É difícil concluír unha cifra exacta de cantos prisioneiros dos golpistas morreron no campo de concentración da Illa de San Simón, na ría de Vigo. Persoal investigador que pescudou na materia non dubida de que poden superar o milleiro, mesmo máis. Pero o que é innegable é que centos delas están perfectamente documentadas.
A que foi unha das prisións políticas máis tenebrosas nos primeiros tempos tras o golpe de 1936 e o inicio da ditadura regresou esta semana á actualidade. Fíxoo despois de que, o pasado mércores, o deputado do PP José Luis Ferro negase que estivesen acreditadas estas mortes como un dos argumentos para oporse a unha iniciativa do PSdeG para constituír o Consello Galego da Memoria Democrática.
"Que nós teñamos constancia, tampouco sabemos a día de hoxe pola documentación que existe que houbera mortes na illa de San Simón salvo abusos do director daquel momento da prisión que foi pasado polo coitelo, o mesmo director da prisión porque trataba mal os presos", afirmou Ferro. O certo é que a "documentación que existe" só difire no número de mortes acreditadas, pero non na súa existencia.
Diversas pescudas históricas acreditan non menos de 400 presos falecidos no campo de concentración da illa, cando menos 8 deles fusilados no lugar e dous procedentes de Celanova, localidade da que o deputado popular que di non ter "constancia" foi alcalde
Unha das investigacións máis completas ao respecto foi a desenvolvida no marco de Nomes e Voces, o proxecto interuniversitario impulsado polo Goberno de coalición PSdeG-BNG en 2006 ao abeiro da conmemoración do Ano da Memoria. Entre os seus resultados do proxecto, ao que o primeiro Goberno de Feijóo retirou o financiamento, estivo a construción dunha completa base de datos de vítimas do franquismo en Galicia na que constan, cando menos, 387 prisioneiros en San Simón cuxa morte na illa está documentada.
Como pode observarse na táboa interactiva que acompaña a estas liñas, construída con información tirada da devandita base de datos, moitas destas mortes están directamente ligadas ás condicións infrahumanas ás que as autoproclamadas como novas autoridades tras o golpe sometían os presos. Dende fame a frío, pasando por enfermidades desencadeadas pola falta de hixiene, entre outras. Dáse a circunstancia, ademais, de que cando menos dous dos presos mortos en San Simón estiveran previamente detidos en Celanova, localidade da que José Luis Ferro foi alcalde de 2012 a 2019.
Nesa mesma base de datos reflíctense a documentación de cando menos oito asasinatos de prisioneiros en San Simón. Trátase de oito homes que, tras seren sometidos a un xuízo simulado noutro campo de concentración, o de Camposancos (A Guarda), foron trasladados á illa e executados.
Críticas da Iniciativa Galega pola Memoria e BNG
O movemento memorialista esixe ao PP unha "rectificación" e lembra a investigación que deixou "máis que acreditado" que en San Simón morreron "cando menos 482 persoas de fame e enfermidade", alén dos fusilados
Ás abondosas investigacións que acreditan as mortes de presos en San Simón e mesmo evidencian que os franquistas asasinaron diversas vítimas alí aluden as críticas recibidas por Ferro na propia comisión parlamentaria onde as negou, pero tamén posteriormente. Así, por exemplo, a Iniciativa Galega pola Memoria esixía este xoves unha "rectificación ao PP" pola "extrema gravidade" das palabras de Ferro.
"Está máis que acreditada e demostrada a represión extrema, a crueldade, as torturas os traballos forzados, as extorsións o terror que sufriron os presos da Illa de San Simón", subliñan dende a IGM. Neste sentido, subliñan que o libro Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón, dos investigadores Gonzalo Amoedo e Roberto Gil (Xerais, 2008) acredita que alí morreron "cando menos 482 persoas de fame e enfermidade" e agrega que "non recolle a totalidade das mortes xa que a documentación que existe é incompleta ou de difícil acceso"
Nun sentido semellante o deputado do BNG Luís Bará, estudoso da represión franquista, vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento para esixir esa rectificación. En caso contrario, sinala, Ferro debería dimitir pola "grave ofensa a centos de vítimas e as súas familias" a través da "negación da verdade histórica" das mortes en San Simón, ás que se suman as das persoas que "foron sacadas da illa para seren asasinadas".
Bará (BNG) censura a "negación da verdade histórica" en varias iniciativas parlamentarias nas que reclama que o deputado do PP corrixa ou dimita: "É moi doloroso para centos de familias cuxos familiares sufriron cadea en San Simón e que foron enterrados en foxas anónimas"
Considera o BNG que declaracións como as deste deputado do PP "son consecuencia do desprezo e desinterese" do partido a respecto da memoria histórica. "Ademais de negarse a desenvolver políticas de memoria histórica, ocultan e negan unha realidade que é moi dolorosa para centos de familias cuxos familiares sufriron cadea en San Simón e que foron enterrados en foxas anónimas", lamenta.
Indignación en Redondela e Nigrán
O malestar coas consideracións de Ferro non fica no Parlamento. Tamén no Concello de Redondela, ao que pertence a Illa de San Simón, cuxa alcaldesa socialista, Digna Rivas, prevé promover no vindeiro pleno a declaración do deputado do PP como persona non grata.
"O PP en Galicia actúa como cómplice da ultradereita" ao "branquear o franquismo", considera Rivas. "A veciñanza de Redondela -agrega a rexedora- por suposto que sabe que San Simón foi un dos lugares da represión franquista máis emblemáticos de Galicia, onde milleiros de persoa foron pechadas e sometidas a trato inhumano" e onde ademais, agrega, "moitas mulleres actuaron como madriñas dos presos", levándolles roupa ou alimentos, motivo polo cal foron homenaxeadas dende o Goberno local.
O goberno de Redondela prevé declarar a Ferro 'persona non grata' e o alcalde de Nigrán, historiador experto na represión franquista, remítelle o libro no que acredita centos de presos mortos en San Simón
Tamén dende o Concello de Nigrán chegaron reproches ao "atentado contra a memoria histórica" do deputado do PP. O alcalde da vila, Juan González (PSdeG), historiador experto no golpe de 1936 e posterior guerra, anunciou a súa intención de enviar a José Luis Ferro un exemplar do seu libro Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón (Ir indo, 1995) obra que tamén foi un documental construído a partir de "milleiros de papeis oficiais que proban" os centos de mortes de presos no campo de concentración.
"Non se pode permitir este negacionismo e menos dun deputado", subliña González. "San Simón -enfatiza- foi un campo de concentración no que se cometeron crimes de guerra".