A ratificación polo Tribunal Supremo do carácter público do Pazo de Meirás a apenas dous anos do nonaxésimo aniversario da súa entrega ao xeneral golpista Francisco Franco, pero tamén a confirmación dunha indemnización aos seus herdeiros está a traer consigo o obvio caudal de celebracións. Mais tamén de apelacións á memoria: á memoria histórica para non esquecer as achegas económicas forzosas que sustentaron o agasallo ao ditador nun contexto de forte represión e á memoria máis recente, a da mobilización política e social que impulsou a presentación polo Goberno de España da demanda finalmente triunfante.
A ratificación xudicial de Meirás como patrimonio público trae consigo celebración pero tamén apelacións á memoria, da máis histórica a máis recente. Mergullámonos na hemeroteca de Praza para axudar a lembrar
No marco dese exercicio de memoria mergullámonos na hemeroteca de Praza.gal. No tempo do nacemento do xornal o Goberno galego daquela dirixido por Alberto Núñez Feijóo arrastraba os pés para dar en cumprir as obrigas que impuña aos Franco a declaración das Torres de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC), impulsada polo Executivo de PSdeG e BNG (2005-09). Eran tempos nos que os netísimos presumían do Pazo como propiedade de seu nas revistas do corazón mentres atrancaban a apertura ao público, pero tamén nos que chegaban explicacións da importancia de recuperalo do espolio por parte de voces expertas como as de Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo, investigadores clave para a recuperación.
Velaquí quince noticias da última década para non esquecer:
2017
Xa pasara unha década dende que a Consellería de Cultura do Goberno de coalición de PSdeG e BNG iniciase os trámites para declarar o pazo como BIC. O obxectivo era forzar os Franco a abrilo e poñer no horizonte a súa recuperación para o patrimonio público, tal e como viñan reivindicando movementos de recuperación da memoria histórica e o Concello de Sada -onde se atopa-, entre outras entidades. A mobilización social e política medraba e mesmo a postura da Xunta comezaba a virar.
A Fundación Franco asume que utilizará o Pazo de Meirás para facer apoloxía da ditadura
As 'doazóns' para entregar Meirás a Franco: patrullas polas casas coa supervisión da Falange
A Xunta financiou a apertura de Meirás aos Franco con 50.000 euros ata 2013
Ofensiva institucional e social para que os Franco devolvan o Pazo de Meirás
2018
A Xunta Pro Devolución do Pazo impulsada dende a Deputación da Coruña bosquexa a armazón legal que pode permitir recuperar o histórico inmoble. En paralelo, a comisión de persoas expertas abeirada polo Goberno galego tamén propón unha fórmula cara á recuperación pola vía xudicial pero cun risco: ter que acabar indemnizando os herdeiros do ditador. Oitenta anos despois da entrega formal, a posibilidade de que o pazo reverta no pobo comeza a albiscarse como real.
Os Franco encomendan a unha inmobiliaria de luxo vender Meirás como "inmoble singular"
O informe sobre Meirás "cambia o escenario": a Deputación instará a Patrimonio Nacional a recuperar o Pazo
A demanda civil que propón a comisión para recuperar Meirás abre a porta a indemnizar os Franco
Medio milleiro de persoas e 30 colectivos marchan a Meirás pedindo a devolución do Pazo
A cesión de Meirás a Franco: 80 anos desde que o Pazo caeu nas mans do ditador
2019
Un ano despois do cambio de signo no Goberno de España, o Executivo encabezado por Pedro Sánchez presenta á fin nun xulgado da Coruña a demanda contra a familia Franco para esixir a devolución do Pazo de Meirás. Un dos piares do procedemento é unha escritura que pasou décadas arquivada no centro da Coruña e que, advertiu a Avogacía do Estado, confirmou que a venda das Torres ao ditador foi "fraudulenta".
O documento clave para que o Estado recupere Meirás pasou décadas no centro da Coruña
A viraxe da Xunta en Meirás: de pagar 50.000 euros polas visitas a secundar a demanda para botar aos Franco
2020
A pugna legal alimentada por anos de mobilización social e política dá os seus froitos. A xuíza sentencia que o pazo de Meirás é propiedade do Estado. E aínda conscientes dun longo percorrido por diante contra os recursos xudiciais dos herdeiros, chegan as primeiras celebracións: a entrega das chaves do Pazo pola xuíza Marta Canales á daquela avogada xeral do Estado, Consuelo Castro, entra na historia.
A xustiza declara que o pazo de Meirás é propiedade do Estado e ordena á familia Franco devolvelo
Os herdeiros de Franco deixan Meirás tras manter a propiedade durante 42 anos de democracia
O Estado oficializa a expulsión dos Franco de Meirás nun día de "xustiza histórica"
2021
A Audiencia da Coruña ratifica a propiedade pública, pero tamén a indemnización. O mesmo que volve facer agora o Supremo. Por diante, o destino definitivo de todos os bens que contivo o Pazo e, sobre todo, o seu futuro como Lugar de Memoria Democrática.