As capas da Memoria de San Simón dialogan co presente

A illa de San Simón no filme de Miguel Ángel Delgado co mesmo nome © Mario Llorca

Para reflexionar sobre os vasos comunicantes entre Memoria e Cultura que se dan cita na illa de San Simón xuntamos ao cineasta Miguel Ángel Delgado, que vén de estrear o filme sobre o campo de concentración franquista 'San Simón'; ao seu protagonista, o actor Flako Estévez; e á poeta e mestra viguesa Oriana Méndez

Durante a rodaxe do filme San Simón o actor Flako Estévez saía pasear só pola noite, era a súa maneira de meterse na personaxe, quería sentir o encerro, o frío e a humidade nocturna, o medo. Percorría o perímetro da illa ata a ponte que a une coa de San Antón, pero non cruzaba porque alí estaban os gardas no tempo do cárcere. Ás veces, neses paseos baixo as estrelas sorprendíao unha luz, a da lanterna do garda da illa, que axiña se acostumou a atopalo na escuridade. En 2024 esa luz non significaba nada máis ca un saúdo e un 'boas noites', pero en 1936, cando Lamas, o home ao que interpreta no filme, habitou esta mema illa sen elección, o seu destino era moi diferente. 

O filme de Miguel Ángel Delgado xa está nas salas de cinema, tras o seu paso polo Festival de San Sebastián. Unha estrea que coincide no tempo co inicio dos trámites para a declaración da Illa de San Simón como Lugar de Memoria ao abeiro da Lei de Memoria Democrática do Estado español, e mais cos debates, máis ou menos públicos, sobre o destino deste arquipélago situado nun enclave privilexiado da ría de Vigo.

Para reflexionar sobre os vasos comunicantes entre Memoria e Cultura que se dan cita nesta illa, en Praza.gal xuntamos ao director do filme coa poeta e mestra Oriana Méndez, que vén de participar nun obradoiro de tradución poética en San Simón, e mais co intérprete Flako Estévez, quen descubriu grazas a este proxecto cinematográfico as ligazóns da súa propia familia coa represión que o franquismo levou a cabo no campo de concentración no que converteu a illa. 

Acto da Iniciativa Galega pola Memoria na Illa de San Simón en 2016 © Iniciativa Galega da Memoria

"Dos primeiros anos de esquecemento vén unha dinámica que, para min, é como un baleirado da memoria para despois encher a illa de moitos outros usos", sinala o director do filme 'San Simón'

Calquera reflexión chega tardísimo. Para Miguel Ángel Delgado é inevitable ter moi presente por que estamos iniciando agora este debate, por que neste momento e por que tan tarde. “Isto debe entenderse como un proceso, para ser máis honestos con toda a xente que leva tantísimos anos loitando para que esta realidade se visibilice”, razoa o cineasta, que contou co asesoramento do grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela e tamén do movemento memorialista e de asociacións como O Faiado da Memoria.

Tras cinco anos dedicado ao filme San Simón, para o director é preciso ter en conta a “dinámica do esquecemento” que actuou no Estado español ata hai moi pouco. “Para min hai dous momentos moi claros. O primeiro momento de prohibición da ditadura, seguido doutro de case tantos anos de duración presidido pola hipocrisía: mellor non falar disto. En lugar de partir da reparación, como ocorreu en tantos outros países que sofreron ditaduras, aquí houbo un esquecemento promovido xa desde 1978. Dos primeiros anos de esquecemento vén unha dinámica que, para min, é como un baleirado da memoria para despois encher a illa de moitos outros usos”, explica.

A Fundación Illa de San Simón, creada durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG e que operou de 2007 a 2013, quería artellar todas as vidas de San Simón como a referencia natural, artística e da memoria histórica do país que é, pero rematou suprimida como medida de “aforro” da Consellería de Cultura liderada polo popular Jesús Vázquez.

"Eu creo que si houbo un criterio que foi, dalgunha maneira, dar a sensación de que non había criterio ou de que se partía desde cero. Claro que hai un criterio se aceptas a celebración dun encontro de bachata", di Oriana Méndez

Nos últimos doce anos semella non existir un criterio a respecto do que ocorre (ou non) na Illa de San Simón. Mais Oriana Méndez sácanos do engano: “Eu creo que si houbo un criterio que foi, dalgunha maneira, dar a sensación de que non había criterio ou de que se partía desde cero. Claro que hai un criterio se aceptas a celebración dun encontro de bachata. Neste tempo, todos os novos usos da illa crearon novas capas de memoria, como é inevitable cando a vida está en curso. Sendo así o criterio pasar por riba do que sucedera e aceptar que a vida segue”. “Hai outros espazos en Europa que albergaron campos de concentración onde se celebre un festival como o Sinsal?”, pregúntase a poeta viguesa.

Méndez pasou uns días na illa durante o Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que organiza Yolanda Castaño e conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. “Cando contei ao meu alumnado que ía participar nisto, dúas alumnas preguntáronme: pero durmides alí? Penso que é unha pregunta moi pertinente que dá conta do desasosego que se pode chegar sentir ao habitar un espazo no que sucederon atrocidades como as que nos mostra agora o filme, e que tamén compartimos coas poetas doutros países que viñeron”, di, mentres comparte que nunhas semanas volverá á illa de excursión coa rapazada de 1º de Bacharelato do centro do Porriño no que está a impartir aulas este curso. 

Rodaxe do filme 'San Simón' na propia illa en abril de 2024 © Manuel G. Vicente

A conversa con Delgado, Méndez e Estévez prodúcese na cafetería do museo MARCO de Vigo. Neste mesmo edificio está presente a negación do que sucedeu tras o golpe de 1936, pois aquí estaba o cárcere ao que foron trasladados moitos dos presos –os que sobreviviron– cando pecharon o campo de concentración de San Simón, e non hai nada á vista que o lembre. Ata este mesmo edificio levaron ao Lamas, o home ao que interpreta Flako Estévez, quen confesa sentirse atravesado pola presenza do medo nas conversas arredor deste tema. 

"Para que queres remexer agora nisto?", preguntáronlle a Flako Estévez ao interesarse polo seu tío avó, preso no campo de concentración de San Simón

“Para que queres remexer agora nisto?”, preguntáronlle ao interesarse polo seu tío avó, Antonio Blanco, "el cojo del Vao", que chegou a San Simón condenado a cadena perpetua e que tivo que coincidir na illa, por forza, co Lamas. “Miña tía dicíalle ao meu curmán que non me contara o do meu tío, 'non lle vaia traer problemas', díxolle. Se isto non é aínda un síntoma dese medo...”, lamenta o actor. 

Aquí téndese constantemente a negar que pasara nada. Empezando porque durante moito tempo se dicía que en San Simón houbera unha prisión, e iso non era tal, era un verdadeiro campo de concentración polo que pasaron máis de seis mil homes que permaneceron alí illados durante anos”, argumenta Flako Estévez, que soubo que o seu tío avó saíu con vida da illa, pero aínda descoñece os detalles de como foi a súa vida despois. Non sabe cando morreu e nin sequera sabe se o chegou a coñecer sendo un cativo.

O home ao que interpreta Flako Estévez no filme e o seu tío avó na vida real coincidiron presos na illa © Mario Llorca

Para Miguel Ángel Delgado unha das claves para abordar toda a represión franquista é facelo en diálogo co presente. “Afortunadamente non todo depende das institucións, tamén están as persoas organizadas da sociedade civil que, independentemente de que teñamos unhas administracións públicas máis ou menos proclives a recoñecer o que aconteceu en San Simón, non permitiron que toda a memoria se perdese. Con todo, non sabemos toda a historia e así o quixemos trasladar tamén na película, con honestidade. Creo que temos que formularnos a pregunta ética de por que non se está acompañando e recoñecendo a todas esas persoas que permitiron que hoxe poidamos ter unha memoria, aínda que sexa fragmentaria, do que alí pasou”, defende.

Partindo da base de que San Simón é un Lugar de Memoria, como o Pazo de Meirás ou a cidade de Ferrol, o debate debe situarse no 'como'. "Como se traballa esa memoria e como se conecta coas problemáticas actuais", di Miguel Ángel Delgado

Ao tempo que se celebra o recoñecemento como Lugar de Memoria por lei que, insistimos, chega tarde. Abriuse a cuestión –agora, 82 anos despois de que pechara o campo de concentración franquista en San Simón– dos usos que poden ou non poden albergar as illas de San Simón e San Antón. Aquí expoñemos outro punto de vista: partindo da base de que San Simón é un Lugar de Memoria, como o Pazo de Meirás ou a cidade de Ferrol, o debate debe situarse no como

Como se traballa esa memoria e como se conecta coas problemáticas actuais. Como esa memoria democrática pode falarnos do que hoxe en día está sucedendo. E tamén como evitar que, aínda que esa memoria sexa recoñecida, caia nunha dinámica de ostracismo ou de lugar musealizado no que non pode haber moitas cousas”, debulla Delgado. 

Para isto, propón Oriana Méndez, é preciso “apartar das mans de partidos políticos cuestións que teñen que ver cos dereitos humanos e coa memoria democrática”. “Por suposto, os partidos xestionan, e é inevitable que o fagan; pero se se converte nunha cuestión dun partido político concreto –porque política é, evidentemente– temos un problema que levamos vendo todo este tempo”, apunta a poeta. 

Presos camiñando custodiados por gardas no filme 'San Simón' © Mario Llorca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.