A Xunta gábase do seu apoio a 'Nomes e Voces' tras deixalo pechar

A illa de San Simón © Fundación Illa de San Simón

Unha das primeiras decisións do Goberno de coalición de PSdeG e BNG foi declarar o 2006 como Ano da Memoria. Ao abeiro daquela iniciativa promovida pola Consellería de Cultura xurdiu o proxecto de investigación Nomes e Voces, que implicou as tres universidades galegas co obxectivo de "estudar a represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura e ofrecerlle á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía e da súa posición favorable á democracia republicana". Entrevistas con vítimas e as súas familias, baleirado de milleiros de causas xudiciais e unha abondosa produción científica remataron definitivamente o pasado verán pola fin do financiamento público. Agora, a Xunta gábase dos anos nos que o apoiou.

O autoeloxio do Goberno galego chega a raíz dunha pregunta escrita na que o BNG preguntaba pola fin das actividades vinculadas á memoria histórica na illa de San Simón. A consellería insta a deputada Ana Pontón, autora da pregunta, a "recordar" as súas achegas ao proxecto dirixido polo profesor Lourenzo Fernández Prieto, gabándose de cumprir "o convenio asinado polo anterior Executivo autonómico", cunha achega de "240.000 euros no ano 2009 que permitiron rematar a cuarta fase do programa de accións conxuntas dirixidas a desenvolver a investigación histórica sobre a represión en Galicia".

O Goberno chama a "recordar" que cumpriu cun convenio asinado polo bipartito e obvia que o proxecto tivo que rematar por falta de fondos

Ademais de salientar que Cultura non incumpriu un convenio que xa fora asinado a Xunta advirte de que "no ano 2010 volveu asumir as novas necesidades do devandito proxecto", cun novo convenio de 30.000 euros para o "mantemento físico e actualización de contidos da información recollida na base de datos de vítimas da Guerra Civil e da represión franquista", base que, evidencia, aínda está "dispoñible" na web do proxecto. O Goberno obvia, non obstante, que a investigación tivo que botar o ferrollo neste ano por falta de cartos.

A illa de San Simón

Á marxe de Nomes e Voces, que non era obxecto da pregunta, o Executivo vén admitir que non entra na súa axenda promover acto ningún para lembrar que a illa de San Simón foi un enorme centro de detención e torturas durante o franquismo. Malia á extinción da fundación que xestionaba as actividades deste espazo, o departamento de Jesús Vázquez asegura que "configurou" este "enclave" como "centro cultural de referencia para albergar un amplo abano de actos culturais, didácticos e educativos". Agora, afirma, "continúa dinamizando a actividade cultural, promovendo os valores históricos, paisaxísticos e patrimoniais da illa".

Cultura vén admitir que non prevé organizar acto ningún vinculado á memoria histórica en San Simón

Nesta liña, Cultura cita eventos celebrados en San Simón, tales como o festival Sinsal, o congreso #NeThinking ou o II Obradoiro Internacional de Tradución Poética, así como unha residenica de intercambio "entre alumnado da Música da Universidade de Poitiers e músicos e profesorado do Centro Cultural e Deportivo de Cesantes". Pero, e a memoria histórica? A consellería evidencia que alí se celebrou tamén a "conmemoración do Día da Memoria, organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria". De actos oficiais, nada se sabe.

Oficinas do proxecto, na USC CC-BY-NC-SA Nomes e voces

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.