Luís Sánchez Rodríguez (Vimianzo, 1955) é licenciado en Dereito, foi empregado público da administración estatal e galega e xefe do Gabinete de Normalización Lingüística da Coruña da Secretaría Xeral de Política Lingüística. En 2014 comezou un traballo de investigación e recompilación que o acabou levando a conformar unha enorme base de datos sobre a represión franquista en Galicia. Máis de 18.000 fichas de persoas vítimas —na súa maioría— e represoras de Galicia ou con relación con ela que foi presentada esta semana e está accesible xa na rede grazas á colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña.
Cada un dos homes e mulleres que aparecen nesta enorme listaxe contan con cadansúa biografía, historia persoal e política ou relación familiar ata conformar unha nova gran base de datos sobre a represión que segue a actualizarse. A CRMH asegura que foron xa moitas as persoas que contactaron coa entidade para facer máis achegas a un traballo que "nin ten remate nin o terá", como advirte Sánchez.
Por que decidiu levar a cabo este traballo de investigación?
Son unha persoa amante da historia e chegou un momento no que reparei en que da represión franquista, en realidade, non sabiamos nada. Empecei intentando facer algo sobre o que acontecera na provincia da Coruña e o nome que se me viña á cabeza era o de Foucellas. Investiguei sobre el e daquelas pescudas xurdía moita xente relacionada, sobre todo persoas fuxidas que pasaran un lote de anos no monte. Así comecei, fun tirando dun fío a outro e dei co traballo de Nomes e Voces, que foi unha das consultas máis importantes, con milleiros de persoas e que intentei ir completando...
"Reparei en que non sabiamos nada da represión franquista e empecei en 2014 a investigar; pensei que me levaría dous anos e foron once"
E botou máis dunha década recompilando e investigando...
Nomes e Voces é unha base de datos moi importante na que, con todo, notaba unha ausencia importante de mulleres e datos escasos das persoas que alí saían e que me gustaría ampliar. A partir de aí fun buscando en multitude de páxinas webs, arquivos... Lin máis de 200 libros sobre o tema e consultei moitas fontes que me levaron a pescudar en tripulacións de barcos de guerra e de transporte, en documentación política ou sobre campos de concentración en España e dos nazis... Foi un traballo dunha gran fondura, que empecei en 2014 pensando que me levaría dous anos e que rematei once anos despois.
Nunca pensou en deixalo antes?
Converteuse nun vicio! A min non me daba por parar, pero si é certo que familiares e amizades si me dicían que tiña que parar, que pasaba a vida traballando no mesmo. Durmía cos represaliados e erguíame cos represaliados. Moita xente dicíame que tiña que poñer coto a este traballo, pero o certo é que non o hai. Les unha referencia dunha persoa e de aí xorden outras catro relacionadas coa represión... E desas catro, outras doce. É inabordable, pero algunha vez tiña que parar.
"Durmía cos represaliados e erguíame cos represaliados; é un traballo inabordable que nin ten remate nin o terá"
E parou.
En xuño do pasado ano levei todo o recompilado ao rexistro da propiedade intelectual e decidín parar un pouco. Logo chegou a colaboración coa CRMH e a creación desta base de datos, pero algo seguiremos traballando porque este é un labor que nin ten remate nin o terá.
Por que custa tanto afondar en todos os detalles da represión franquista?
Porque foi unha historia oculta. E non porque non se desexase contar, senón por medo. Nesta base de datos figuran algo máis de 18.000 nomes de persoas, pero pensa nas súas parellas, nos seus fillos, nos pais e nais... Estamos a falar de 100.000 persoas represaliadas, afectadas pola represión. E aínda así, faltan moitos nomes, estará o 5% do que en verdade hai; o resto quedou por aí, na longa noite de pedra.
Sorprende a abondosa información dalgunhas das fichas que acompañan as persoas represaliadas. Como chegou a ese nivel de detalle?
Porque consultei moitas fontes de cada un dos nomes. Antes de me xubilar dedicáballe moito tempo, pero así que me xubilei chegaba a pasar nove ou dez horas ao día co tema. Hai moita xente que me pregunta se o fixen todo eu só e non me cren. Pero si, fíxeno eu só, sen colaboración ningunha agás a da paciencia da miña muller, claro. Hai fichas que teñen máis información ca outras, iso si...
"A represión foi unha historia oculta; non porque non se desexase contar, senón por medo"
Por que?
Porque son persoas con moita historia e que non foron asasinadas no primeiro momento do golpe de Estado. Pasa cos guerrilleiros especialmente, porque a guerrilla estivo no monte ata 1968, data na que o último dos guerrileiros, Mario de Langullo, fuxiu a Francia logo de 32 anos escapado. Sobre xente coma el hai moito escrito, tamén porque mesmo se publicaban cousas nos xornais, cando o réxime os trataba como bandoleiros.
A CRMH advirte dunha base de datos viva e en continua actualización...
É que é unha base de datos moi actualizable, que pode seguir estendéndose. Por exemplo, fago referencia en moitas fichas a causas militares que non estudei con detalle pero que son fontes das que se pode tirar para seguir pescudando. O que hai, principalmente, é unha acumulación de moitas outras bases de datos sobre a represión que estaban por aí espalladas... É un traballo de investigación pero, sobre todo, é un traballo de recompilación de datos que estaban dispersos nunha manda de fontes. Creo que isto é o valor máis importante do que se fixo.
"O meu é sobre todo un traballo de recompilación de datos que estaban dispersos en moitas fontes"
Que este inxente labor se fixese de forma altruísta non é un síntoma de que algo falla por parte das administracións?
Estas cousas fanse ou por altruísmo ou se hai achega pública, investimento. É certo que desde as administracións non hai demasiada achega nin maior interese. Eu mesmo intentei conseguir axuda a través da Xunta e a súa resposta foi que xa había o proxecto Histagra da USC e que con iso tiñan todo cuberto. Pero, insisto, eu fíxeno de xeito altruísta porque é algo que me interesa. Decidín meterme nisto en lugar de xogar a partida ao tute... (Ri).
Debullou na historia de milleiros de persoas represaliadas, impresionoulle algún caso especialmente?
Hai moitas cousas que me impresionaron, claro. O trato que se lle daba á xente, aquelas formas de matar... Pónseme a pel de galiña. Foi especialmente duro o tratamento a algunhas mulleres ás que lles cortaban os peitos ou ás que mataban para logo meterlles na boca os testículos dos seus propios fillos... Cada vez que les ou oes algo deste tipo, claro que impresiona, pero é importante que se saiba.
"Non ensinar o que foi a represión trae consecuencias, como que haxa xente nova que diga que con Franco se vivía mellor"
Máis nestes tempos?
Cando eu empecei con este proxecto, en 2014, xa empezaban a agromar algúns destes grupos que defendían abertamente a ditadura. Foi daquela cando reparei en que, en realidade, nunca se nos ensinara ben o que supuxo o réxime, a represión fascista. Non se nos aprendeu nada nin se lle aprendeu á mocidade. A xente nova ten que saber o que ocorreu, pero non ten interese, non le sobre o tema. Iso pode ser un problema, pero hai un problema máis institucional, das administracións, que nunca formaron a sociedade nesta materia. Non ensinar trae consecuencias e son estas, que aparezan persoas novas, con 14 ou 15 anos, que se atrevan a dicir que con Franco se vivía mellor. Falta formación e moito do que fixen con este traballo foi con ese obxectivo, o de amosar o que ocorrera, mostrar aquilo que non se mostraba nunca.
A vostede contábanlle o que ocorrera?
Na miña familia aínda se falaba algo do Foucellas, do que pasaran na guerra, da represión, do que sufrira moita xente... Pero daquela maneira. Con todo, entre os amigos nunca falabamos deste tema. Podiamos facer referencia a Franco, á ditadura, pero non falabamos nada da represión. É moi doloroso que non se saiba o que pasou, que non sexamos conscientes da cantidade de xente que perdeu a súa vida ou foi represaliada sen que aquilo tivese consecuencia ningunha.