O goberno local ten desde hai ano e medio un informe encargado polo Concello no que se pide a retirada de honores a Barrié, Peñamaría de Llano ou Alfonso Molina
No último pleno municipal na Coruña, PSOE e PP botaron abaixo cos seus votos unha moción do BNG que pedía retirarlle as honras e o nome dunha rúa ao alcalde franquista Sergio Peñamaría de Llano, recoñecido represor fascista na comarca de Valdeorras -desde onde o Concello do Barco solicitou tamén que se eliminasen as distincións- e rexedor clave na operación irregular que permitiu aos Franco adquirir a Casa Cornide.
O grupo socialista xustificou a negativa na necesidade dun estudo "rigoroso e serio" sobre a conveniencia da retirada. Só unha semana despois, sóubose que o goberno local ten no seu poder desde hai máis de ano e medio un informe encargado ao grupo de traballo impulsado polo Consello da Memoria Democrática do Concello no que se aconsella retirar o nome de rúas e honras a Peñamaría de Llano, ademais de a outros importantes persoeiros como o ex-alcalde Alfonso Molina, o empresario, banqueiro e benefactor Pedro Barrié de la Maza ou o político e xurista José Calvo Sotelo.
Así o adiantou Radio Coruña-Cadena SER, que aludiu a un informe -ao que tivo acceso Praza.gal- que analiza "14 rúas dedicadas a personaxes que tiveron unha relación directa co franquismo e/ou as autoridades franquistas tratando de localizar o maior número de datos posibles para poder elaborar conclusións baseadas unicamente en probas documentais contrastadas e verídicas".
O informe encargado polo Concello ao Instituto José Cornide insta a "retirar o nome da vía pública e os honores concedidos polo Concello" a 14 persoeiros
Así, o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses recomenda a "retirada do nome da vía pública e dos posibles honores concedidos a maiores polo Concello (Fillo Adoptivo, Fillo Predilecto, Medalla de Ouro, Medalla de Prata)" a 14 persoas: Barrié de La Maza, Álvarez de Sotomayor, Benito Blanco-Rajoy, Calvo Sotelo, Diego Delicado, José Fariña, Ambrosio Feijoo, Alfonso Molina, Eduardo Ozores, Peñamaría de Llano, José Peréz-Ardá, Antonio Ponte Anido, Enrique Salgado Torres e Eduardo Sanjurjo de Carricarte.
No caso dos retratos dos que foron alcaldes, o informe recomenda que se "retiren tamén" aqueles aos que propoñen retirar a rúa e "que se manden a un futuro museo da cidade, así como as placas e monólitos levantados na súa memoria".
O grupo encargado do informe -composto por Ana Romero Masiá, Luis Lamela García, Segundo Saavedra Rey e Carmen Martín Velázquez- traballou nesta primeira fase "investigando as persoas que dan nome a rúas da cidade e que, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, poderíaselles retirar tal honor se se comproba a súa participación na sublevación militar e/ou na represión posterior".
Marea Atlántica e BNG piden explicacións ao goberno local pola "ocultación" do informe: "É un escándalo"
O estudo aclara que hai casos nos que hai rúas dedicadas a "personaxes que beneficiaron o desenvolvemento económico e urbanístico da cidade desde os seus postos de responsabilidade outorgados polos ministerios de Franco", pero que puideron tamén "ter graves implicacións coa sublevación e/ou a represión nos inicios da ditadura".
Coñecida a existencia deste informe, o goberno local procedeu á convocatoria do Consello da Memoria Democrática que levaba dous anos sen ser convocado malia as peticións da Marea Atlántica e BNG, ademais de proceder á entrega do informe aos grupos municipais.
Desde a Marea piden "explicacións" ao goberno local por "terlle ocultado ao Consello da Memoria Democrática o informe" e por decidir "telo gardalo nun caixón en lugar de dalo a coñecer". "É escandalosa esta ocultación e esixiremos unha rendición de contas", asegurou a súa portavoz, María García, que considera "incomprensible" que, "coñecendo esta información, o PSOE votase xunto co PP no último pleno en contra dunha iniciativa para retirarlle as honras a Peñamaría de Llano”.
O BNG, pola súa banda, asegurou tamén que pedirá ao goberno local que "renda contas" sobre o asunto. “No último pleno ocultou a existencia deste informe para xustificar o voto en contra da moción do BNG para a retirada de honras a Sergio Peñamaría de Llano, cando o Concello xa dispuña dun estudo que ía na mesma dirección que a nosa iniciativa”, asegurou o seu voceiro, Francisco Jorquera.
O informe, por exemplo, recomenda a retirada de honras ao pintor e ex-alcalde franquista Álvarez de Sotomayor "polo seu protagonismo e plena convicción a favor dos sublevados desde o primeiro momento de producirse o chamado Alzamiento Nacional e súa contribución ao seu triunfo". No caso de Barrié de la Maza, xustifica a mesma retirada de distincións polo seu "papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía", en referencia ao Bnaco Pastor.
O informe atribúe a Barrié un "papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores do Pastor"
Ademais, de Barrié destácase que fixo "importantes doazóns" ao exército fascista: "25.000 pesetas a título persoal e 50.000 do Banco Pastor, ademais das 6.100 latas de conserva, 15.000 pastillas de xabón La Toja, 240 quiilos de xabón especialmente elaborado para a tropa e 1.000 botellas de auga de Mondariz para o exército", entre outras doazóns.
No caso do político e letrado Blanco-Rajoy, o informe destaca "a súa participación como decano do Colexio de Avogados na depuración dos seus compañeiros de profesión", mentres que opta tamén pola eliminación das honras a Calvo Sotelo por ser o seu pensamento "base fundamental para a configuración ideolóxica da ditadura".
"Aínda que persoalmente non participara directamente na sublevación militar nin na represión franquista por ter sido asasinado antes (aínda que haxa indicios claros de que estaba implicado nos plans de levantamento), pódese considerar que os honores dedicados a Calvo Sotelo polo franquismo, considerándoo Protomártir da Cruzada, constitúen unha exaltación da sublevación militar, e polo tanto resultarían afectados pola Lei de Memoria Histórica", aclaran os historiadores.
Tamén se recomenda retirar as destincións a Diego Delicado "polo destacado papel desempeñado nos diferentes cargos que levou a cabo en continuo apoio aos sublevados" ou a José Fariña pola súa "participación de forma activa na represión de concidadáns", do mesmo xeito que no caso de Ambrosio Feijóo durante a Guerra Civil.
O documento sinala a Alfonso Molina por estar "implicado" na represión e na "depuraicón laboral"
En canto ao alcalde Alfonso Molina, que dá nome á principal vía de entrada á cidade da Coruña, o informe advirte que está "implicado directamente nas actividades represoras" e de "depuración laboral" e que foi "colaborador activo na represión" fascista. De Eduardo Ozores, o Instituto José Cornide di que tampouco existe "dúbida ningunha" de que "participou activamente na sublevación, na Guerra Civil e na represión" logo de "erguerse en armas contra a República".
Outro tanto ocorre con Peñamaría de Llano, de quen o informe advirte da súa "participación activa" na guerra e na "represión física". Doutro alcalde franquista, Pérez Ardá, destacan tamén o seu labor "represor".
Ademais, recomenda tamén a retirada de honores a Ponte Anido polo seu papel na Divisón Azul e para "evitar como indica a Lei de Memoria Histórica a pervivencia de símbolos de exaltación do franquismo", mentres que de Salgado Torres destácase tamén que foi falanxista voluntario para loitar na fronte de Asturias e participante "na represión laboral dos profesionais do ensino".
Por último, o informe aposta tamén por eliminar distincións e honras a Sanjurjo de Carricarte, alcalde franquista, participante na Guerra Civil en apoio do bando fascista, membro de varios tribunais militares e colaborador na "represión física durante os anos de actividade antifranquista". "Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren os honores concedidos no seu día", conclúe.