O filme 'San Simón,' unha sorte de elexía ás vítimas da represión franquista cativas nesta illa prisión, chegará ás salas de cinema o 24 de outubro despois de cinco anos de documentación e un casting masivo para plasmar a diversidade de persoas neste campo de concentración
Un encontro coa illa. Miguel Ángel Delgado (Valdepeñas , 1974) vén de estrear a súa primeira longametraxe de ficción por todo o alto no festival de San Sebastián. O director explica que chegou á historia da illa un pouco por casualidade, no medio doutro proxecto artístico, mais, cando coñeceu o pasado de San Simón, atopouse coa historia e xa non a puido soltar. “Canto máis sabía da illa crecía en min a necesidade de transformar iso nun proxecto audiovisual e así xurdiu a película”. O filme San Simón, unha sorte de elexía ás vítimas da represión franquista cativas nesta illa prisión, chegará ás salas de cinema o 24 de outubro da man de Baños Films despois de cinco anos de documentación e un casting masivo para plasmar a diversidade das persoas represaliadas. O traballo conta coa produción de Miramemira, Morelli e Bando à Parte (Portugal).
A película acaba de estrearse no festival de San Sebastián. Unha presentación por todo o alto.
Si, a verdade é que despois de tanto tempo de traballo de investigación e tamén pola cantidade de persoas que participaron, poder compartir con eles o froito do traballo é un momento moi feliz. Estar nun evento así é un regalo para poder facer a presentación e para que se coñeza a historia, porque dá esa gran proxección a nivel cinematográfico
Como de satisfeito está polo resultado final?
Estou moi contento polo traballo realizado, a aposta de traballar de actores e actrices en moitos casos sen experiencia previa e tamén de ter feito este exercicio de memoria viva, por ter traballado con tantas persoas do movemento memorialista e que en si todo o proceso de traballo teña o seu reflexo na película, que sexa parte integral da película.
Como chegou a esta historia?
Todo o proxecto xurdiu porque eu estaba a facer unha investigación sobre illas cárcere, en realidade para un proxecto artístico en Tabacalera Promoción del Arte, en Madrid, e nese contexto, xunto cun compañeiro que é artista, Nicolás Combarro, de Vigo, descubrín o pasado da illa e busquei información para ir lendo e investigando, pero dentro dun proxecto artístico aínda. Canto máis sabía da illa crecía en min as ganas e a necesidade de transformar iso nun proxecto audiovisual e así xurdiu a película San Simón.
En realidade parece que a historia foi que o atopou e lle pediu ser contada.
Si, foi un encontro coa illa. Eu non viña investigando especificamente sobre a illa de San Simón e nin sequera sobre os cárceres franquistas, pero un día estaba na praia de Cesantes fronte a illa e xurdiu toda a historia do lazareto, da importancia da illa para todo o desenvolvemento da toda a ría de Vigo e logo investigando, e cando souben que fora cárcere xurdiu a necesidade de saber algo máis do enclave e logo ao coñecer todo ao proceso da vítimas, xa xurdiron as ganas de facer o proxecto.
Quen o axudou neste proceso de documentación?
Inicialmente me dirixín a investigadores que fixeran traballos sobre a illa de San Simón, como Antonio Caeiro, que fixera o documental “Aillados” e logo escribiu o libro do mesmo nome, xunto con Juan Antonio González e Clara Elsa. Tamén falei con Gonzalo Amoedo, que ten o libro “Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón”, que fixo unha investigación bastante exhaustiva nos fondos documentais e tamén nos cemiterios da zona de Vigo, para tentar poñer cifras tamén a algo que é tan difícil de cuantificar a día de hoxe aínda. Logo tiña a necesidade de integrar eses traballos nunha perspectiva máis historiográfica, de como se desenvolveran os acontecementos e tamén me dirixín ao grupo Histagra para solicitar a súa colaboración e ter acceso tamén ao fondo documental que teñen sobre as vítimas de Galicia en xeral, pero tamén en San Simón.
Dirixinme inicialmente a investigadores que fixeran traballos sobre a illa de San Simón, como Antonio Caeiro, falei con Gonzalo Amoedo e tamei contei coa colaboración do grupo Histagra, para ter acceso aos fondos documentais
Pese aos casos documentados e ás cifras, que a propia película concreta en arredor de 600 mortes (entre enfermidades e asasinatos) dos 6.000 presos que por alí pasaron, tivemos que escoitar non hai moito a un deputado do PP dicir que “non tiña constancia” de mortes en San Simón.
Son declaracións desafortunadas porque hai estudos e ademais hai datos publicados desde hai máis de 20 anos, por exemplo, no boletín de estudos vigueses, onde xa se fala das persoas fusiladas en San Simón, por non falar de que tamén hai documentación das persoas “paseadas” e asasinadas indiscriminadamente sen xuízos, así como todos os fusilados e todas as persoas que faleceron na enfermaría pola carestía de alimentos e medicamentos. Entón, todo isto está documentado desde hai moitísimo tempo e supoño que a motivación para dicir esas cousas será outra pero non a veracidade ou non de se esas cousas ocorreron.
Nesta película hai moitos aspectos singulares como o feito de poder rodar na propia illa, o lugar onde sucederon os acontecementos reais.
Iso foi un privilexio e ao mesmo tempo un reto, poder estar no mesmo lugar no que sucederon os feitos poñendo en escena situacións que ocorreron alí ou que estamos tratando de reflectir. Son momentos especialmente intensos e duros por revivir esas situacións e ao tempo é unha oportunidade de poder contar o que ocorría, como deixar que a propia illa, a súa morfoloxía, os seus espazos se traducisen na propia imaxe, dándolle un peso moi protagonista dentro da película.
"A propia illa, a súa morfoloxía, os seus espazos teñen un peso moi protagonista dentro da película"
San Simón é un lugar moi especial para rodar, pola súa beleza que se contrapón cos terribles feitos alí acontecidos.
Si, ao longo deste tempo vin o importante que é para tanta xente en Galicia e ten unha importancia moi grande na cultura galega. Para min particularmente, en efecto, esa contradición é un motor inevitable narrativo para la película. O feito de que non teña toda a iconografía concentracionaria de campo, de aramados, barracóns… que non exista iso, nun momento no que falamos de campos de concentración, que é o que foron. Pero tamén os campos de concentración ao longo de todo o período da Europa negra que sempre se fala, ata a segunda guerra, tamén foron cambiando na súa forma. Entón, no caso de San Simón non hai ningunha imaxe exacta, pero é unha illa prisión, é como un pequeno universo concentracionario. O feito de que non se puidese saír, que non houbese forma de escapar tamén era un aspecto forte para a narrativa.
Tamén outra singularidade do filme é que conta no seu elenco con familiares de presos de San Simón.
Si, efectivamente Tatán ou Flaco Estévez tiveron alí familiares directos implicados e logo hai fillos ou netos con máis ou menos presenza na peli que quixeron participar e revivir esta historia persoal das familias.
Foi un traballo de casting complicado, con 250 persoas seleccionadas e moitas vistas?
Fixemos varios castings porque no primeiro, cando arrancamos en Redondela, nos pillou a pandemia. Alí vimos como unhas 300 persoas e logo posteriormente retomamos en Vigo, onde se apuntaron cerca de 3.000 persoas das que vimos unhas 700 persoas. Con esas tivemos encontros, sesións entrevistas e incluso faciamos ensaios, probas e todo ese exercicio tamén serviu para alimentar a película coas súas propias historias. O propio casting tivo un impacto na película.
"Hai fillos ou netos con máis ou menos presenza na peli que quixeron participar e revivir esta historia persoal das familias"
Neste proceso de casting tamén buscaban características diferentes, como os acentos que marcan a procedencia dos presos.
Si, no seu momento colaboramos coa Universidade e pasamos o guión para ver como estabamos reflectindo estes aspectos e á hora de traballar coa xente nos casting si que nos fixamos moito na fala, queriamos xente que tivese falas especiais con matices diversos, do Baixo Miño, de Ponteareas… xente que achega matices diferentes que creo que tamén axuda a reflectir esas diversidade de persoas que chegaron detidos de Galicia á illa.
Cal foi o maior reto?
O primeiro foi o feito de tentar contar sete anos de vida do campo de concentración e da colonia penitenciaria posteriormente en apenas hora e media. Iso foi un reto técnico de guión e de traballo e por outro lado para min era un reto importante tratar de reflectir a diversidade de situacións e de etapas, os distintos momentos dos que podemos falar.
"Foi unha represión contra unha sociedade completa, non era unha cuestión de xente soamente que se significara especialmente en loita ou en guerrilla antifranquista na retagarda"
E logo tamén esa diversidade de persoas que tamén arrastraba unha diversidade de circunstancias vitais, tentando reflectir claramente o que era: unha represión contra unha sociedade completa, non era unha cuestión de xente soamente que se significara especialmente en loita ou en guerrilla antifranquista na retagarda. E podemos ver que hai xente moi diversa, que reflicte todo ese aspecto amplo social. E tentar deixar ver que toda esa riqueza foi represaliada en San Simón foi un dos retos para min importantes.
Hai que contar este tipo de historias, son necesarias.
Sen dúbida eu penso é que necesario volver a contar a historia porque é verdade que se mantivo en diversos ambientes e está presente nas familias e nas asociacións, pero eu creo que dunha forma máis ampla é necesario coñecer os lugares tamén para saber como posicionarnos fronte a eles.
Hai pouco que se puxo en marcha o procedemento para declarar San Simón como Lugar de memoria democrática. Unha forma de reparación para familiares das vítimas.
Si, responde a unha reivindicación de hai moito tempo das asociacións de memoria das familias e no seu conxunto do movemento memorialista. Eu penso que é necesario no seu conxunto, chega moi tarde, pero é benvido evidentemente. É a resposta a un labor largo que se vén facendo desde hai moitísimo tempo.