Meirás racha o silencio sobre o vínculo franquista de Barrié de la Maza, que xa perde honras en Galicia

Franco inaugura unha placa en homenaxe a Barrié de la Maza, na Coruña © NO-DO

A sentenza xudicial que ordenou a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público rachou cos marcos e o silencio que limitaban a revisión do pasado franquista en Galicia. As honras das que desde hai décadas gozan persoeiros intocables son postas en cuestión, non só polos movementos pola memoria, senón tamén polos poderes públicos. A entrega das Torres de Sada ao Estado e a iniciativa doutras administracións para recuperar a Casa Cornide na Coruña despoxan agora da súa benevolente pátina a un personaxe clave no feito de que Franco e os seus herdeiros gozasen --ou gocen aínda-- da propiedade dos inmobles: Pedro Barrié de la Maza.  

A entrega de Meirás ao Estado racha co silencio sobre persoeiros como Barrié: Sada bórrao do rueiro e retíralle distincións polo seu papel clave "no espolio"

O pleno do Concello de Sada secundou a finais do pasado mes de xaneiro unha moción do BNG para borrar do rueiro da localidade o banqueiro e empresario pola súa vinculación co golpismo e o franquismo e o seu papel fundamental "no espolio do Pazo de Meirás e a Casa Cornide". Ademais, retiraráselle tamén a distinción de Fillo Adoptivo e aprobouse que se comunique ao CEIP Pedro Barrié de la Maza a opinión favorable do pleno á mudanza de nome do centro de ensino para que sexa debatida polo consello escolar. 

Francisco Franco inaugura o centro escolar Barrié de la Maza de Mondego, Sada © NO-DO

A Comisión de Memoria Democrática do Concello da Coruña deberá debater tamén se retira as honras a Barrié de la Maza

A rúa de entrada á vila desde Oleiros pasará a denominarse O Pedregal, recuperando a toponimia tradicional, e Barrié de la Maza quedará sen honras en Sada, algo que tamén podería acontecer na cidade natal do empresario, A Coruña, onde a Comisión de Memoria Democrática do Concello deberá estudiar a retirada de todo tipo de distincións tanto del como de dous alcaldes en época franquista, Alfonso Molina e Peñamaría de Llano, por "impulsar, organizar e participar no espolio do Pazo de Meirás e da Casa Cornide para beneficio da familia Franco". 

No caso de ambos inmobles, Barrié de la Maza foi clave para que acabasen en mans dos Franco. Máis que clave, foi o impulsor das artimañas sobre as que as investigacións e a xustiza deitaron e seguen deitando luz.

Dono do Banco Pastor, máximo dirixente da extinta Unión Fenosa ou de Astano e un dos principais financeiros do bando fascista na guerra civil, o banqueiro coruñés mantén o prestixio empresarial, así como de emprendedor, benefactor e mecenas, de home clave no desenvolvemento industrial da Galicia do século XX. A Fundación que creou e leva o seu nome impulsou importantes centros de ensino, mantén o seu compromiso coa cultura e conta cun dos programas de bolsas de estudo máis prestixiosos. 

"Todo o mundo sabe da súa condición empresarial, do que ten de interesante e do que ten de dubidoso e de colaboración coa ditadura"

Unha bagaxe que agochou durante décadas a parte máis escura e que foi forxada primeiro pola proximidade ao réxime e a íntima amizade co propio ditador --que en 1955 lle concedeu o título de conde de Fenosa "pola súa laboriosidade creadora de industrias en Galicia"-- , e logo polo silencio e a lembranza selectiva das elites coruñesas e galegas. Ata a actualidade tamén. 

"Todo o mundo sabe da súa condición empresarial, do que ten de interesante e do que ten de dubidoso e de colaboración coa ditadura", explica Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, investigador habitual da guerra civil e director do proxecto Nomes e Voces, dedicado ao estudo da represión franquista. 

Pedro Barrié de la Maza © Fundación Barrié

O historiador advirte que "o núcleo coruñés no que se inclúe Barrié ofrece o Pazo de Meirás a un xeneral que nin tan sequera gañara a guerra". "Intentan conciliar a vontade de Franco e das autoridades golpistas cos seus intereses, Barrié concíliase co poder e busca a forma de telo de man", explica sobre o caso do Pazo ou da Casa Cornide. 

 "O núcleo coruñés de Barrié intenta conciliar a vontade de Franco e dos golpistas cos seus intereses, concíliase co poder e busca a forma de telo de man"

Para Fernández Prieto, "é lóxico" que se afronte o debate, "máis aínda por xeracións educadas en democracia". "Non se fixo antes e é normal que se produza unha rebelión memorialística ante o negacionismo sobre o que ocorreu e sobre a importancia de determinados personaxes na ditadura ou no golpismo, pero tamén como reacción ante actitudes actuais moi perigosas", engade, quen lembra que mesmo en sociedades como a francesa ou alemá se abre o debate sobre o colaboracionismo de reputados empresarios de importantes firmas actuais cos réximes fascistas. 

Barrié de la Maza foi un activo apoio do golpismo, mesmo antes que do franquismo. Manuel Monge, ex-concelleiro na Coruña, activista pola memoria histórica e experto no tema, destaca as súas importantes doazóns á sublevación militar e ao bando fascista ou a depuración que axudou a levar a cabo, en plena guerra civil en 1937 sobre o persoal do Banco Pastor, do que era accionista maioritario e director xeral. A mesma entidade bancaria que neses mesmos anos procuraba executar o aval dun crédito da campaña do Estatuto de 1936, asinado por dirixentes galeguistas asasinados

Barrié impulsou a Junta Provincial Pro Pazo, que xuntou máis de 4000.000 pesetas para doar o Pazo a Franco entre coaccións, ameazas con patrullas da Falange

Foi tamén en 1937, nunha Galicia xa dominada polo fascismo e a dura represión, cando o gobernador civil da Coruña, Julio Muñoz, e o propio Barrié impulsaron a Junta Provincial Pro Pazo. Nela, adiñeirados persoeiros ou destacados militantes golpistas como Rivero de Aguilar, José María Marchessi, José Luis Bugallal, Joaquín Barcia Goyanes, José Casteleiro, Jacobo López Rúa ou os posteriores alcaldes franquistas Alfonso Molina e Álvarez de Sotomayor. 

A Junta xuntou máis de 400.000 pesetas tras unha campaña que o franquismo defendeu como de doazón para un agasallo pero que diversos documentos revelan como coaccións, ameazas, espolio de terras ou conxunto de patrullas encabezadas pola Falange. A propia entidade dirixíase aos concellos para indicar como “visitar persoalmente” a cada veciño. Nunha época de dura represión, con mortos nas cunetas, milleiros de asasinados e a guerra aínda por rematar.

Desfile de falanxistas polos Cantóns da Coruña tras o golpe de 1936 CC-BY-NC-SA BNE

A Junta pro Pazo merca as Torres aos herdeiros de Pardo Bazán e en decembro de 1939, Franco estampa a súa sinatura nun documento: "Acepto". Mesmo viaxa expresamente a Galicia a recoller aquel presente, nunha visita que quedou retratada nas imaxes e os rostros da colección de fotografías que dixitalizou non hai moito a Biblioteca Nacional de España

Barrié impulsa a compra do Pazo en 1938 e negocia e asina, en nome de Franco, a "simulación" e "ficción" de compravenda de 1941 que evidencia a Xustiza

Malia constar un pergamiño coa propia sinatura de Franco, nunca aparecera a escritura que certificase a compra, documento que a Avogacía do Estado atopou no verán de 2019 no Arquivo Histórico de Protocolos da Coruña e que foi clave para a posterior demanda do Estado para a recuperación das Torres, ao demostrar a existencia de dous contratos para a adquisición do Pazo, o último deles “fraudulento” e simulado en 1941 para encubrir a doazón e compra que a Junta Pro Pazo del Caudillo fixera xa tres anos antes para a xefatura do Estado. 

O obxectivo dos Franco era evitar que o inmoble se integrase no Patrimonio Nacional tras a lei aprobada en 1940 que regulaba a cesión destes bens ao público. E lograr, como así fixo, que as Torres pasasen á súa propiedade particular malia que en 1938, como demostra a escritura agora atopada, se pagasen máis de 400.000 pesetas. Barrié de la Maza volve ser clave aquí para satisfacer o ditador. A súa sinatura, representando o xeneral fascista, aparece no contrato de compravenda simulado de maio de 1941 onde, segundo os avogados do Estado, se creou “artificiosamente a aparencia” de que o ditador adquiría o Pazo por un prezo de 85.000 pesetas. 

Na sentenza que ordena a devolución de Meirás ao Estado, a xuíza Marta Canales conclúe que a compravenda de 1941 coa intermediación de Barrié de la Mazo foi unha "simulación" a beneficio de Franco, unha "ficción" levada a cabo “só co obxecto de poñer o ben ao seu nome”. Na resolución do recurso presentado polos herdeiros do ditador, a Audiencia Provincial insiste na "fantasía total", "ficción" ou "mera apariencia"

Barrié de la Maza acudiu á poxa para facerse coa Casa Cornide e cedeu o inmoble aos Franco, nunha montaxe desvelada polo secretario de Franco

O acontecido garda moita relación co que, algúns anos despois, pasaría coa Casa Cornide da Coruña, propiedade dos Franco e polo que o Concello da Coruña anunciou xa accións legais para recuperala para o patrimonio público. A artimaña, semellante á de Meirás, era coñecida, pero un documento clave feito público en 2019, como adiantou Praza.gal, acreditou un mecanismo fraudulento no que participou, de novo, Barrié de la Maza. 

A Casa Cornide, antiga propiedade do historiador, político e ilustrado José Cornide, fora doada por esta familia ao Concello da Coruña para acabar funcionando como escola e ser propiedade do Ministerio de Educación. A administración local e o Estado permutaron propiedades para que a primeira volvese gozar da propiedade do edificio, ata que decidiu sacala a poxa pública tras un acordo da corporación municipal que prohibía volver vendelo nun prazo de dez anos.

Pazo de Meirás, en Sada © Xunta

Barrié acudiu á poxa xunto a outro militante fascista, o falanxista José Luis Amor Fernández. O banqueiro impúxose e obtivo o inmoble tras pagar pouco máis de 300.000 pesetas. Foi o 2 de agosto de 1962. Un día antes, o secretario persoal do ditador, Ricardo Catoira, enviaba unha carta desde o Pazo de Meirás ao daquela subsecretario de Facenda, Juan Sánchez-Cortés y Dávila na que se evidenciaa suposta fraude cometida na compravenda da Casa Cornide a través dunha poxa amañada co obxectivo de satisfacer o “desexo” de Franco e da súa dona, Carmen Polo. 

"Había unha trama de favores e favores mutuos a conta do erario público dos que se lucraron e aínda se lucran as elites", lembra Carlos Babío

O relato franquista di que o ditador recibiu o inmoble en cesión do seu amigo Pedro Barrié de la Maza, que a adquiriu nunha poxa pública. En realidade, unha montaxe co obxectivo de ocultar, como na compravenda fraudulenta de Meirás, que a familia Franco se facía coa propiedade dun ben público e simular unha doazón que nunca existiu. "Es la mejor fórmula, ya que de esta forma no se hace una adjudicación de bienes que fueron del Estado al propio Caudillo", dicía o secretario de Franco na carta. 

A pegada do influxo de Barrié noutras propiedades emblemáticas da Coruña e da súa comarca non acaba aí. Aquela "trama de favores e favores mutuos a conta do erario público dos que se lucraron e aínda se lucran as elites", como di Carlos Babío, historiador e autor de Meirás: un pazo, un espolio, un caudillo, ten aínda o seu impacto nestes días. 

Nos actuais terreos que na Coruña ocupan o Hotel Finisterre e o complexo da Solana estivo antes a praia do Parrote e o vello cárcere. Construíronse sobre un espazo de 25.000 metros cadrados de titularidade pública ou gañados ao mar que foron motivo de disputa entre o Concello e a Autoridade Portuaria nos últimos anos no proceso de negociación polo futuro dos terreos do porto. 

Armando Casteleiro Varela foi o impulsor da construción do complexo deportivo da Solana tras a autorización das administracións en 1941. O empresario e nadador era irmán de José Casteleiro Varela, membro da Junta Pro Pazo, e ambos recoñecidos militantes fascistas na represión.

A casa Cornide, en maio de 1917 CC-BY-NC-SA Georges Chevalier | http://collections.albert-kahn.hauts-de-seine.fr

O banqueiro, a través do Pastor, foi o accionista maioritario da sociedade da Solana e o Hotel Finisterre, terreos do Porto ou gañados ao mar no franquismo

Logo, Casteleiro decidiu construír un hotel e formou unha sociedade na que entrou o empresario Aurelio Ruenes, o arquitecto Santiago Rey Pedreira e a división industrial do Banco Pastor, que tiña á fronte, outra vez, a Pedro Barrié de la Maza, designado procurador en Cortes por Franco desde 1946, e que acabaría por ser accionista maioritario da sociedade que xestionaba o hotel e o complexo deportivo. Ao finais dos anos 60, ampliáronse as instalacións para comer o espazo que ocupaba a praia do Parrote. 

Foi unha privatización do litoral sobre un solo que segue a pertencer ao Porto, que está detentado nun réxime de concesión que remata en 2027 e pola que se pagan algo menos de 100.000 euros ao ano. Outra pegada do influxo de Barrié nuns peiraos onde un dique leva o seu nome e onde presidiu desde 1944 a Junta de Obras del Puerto, ao tempo que o seu banco, o Pastor, financiaba esas operacións. 

A antiga praia do Parrote, antes da súa apropiación por La Solana Dominio Público Praza Pública

A Comisión Aberta en Defensa do Común --apoiada por máis de sesenta entidades da Coruña-- reivindica desde hai tempo a devolución gratuíta da zona da Solana e do Hotel Finisterre. E advirte de que “a ocupación destes terreos públicos foi un auténtico 'botín de guerra dos vencedores', daqueles que protagonizaron en 1936 unha sublevación militar e fascista contra o goberno lexítimo e democrático da República”.

“A ocupación destes terreos públicos foi un auténtico 'botín de guerra dos vencedores'", di a Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña

Agora, coa polémica sobre os futuros usos dos terreos liberados do porto, a Universidade da Coruña vén de elaborar un informe por encargo do executivo local no que se recomenda "manter os terreos da Solana como patrimoniais da Autoridade Portuaria" e cos mesmos fins. A proposta é contraria ao aprobado por maioría absoluta no pleno tras o pacto asinado por PSOE e Marea Atlántica e que acordaba "blindar a natureza pública" deses terreos e asegurar un cambio de titularidade. Para logralo, impulsouse tamén unha modificación puntual do PXOM que obriga á reversión dos terreos ao público a través dunha expropiación, cesión ou convenio. 

Outro terreo en debate pola súa titularidade

Case 80 anos despois, a loita por reverter a titularidade dun predio que fora ou se reivindicara público. E de novo a figura de Barrié de la Maza como protagonista polo medio, a mesma que dá nome ao tramo máis popular do paseo marítimo coruñés, acumula distincións e honras no Concello e noutras vilas e é recoñecido por outras moitas institucións públicas. Xa non en Sada. 

"Temos o dereito e a obriga de enfrontarnos ao pasado; conseguimos a devolución do Pazo e iso implica revisar o que se fixo", di o historiador Fernández Prieto

"Vivimos nunha sociedade democrática onde son lóxicas as disputas e os debates respecto do pasado", aclara Fernández Prieto que, no entanto, advirte de que o que ocorra coa figura de Barrié de la Maza, e outras, "dependerá da opinión pública, dos medios, do Parlamento, dos votantes...". 

"Temos o dereito e a obriga de enfrontarnos ao pasado; acabamos de conseguir a devolución do Pazo e iso implica revisar o que se fixo, revisar o pasado", insiste, antes de aclarar que o apelido Barrié está vinculado a Galicia desde o século XVIII". "É unha liña máis da saga; nin os anteriores nin os posteriores son culpables nin responsables do que fixo", conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.