Unha semana despois de que o Estado oficializase a expulsión dos Franco do Pazo de Meirás, en cumprimento provisional dunha sentenza xudicial, os herdeiros do ditador ven como outra administración enceta un camiño co que pretende chegar ao mesmo destino. Neste caso, o Concello da Coruña, que anunciou que iniciará accións legais para recuperar para o patrimonio público a Casa Cornide, propiedade da familia do ditador, logo de que o informe xurídico encargado polo goberno local á Universidade da Coruña (UDC) avalase a decisión municipal de acudir á Xustiza.
O Concello da Coruña iniciará accións legais para recuperar para o patrimonio público a Casa Cornide tras o aval do informe xurídico encargado á UDC
O informe, redactado polos catedráticos Carlos Aymerich, Carlos Amoedo e José Manuel Busto, achega varios argumentos que fundamentan a reclamación do inmoble tanto pola vía civil como administrativa, así como a lexitimidade do Concello e do Estado para iniciar o proceso. O documento, ao que tivo acceso Praza.gal, destaca a "natureza xurídico-patrimonial pública da Casa Cornide" e advirte da ilegalidade dos procedementos de permuta, poxa pública e posterior venda do inmoble.
O informe advirte da ilegalidade dos procedementos de permuta, poxa pública e posterior venda do inmoble e sinala a "simulación" na compravenda
Os tres catedráticos aclaran que a Casa Cornide adquiriu a condición de "ben demanial do Estado en 1949, tras a súa compra e afectación ao servizo público estatal de Conservatorio de Música" e que na altura na que se tramitou aquel expediente de permuta "non era legalmente posible unha desafectación tácita" do inmoble sen "a declaración de vontade expresa do Ministerio de Educación de que o ben xa non estaba adscrito á prestación do servizo público de educación musical".
Xa que logo, sen ese expediente "expreso" de desafectación do Ministerio, nin a adquisición nin a posterior permuta eran "xuridicamente posible". E esta última, aclaran, estaría "viciada dunha causa de nulidade administrativa de pleno dereito".
Foi o 22 de xuño de 1962 cando se transmitiu a Casa Cornide en permuta de novo ao Concello. Pouco despois, o pleno aproba a poxa pública, que acabaría gañando Pedro Barrié de la Maza ao serlle adxudicado o inmoble por 305.000 pesetas. Poucos días despois, vendeullo a Carmen Polo, muller de Franco, por 25.000. Ningunha daquelas operacións foi axeitada a Dereito, segundo o informe.
Nin nas operacións de permuta nin de alleamento do inmoble se contou coas autorizacións requiridas do Ministerio de Educación
Nin nos expedientes da permuta nin nos do posterior alleamento se atopa a autorización requirida do Ministerio de Educación, o que supón "a omisión de dous trámites esenciais, cuxa ausencia vicia de nulidade o procedemento de venda en poxa pública" ao incumprir un requisito previsto na leisobre a alienación de bens inmóbeis, artísticos ou arqueolóxicos de máis de cen anos de antigüidade.
Alén disto, o informe tamén advirte doutra causa de nulidade que afecta á adxudicación definitiva da Casa Cornide a Pedro Barrié de la Maza, banqueiro e empresario que impulsara tamén a adquisición do Pazo de Meirás para Franco. Segundo o documento, a modificación que dos pregos realizou o pleno do Concello en agosto de 1962 para liberar ao adxudicatario de certas obrigas fíxose saltando a lei e sen ter convocado unha nova licitación.
A autorización que logo o pleno municipal fixo da venda inmediata do inmoble a Carmen Polo, muller de Franco, suporía tamén "unha vulneración da incompatibilidade para contratar" disposta na lexislación. Ademais, como lembrou o Concello este luns, desde ese 1962 e ata 1976, o Consistorio levou a cabo investimentos por máis de 1 millón de pesetas cando xa non era propietario da casa.
As compravendas da Casa Cornide, entre Concello, Barrié e Carmen Polo, foron unha "simulación" , ao igual que indicou a Xustiza no caso do Pazo de Meirás
O informe engade que as compravendas da Casa Cornide de agosto de 1962, primeiro entre o Concello e Barrié de la Maza e logo entre este e Carmen Polo, serían tamén nulas por ser accións de "simulación absoluta", termo que a Xustiza xa determinou para a compra que do Pazo de Meirás simulou Franco logo de que as Torres lle fosen cedidas como xefe do Estado. E débese, esa nulidade, á inexistencia ou irregularidade das autorizacións requiridas para o alleamento do inmoble.
Así, o informe fai referencia a unha carta do secretario de Franco ao ditador que acreditou a artimaña levada a cabo para facerse coa Casa Cornide e que Praza.gal fixo pública. O texto constata que a versión defendida polos herdeiros de Franco de que a propiedade da Casa Cornide é lexítima non é verdade. O argumento é que o ditador recibiu o inmoble do seu amigo e activo defensor Pedro Barrié de la Maza tras adquirila na poxa pública organizada polo Concello. Todo foi, presuntamente, unha montaxe.
“Tengo el gusto de comunicarte que hoy por fin ha terminado el plazo para la subasta de la célebre casa que tanto deseaba Su Excelencia. Hoy también se reúne el pleno para adjudicarla a un particular y este venderla a la Señora. Así se lo hemos explicado a Su Excelencia por ser la mejor fórmula ya que de esta forma no se hace una adjudicación de bienes que fueron del Estado al propio Caudillo”. Así comeza a carta, nun parágrafo que deixa clara a estrataxema: ocultar, como na compravenda fraudulenta de Meirás, que a familia do ditador se facía coa propiedade dun ben público e simular unha doazón que nunca existiu.
Xa que logo, o informe conclúe que as vías axeitadas para a defensa dos intereses públicos son varias, tanto por parte do Estado como do Concello, puidendo actuar pola ausencia de desafectación do inmoble do servizo publico de educación musical, polas irregularidades nos expedientes de permuta e alleamento e pola compravenda simulada.
"Utilizaremos todas as accións ao noso alcance para restituír a Casa Cornide á súa lexítima titular, a cidadanía coruñesa", asegurou a alcaldesa, Inés Rey, que anunciou o inicio inmediato do proceso para a recuperación do inmoble. Unha vivenda que a familia Franco non dubidou en poñer en venda o pasado verán, en plena celebración do xuízo pola demanda do Estado para a recuperación do Pazo de Meirás. Un portal inmobiliario de internet ofrece este edificio de estilo barroco, de preto de 1.500 metros cadrados, e aínda poden ser consultadas as súas características no seu portal web.
Mentres, no Congreso dos Deputados, Galicia en Común anunciou a presentación dunha proposición non de lei para que o Estado "apoie as administracións na reclamación xudicial da Casa Cornide".