Reclamar “o roubado” por Franco non é delito de odio: A Audiencia rexeita a acusación da familia pola ocupación da Casa Cornide

Ocupación simbólica da Casa de Cornide o 26 de setembro de 2017 CC-BY-SA BNG

As nove persoas que en setembro de 2017 despregaron unha pancarta no edificio coruñés serán xulgadas por delito leve

O 26 de setembro de 2017 nove persoas vinculadas ao BNG entraron na Casa Cornide da Coruña, propiedade da familia Franco, que quedou con ela tras pertencer ao Estado, e despregaron unha pancarta co lema “que nos devolvan o roubado! #FranquismoNuncaMáis”. Serán xulgados por un delito leve, pero non polos de odio e vulneración de morada como reclamaba a familia Franco, segundo vén de determinar a Audiencia Provincial da Coruña.

Carta do secretario de Franco coa artimaña do ditador para quedar coa Casa Cornide CC-BY-NC-SA Praza Pública

O colectivo salienta que a xustiza rexeita a petición dos Franco “pois do texto da faixa non pode desprenderse ningún delito de odio nin tampouco de violación de morada, ao non presentar denuncia a persoa residente na Casa Cornide”

O colectivo de persoas encausadas informan de que o tribunal provincial desestimou o recurso no que os Franco pedían xulgalos por eses delitos “pois do texto da faixa non pode desprenderse ningún delito de odio nin tampouco de violación de morada, ao non presentar denuncia a persoa residente na Casa Cornide”. A petición de penas para as nove persoas encausadas por parte dos Franco por eses dous delitos sumaba 81 anos de cadea e 24.000 euros de indemnización.

As persoas acusadas consideran a resolución xudicial “unha derrota dos Franco á que agardamos que lle sigan máis, como a do Pazo de Meirás, até que todo o patrimonio espoliado polo ditador sexa devolto ao patrimonio público do pobo galego”, di Elvira Branco, voceira das e dos denunciados nun comunicado. “É hora de que se faga xustiza. Os privilexios herdados do franquismo deben rematar, as vítimas deste réxime ditatorial deben ser dignificadas e todo o patrimonio roubado ten que ser devolto ao pobo galego”, engade.

A causa pola ocupación do Pazo de Meirás será xulgada polo Supremo ao estar aforado o deputado Néstor Rego, participante naquel acto simbólico

Ademais do xuízo pola ocupación simbólica da Casa Cornide, tamén está pendente a vista polo mesmo feito dun mes antes no Pazo de Meirás que, segundo determinou a pasada semana o xulgado de Betanzos no que estaba aberto o caso, será finalmente xulgado polo Tribunal Supremo, ao estar aforado un dos participantes, o agora deputado do BNG no Congreso Néstor Rego.

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.