A Xunta volve evitar aparecer na 'foto' da memoria histórica e limítase a transferir os fondos remitidos polo Goberno de España ao grupo Histagra da USC, que asume todos os traballos desta volta en Teo, Rianxo, Narón, Viana do Bolo, A Capela, Crecente, Lousame e Mañón
Dende o ano 2021 as intervencións en fosas comúns utilizadas polos golpistas para guindar os cadáveres das súas vítimas tras o golpe de 1936 non dependen unicamente da iniciativa de colectivos sociais de defensa da memoria histórica ou de accións máis ou menos illadas. O Plan Cuadrienal de Memoria Democrática 21-24 permitiu que, por primeira vez, en Galicia estes traballos de procura e dignificación tivesen non só aval, senón tamén financiamento público.
O funcionamento do Plan baséase en transferencias económicas da Secretaría de Estado de Memoria Democrática ás comunidades autónomas. Isto dá lugar, paradoxalmente, a que dende o punto de vista formal sexa a Xunta a que financia unas accións das que se desmarca simbólica e politicamente. Tamén este ano 2025, cando os fondos estatais van permitir intervir en oito fosas de Teo, Rianxo, Narón, Viana do Bolo, A Capela, Crecente, Lousame e Mañón.

Como vén facendo dende o inicio do plan, o Goberno galego limítase a transferir mediante un convenio os fondos remitidos polo Estado ao grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago, o referente nas pescudas nesta materia que lidera o catedrático Lourenzo Fernández Prieto. Desta volta a achega é de 78.250 euros que, unidas ás catro anteriores, eleva por riba dos 475.000 euros o financiamento do Goberno de España para as actuacións de Memoria Democrática en Galicia.
Os conselleiros de Presidencia e Cultura volven asinar por internet o convenio polo que o Estado remite 78.000 euros para intervir nas fosas onde foron guindadas vítimas da ditadura. Dende o inicio do plan as transferencias a Galicia superan os 475.000 euros
Un ano máis, as consellerías de Presidencia -encargada das relacións institucionais co Estado- e Cultura -que canaliza os fondos a través da partida de Actividades de promoción e difusión cultural, dada a inexistencia nos Orzamentos da Xunta de programas sobre memoria histórica- evitaron divulgar o convenio ou realizar calquera acto público ao respecto. Ao contrario que con convenios sobre outras materias, nos que titulares das consellerías ou mesmo o presidente Rueda realizan sinaturas públicas para evidenciar a colaboración do Goberno galego, un ano máis os conselleiros Diego Calvo e José López Campos optaron por rubricar o documento con sinatura dixital e pechar o acordo "telematicamente" co reitor da USC, Antonio López, os días 27 e 29 do pasado agosto.
Traballos en dúas novas fosas en Teo e Rianxo
O texto do convenio bosquexa as actuacións previstas e o seu custo. Nalgúns casos trátase de continuar traballos xa iniciados e noutros, de iniciar pescudas novas en fosas como a de Luou, en Teo, datada en 1948 e na que Histagra ten acreditado que hai catro persoas soterradas. Tamén é unha nova intervención a do cemiterio de Asados, en Rianxo, "onde estarían os corpos de dúas persoas" asasinadas polos franquistas. Asemade, intervirán por primeira vez na fosa de Ribeiras de Sor, en Mañón, cunha primeira fase do estudo do lugar onde foron guindadas sete persoas.
As restantes cinco intervencións implican continuar labores xa iniciados. Así, por exemplo, no cemiterio ferrolán de Catabois o equipo de Histagra prevé recuperar os restos depositados nun nicho que, conclúen, son dunha das 51 persoas inicialmente soterradas nunha das maiores fosas de Galicia, en Narón, que "foi exhumada clandestinamente en 1945 e trasladada a outro lugar", destaca o convenio.
O plan para 2025 prevé, canda as novas intervencións, "memorializar" a contorna de fosas onde o equipo de Histagra xa investigou e exhumou vítimas en anos previos
Outra das fosas onde o equipo de Histagra xa interviu, nese caso cunha exhumación, foi na Capela. Alí a intervención consistirá en "memorializar o espazo onde estaba a fosa exhumada", nun lugar onde "hai constancia de que foron enterradas varias persoas en agosto de 1936. O traballo de memorialización chegará tamén á fosa de San Pedro de Filgueira, en Crecente, onde foi enterrada unha persoa á que os golpistas asasinaron en Castelo de Miño o 25 de novembro de 1936. O mesmos sucederá no cemiterio de Santa Eulalia de Vilacoba (Lousame), fosa na que constan cinco vítimas.
O traballo do grupo Histagra nesta materia está amplamente acreditado. É froito dunha traxectoria con fitos tan relevantes como o proxecto Nomes e Voces, que ao abeiro da declaración do 2006 como Ano da Memoria polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG permitiu a primeira gran investigación sobre as vítimas do golpe e da ditadura en Galicia. Estes labores e os vencellados ao devandito Plan Cuadrienal, entre outros, levou o Goberno de España a encomendarlle elaborar o censo estatal de vítimas do franquismo.