Casa Cornide, do uso e "vocación pública e cultural" ao inmoble pechado dos Franco

Fachada principal da Casa Cornide, na Coruña © Xunta

A plasmación da carta que certifica a artimaña e presunta montaxe levada a cabo pola familia Franco e as administracións da época para que o ditador se fixese coa Casa Cornide evidencia outro espolio. Outro máis dos cometidos durante anos polo franquismo e que teñen como símbolo o Pazo de Meirás e este emblemático inmoble da zona vella da Coruña. O proceso iniciado hai anos desde o goberno municipal na procura da vía legal para recuperar o edificio fai agromar documentos clave como esa misiva e evidenciar a "vocación" de uso público que sempre tivo unha edificación que lle foi subtraída á cidadanía polo capricho do matrimonio Franco e a colaboración de administracións e elites económicas

O goberno local da Coruña ordenou un informe patrimonial á Real Academia Galega de Belas Artes sobre a Casa Cornide, onde non só se comproba que o Concello pagou daquela obras no edificio cando xa era propiedade dos Franco, senón que se fai un repaso histórico que demostra o seu uso institucional e público e a intención permanente de que así seguise... Ata que os Franco e os homes de prol do franquismo aparecen na escena. 

A Academia de Belas Artes aclara que mesmo no franquismo a Casa Cornide era “considerada un ben patrimonial específico de primeira magnitude" non apropiada para uso residencial ou particular

Mesmo en plena ditadura, nos anos 40, o edificio era “considerado un ben patrimonial específico de primeira magnitude cuxo destino non parecía apropiado para o uso residencial nin a súa propiedade de titularidade particular pois en varias ocasións se manifestou claramente a súa vocación para uso publico e de actividades culturais”, como destaca Xosé Manuel Casabella, arquitecto e académico de Belas Artes, no informe. 

Porque a Casa Cornide foi sede de numerosas institucións coruñesas, sendo a casa consistorial, centro de día e escola e candidata a converterse en conservatorio de música. Pero acabou sendo propiedade dos Franco e, a tal hora, convertida nun edificio deshabitado, pechado e sen uso. 

Casa Cornide, na zona vella da Coruña © Xunta

Foi construída por Diego Antonio Cornide, pai do xeógrafo, humanista e naturalista José Cornide, na segunda metade do século XVIII sobre un soar que ocupaba unha casa propiedade da súa esposa. E deseñada, segundo destaca o informe, polo enxeñeiro militar Francisco Llobet. 

Froito da consolidación do neoclasicismo, xa no inicio do século XIX instálanse alí as dependencias do Concello coruñés, establecido no inmoble cando as tropas francesas invaden a cidade en 1809. Non se sabe, como destaca o informe de Belas Artes, a quen pasa a propiedade tras falecer a herdeira de Cornide, a súa filla, aínda que ela e o seu marido venderon parte da biblioteca do pai para pagar importantes débedas. 

Tiña unha superficie total edificada de máis de 200 metros cadrados e nela incluíanse unha planta para o cinema, salón de billar, unha zona para escola, outra para un salón... Unha ficha catrastral do Arquivo do Reino atribúe a propiedade xa no principio do século XX á familia Vázquez Pardo, que vende o edificio sen coñecerse a identidade do comprador. 

O Concello e o Estado viron na Casa Cornide unha oportunidade para instalar alí unha biblioteca municipal ou a sede dun conservatorio de música

Xa en 1948, como continúa o informe, na Comisión Municipal Permanente José Seijo Rubio, director do Museo Provincial de Belas Artes, “coñecedor de que os propietarios desexan vender o edificio, propón ao Concello da Coruña comprar a denominada Casa dos Tomasinos”, coñecida tamén como Casa Cornide. “Tendo en conta que o edificio reúne as condicións necesarias para instalar a Biblioteca Municipal con todos os servizos que A Coruña se merece”, di Seijo Rubio. 

Apróbase por todos os membros da Comisión e vese unha “oportunidade de adquisición” que “viría resolver futuros problemas con que tropezarían as corporacións municipais vindeiras, recoñecendo, como é público e notorio, a escaseza de locais que nesta capital existe e que puidesen adaptarse ao servizo dunha completa biblioteca”.

Como se aclara no informe, “neses anos o edificio xa era considerado un ben patrimonial específico de primeira magnitude cuxo destino non parecía apropiado para o uso residencial nin a súa propiedade de titularidade particular pois en varias ocasións se manifestou claramente a súa vocación para uso publico e de actividades culturais”. 

En 1949, ante as expectativas para o edificio, lévanse a cabo importantes obras de remodelación na contorna e, ademais, “tense constancia de que a Casa Cornide é propiedade do Estado, pola declaración efectuada por Nicolás Rodríguez Pardo, en representación da súa irmá Carmen Vázquez Pardo, de que dita propiedade se excluíse do seu patrimonio por pertencer ao Estado”. Unha declaración que é confirmada polo arquitecto que informa a petición, a últimos dese mesmo ano 1949. 

En 1961, tras a permuta que devolve ao Concello a propiedade do inmoble, "desencadéanse unha vertixinosa serie de acontecementos que finalizan coa súa doazón a Carmen Polo de Franco”

En 1951 coñécense os plans para converter o edificio en conservatorio de música e, ata o seu último alleamento, estivo ocupada como Centro Cultural de Santo Tomás de Aquino. Fora comprado Ministerio de Educación para a instalación do devandito conservatorio, pero o proxecto presentado ao Concello “non se considerou idóneo e foi desestimado”.

Foi en 1961 cando se realizou a permuta da Casa Cornide por un terreo de propiedade municipal en San Roque de Fóra, na zona escolar, onde se instalaría o conservatorio. A Casa Cornide volve ser propiedade do Concello da Coruña, pero por pouco tempo. Desencadéase, aos poucos meses, “unha vertixinosa serie de acontecementos que finalizan coa súa doazón a Carmen Polo de Franco”. 

O 3 de xullo de 1962, un pleno extraordinario do Concello decide poñer á venda o inmoble nunha poxa pública. O que viría é sabido. Barrié de la Maza, home de prol do franquismo, financeiro das tropas fascistas e impulsor da compra do Pazo de Meirás, acudiu á poxa xunto a outro militante fascista, o falanxista José Luis Amor Fernández. O banqueiro impúxose e obtivo o inmoble tras pagar pouco máis de 300.000 pesetas. Foi o 2 de agosto de 1962, un día despois de que o secretario de Franco enviase a carta na que se explicaba a realidade do amaño. 

Barrié de la Maza intervén, gaña a poxa e cede a Casa Cornide aos Franco nunha operación que a carta enviada polo secretario do ditador revela como unha artimaña

As condicións aclaraban que quen resultase adxudicatario na poxa non podería vender o inmoble durante o prazo de dez anos “agás que o Concello, a solicitude do devandito adxudicatario e en atención á persoa a cuxo favor se queira facer a transmisión, lle preste a súa autorización”. E houbo excepción ao aparecer a muller de Franco. 

En abril de 1963, nunha sesión extraordinaria do pleno do Concello, concédese a Medalla de Ouro da Cidade ao Pedro Barrié da Maza, “en proba e perpetuación do agradecemento que A Coruña lle debe no seu engrandecemento e desenvolvemento”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.