballadores do concello que foron represaliados.
A actuación dos partidos políticos é un auténtico disparate, sen ningún tipo de coherencia, nin sentido común. O Pleno de Deputación de Pontevedra acordaba por unanimidade o 29 de xullo de 2016 retirar a José Calvo Sotelo o título de Fillo Adoptivo da provincia. O Pleno de Deputación da Coruña de 26 de outubro de 2018 aprobaba co voto favorable de todos os grupos e a abstención do PP, cambiar o nome do IES Calvo Sotelo. Como contraste, Calvo Sotelo ten aínda sete distincións na Coruña: avenida Calvo Sotelo, rúa Hogar Calvo Sotelo, peirao Calvo Sotelo, placa na entrada do vello cárcere provincial e retrato no Salón Real do palacio municipal de María Pita; é Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto da Coruña. Como é posíbel que os retratos de catro golpistas (Miguel Primo de Rivera, José Calvo Sotelo, Severiano Martínez Anido e Mario Muslera e Planes) presidan o Salón Real?
O alcalde socialista de As Pontes, Valentín González Formoso, aprobaba en 2009 retirar a Medalla de Prata do concello a Constantino Lobo Montero, xeneral golpista. Continúa hoxe como alcalde, pero é tamén Presidente da Deputación, e mantén para este golpista a distinción de Fillo Predilecto da provincia. Na Coruña Constantino Lobo aínda é Fillo Adoptivo.
A Deputación da Coruña mantén numerosas distincións a golpistas e franquistas. Enrique Cánovas Lacruz, xefe da guarnición militar da Coruña sublevada en 1936, perdeu a distinción de Fillo Adoptivo por acordo do Pleno da Coruña en 2009, pero continúa como Fillo Adoptivo da provincia. O golpista e capitán xeral de Galiza na ditadura, Francisco Delgado Serrano, non é Fillo Adoptivo da Coruña desde 2009, pero continúa como Fillo Adoptivo da provincia. Fermín Gutiérrez Soto, golpista e capitán xeral de Galiza, perdeu a Medalla de Ouro da Coruña en 2009, pero continúa como Fillo Adoptivo da provincia. O Pleno da Coruña retiraba en 2009 a distinción de Fillo Adoptivo a Rafael Hierro Martínez, gobernador civil e Director Xeral de Seguridade, recoñecemento que aínda mantén na Deputación. A rúa dedicada en Pontevedra ao almirante Salvador Moreno Fernández foi cambiada en 2002 por Rosalía de Castro, pero este golpista –protagonizou desde o cruceiro Canarias o bombardeo dunha multitude que fuxía por estrada desde Málaga a Almería, despois da ocupación de Málaga polo exército de Franco, provocando entre 3.000 e 5.000 mortos– conserva dezasete anos despois a distinción de Fillo Predilecto da provincia da Coruña.
O concello de Compostela acordaba no Pleno de 19 de xullo de 2018 retirar ao ministro de Franco, Laureano López Rodó, as distincións de Alcalde Honorario e Fillo Adoptivo, pero continúa como Fillo Adoptivo da Coruña e como Fillo Adoptivo da provincia.
O manifesto de ex–presos e presas políticas na ditadura Non queremos ao “Camarada Fraga” como Fillo Adoptivo (distinción concedida polo Pleno de 24 de decembro de 1968), dicía que “como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de Fillo Adoptivo da Coruña”. Este colectivo insistía neste tema e desde o Escano Cidadán, manifestaba no Pleno de 14 de xaneiro de 2019: “Confiamos en que esta digna Corporación teña tolerancia cero co franquismo e cos seus colaboradores, e que moito antes de maio retire a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo”. Que así sexa.